Zona Vella, Xuvenil A e Cadete A destacan na súa fortaleza defensiva

Resultados-19-Novembro

  • Os tres equipos gañaron os seus encontros sen encaixar e seguen na zona máis alta da clasificación

Santiago de Compostela, a 19 de Novembro de 2018.

A tripleta máxica das categorías inferiores da SD Compostela volveu a render ao seu máximo nivel esta fin de semana. Zona Vella, Xuvenil A e Cadete A gañaron os seus encontros sen encaixar ningún gol e mantéñense na zona máis alta das súas clasificacións, destacando o liderado dos últimos. Ademais, esta xornada tamén chama a atención o empate do Xuvenil B no seu regreso e o triunfo do Infantil B.

En primeiro lugar, o Zona Vella recuperouse do seu último tropezo cun triunfo por 1-0 ante o Deixebre. Os branquiazuis sufriron para romper o marcador, pero lográrono mediado o segundo acto cun penalti transformado por Manuel Pardo. Cos tres puntos, os nosos ascenden ao quinto lugar, a tan só dous do líder.

A tres do líder tamén se atopa un Xuvenil A que volveu vencer pola mínima e deixando a portería a cero. Os nosos, na súa difícil visita ao Ural CF, sacaron a vitoria mercé a un solitario tanto de Andrés López no minuto 42. Os mozos suman xa 28 puntos e avantaxan en catro ao terceiro clasificado.

Pola súa banda, na súa volta á competición tras unha xornada de descanso, o Xuvenil B logrou un empate a dous goles no derbi contra o Amio. Marcos Andrade e Cristian Cerban puxeron en vantaxe aos branquiazuis, pero os visitantes igualaron no segundo acto. Mentres, o Xuvenil C non tivo tanta sorte no seu regreso e caeu ante o Cacheiras, segundo clasificado, con claridade.

Quen si mantén a súa condición de líder é un Cadete A que volveu mostrar as súas credenciais cun 0-6 na súa visita ao CD Unión. Hugo Pérez anotou un hat trick para arrincar, Iker Carril ampliou a vantaxe e Uxío Figueroa, na segunda metade, pechou o marcador para sumar xa once triunfos. Por contra, o Cadete B caeu pola mínima ante o Xuventude Oroso, 2-1, nun encontro no que o tanto de Zubo Yang non foi suficiente para sumar algo.

En Infantís, repetiuse o resultado en ambos conxuntos, malia que con diferente final. O A perdeu 4-1 contra o Dubra, polo que se mantén na parte baixa da táboa, mentres que o B gañou 4-1 ao Cruces e sobe ao terceiro posto da clasificación. Daniel Varela, David Estévez, Mateo Barros e de novo David selaron un novo triunfo dos pequenos branquiazuis.

En fútbol 8, en categoría alevín, o A perdeu pola mínima, 4-3, ante o Amio, e o B descansou. Despois, en benxamíns, A e B caeron ante Victoria FC e Burgo das Nacións, respectivamente. E, por último, en prebenxamíns, o A perdeu contra o Victoria FC, mentres que o B empatou contra o Dubra SD.

Para terminar, en fútbol sala, só xogou o Biberón B que foi superado polos nenos e nenas da SD Villestro.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado