Yosi: “O partido deste domingo será moi especial”

  • O capitán do Xuvenil A valora todo o aprendido e logrado nestes tres anos no club e agarda poder seguir vinculado ao Compos

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2021

Como capitán do Xuvenil A, Yosi liderou este ano ao equipo en busca dun segundo ascenso consecutivo. O reconvertido a lateral dereito, ademais, volveu ter presenza nos adestramentos do primeiro equipo, participou nalgún amigable e mesmo entrou en varias convocatorias. Por iso, este domingo pecha unha gran tempada e unha gran etapa de tres anos como canteirán do Compos. Co desexo de seguir vinculado ao club, o partido contra o Val Miñor B adianta que será moi especial para el.

En primeiro lugar, como capitán do equipo, que supón para ti lograr o ascenso a División de Honra?

Lograr o ascenso, para min, supón unha gran felicidade e, á vez, ensínanos tanto ao corpo técnico que nos acompaña como a todo o equipo que o traballo dá a súa recompensa.

Que aspectos consideras que foron claves, como equipo, para lograr esta gran tempada?

Á parte do traballo semanal de todos, está o bo ambiente e a amizade que hai entre todos os xogadores e o corpo técnico. Creo que iso é clave nun equipo.

En que aspectos do xogo dirías que mellorou máis o equipo respecto aos anos anteriores?

Estes tres últimos anos a verdade é que se foi mellorando no ritmo, tanto dos adestramentos como do xogo, aínda que, iso si, sempre estivo moi alto.

A pesar de que se marcou como un obxectivo, agardabas lograr un segundo ascenso consecutivo?

A verdade é que si. Cando cheguei aos adestramentos do xuvenil na pretempada e vin o nivel de adestramento e o dos xogadores, a verdade é que tiña moita confianza en conseguir o ascenso.

A nivel persoal, como valoras a túa tempada?

Considero que dei moito de min nesta tempada, pero que aínda teño que dar moito máis. Alégrome de lograr o ascenso, pero non da miña tempada.

Como foi esa adaptación á posición de lateral dereito?

A verdade é que nunca pensaría en chegar a xogar nesta posición. Nos primeiros partidos non me gustaba o rol de defensa, pero aos poucos funme adaptando a el.

Despois de tres anos aquí, cheos de éxitos, que suporá para ti o partido deste domingo contra o Val Miñor B, o teu último sendo xogador de base?

Este partido, para min, vai ser moi especial. Estou moi agradecido por todos os xogadores e corpo técnico que me acompañaron neste traxecto.

Con que quedas destas tres campañas aquí?

Quedo con todos os xogadores e adestradores que me axudaron, tanto a conseguir os obxectivos marcados co Xuvenil como a ter a oportunidade de adestrar co primeiro equipo.

Para os que quedan e para os que poidan vir, que se atoparán no Xuvenil A do Compos? Que consellos lle darías para a tempada que vén?

Van atopar un equipo cheo de gañas de gozar e de gañar nunha liga que estará chea de desafíos. E se tivese que dar un consello, sería que o desen todo nos adestramentos para poder dalo todo despois nos partidos.

Doutra banda, esta tempada, de novo, xogaches algún amigable co primeiro equipo, adestraches regularmente con eles e mesmo entraches nalgunha convocatoria. Notaches unha progresión como futbolista ás ordes de Yago?

A verdade é que si. Ir con eles axudoume a conseguir bastante ritmo e a meterme na cabeza que triunfar no fútbol non é sinxelo.

Ti que estiveches presente o verán pasado no playoff de ascenso, como viches ao equipo este ano?

Este ano o equipo deu un paso enorme. Yago confiou en non facer moitas fichaxes e nas persoas do ano pasado e conseguiuse o obxectivo. A verdade é que todos se puxeron a traballar para logralo, como equipo, e conseguírono.

Por último, para a próxima tempada, que obxectivos te marcas?

O meu obxectivo sería poder xogar para o Compos, pero está moi difícil porque hai moi bos xogadores. Con todo, gustaríame poder seguir vinculado ao club outro ano máis, aínda que queda moito traballo por diante.

Foto Principal: Luis Jiménez.

Yosi, con Gabri Palmás, nun adestramento do primeiro equipo desta tempada.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado