Yago: “O debut foi o mellor final para pechar unha etapa de aprendizaxe”

  • O canteirán branquiazul destaca o gran momento vivido en Langreo, unha estrea co primeiro equipo que supón un paso enorme e un punto de confianza para o resto da súa carreira deportiva

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2021

Ante o Langreo, Yago García Escolar cumpriu un soño, debutar co primeiro equipo da SD Compostela. Na súa primeira tempada no club, grazas á súa fantástica campaña co Xuvenil A e o seu bo facer nos adestramentos ás ordes de Yago Iglesias, o canteirán branquiazul estreouse en Segunda B, unha oportunidade que a considera como o mellor final para a súa etapa na base, un momento que supón “un paso enorme e un punto de confianza para o resto da miña carreira”.

Tras moitas convocatorias, debutas en Segunda B. Que supón este logro na curta carreira de Yago García Escolar?

Era algo que vía ao alcance tralas convocatorias, pero non acababa de chegar. Supón un paso enorme e un punto de confianza para o resto da miña carreira.

Como te viches no campo?

Ben, gozando ao máximo cada minuto xogado e tentando dar o mellor de min.

Como lembras ese momento de saltar ao campo e estrearte co primeiro equipo?

Lémbroo como un momento feliz. É un momento co que todo xogador soña e é unha sensación de alegría na que se che pasan moitas cousas pola cabeza, pero tes que estar concentrado e atento ao partido.

Considéralo como o peche ideal para a etapa de fútbol base?

Considero que foi o mellor final para pechar esta etapa de aprendizaxe, na que pasei bos momentos, pero tamén outros que non o foron tanto.

Visto en perspectiva, cando fichaches polo Compos, esperabas ter tanta presenza no primeiro equipo?

Non, eu viña centrado en conseguir os obxectivos co xuvenil. Sabía de antemán que Yago contaba bastante cos canteiráns para os adestramentos, pero tampouco pensei que podería chegar a xogar.

A nivel do primeiro equipo, aprecias unha mellora futbolística tralos adestramentos co Compos?

Si, adestrar con xogadores de tan alto nivel fai que o teu nivel como futbolista aumente, eles fanche ser mellor xogador cada adestramento.

Que aprendiches deles e de Yago Iglesias?

Moitas cousas: a competitividade de todos, as gañas por querer mellorar cada día en cada adestramento, o querer gañar sempre sendo fiel a un estilo e uns valores…

Pasando ao Xuvenil, logrouse o ascenso a División de Honra. Cales crees que foron as claves para conseguilo?

Houbo moitos factores, entre os que se atopan o traballo de todo o corpo técnico, a unión que se formou no vestiario e as gañas que tiñamos todos de conseguir o obxectivo.

A nivel individual, disputaches catorce partidos con dez goles, como valoras a túa tempada?

Unha boa tempada diría eu. A única pega a lesión que me apartou da competición durante sete semanas máis ou menos, o cal me prexudicou, pero estou moi contento polos goles e, sobre todo, por axudar a conseguir o obxectivo tan desexado.

Para os que teñan o premio de estar na nova categoría, ti que xa xogaches nela anteriormente, que consellos lles darías?

É unha liga moi dura e difícil, onde hai que dalo todo en cada partido e non relaxarse, a pesar de poder estar nunha boa situación, porque en nada pode cambiar todo polo nivel dos equipos.

Por último, de cara ao futuro, que obxectivos te marcas?

Gustaríame quedarme aquí e poder competir no maior nivel posible, así como optar a conseguir grandes obxectivos para seguir crecendo como persoa e como xogador.

Foto Principal: Yago, no debut contra el Langreo. Autor: Aurelio Flórez / La Voz de Galicia.

Yago García Escolar celebrando un dos seus goles esta tempada. Foto: Luis Jiménez.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado