Yago Iglesias: “Dominar os partidos co balón vai ser a nosa seña identidade”

Santiago de Compostela, a 8 de Agosto de 2016.

Logo do encontro contra o Paiosaco, Yago Iglesias falou acerca do que foi o partido e da semana dura de traballo que os agarda.

En canto ao encontro de onte, foi “un partido totalmente controlado de principio a fin. Quizais si se veu o traballo da semana, porque foi de moita carga física, e si que acabaron o partido cun ritmo máis baixo do habitual, pero moi ben”, comenta.

O adestrador tamén tivo palabras para un dos máis activos en todo encontro, o canteirán Alberto: “É un xogador con moita progresión. Vénselle cousas de xogador con moito futuro, pero hai que ter calma, porque aínda non está maduro. Hai que ir dándolle minutos, pero a verdade é que ten moi boa pinta”, asegura.

En canto ao próximo rival da Copa Deputación, o Somozas “é un rival de maior categoría, con moi bos xogadores, que seguro que nolo pon moi difícil”. Un equipo ao que xa se enfrontaron no triangular de Praíña, partido que rematou con empate a un gol. Aínda así, “vai ser un partido totalmente distinto ao de Praíña. Era de 45 minutos e os dous estábamos de probas e este xa é de competición”, di Yago.

A eliminatoria permitirá abrir San Lázaro por primeira vez no ano, algo que agrada ao técnico ribeirense: “O mellor é que xogamos na casa, pisar San Lázaro permitiranos, na medida do posible, adaptarnos ao terreo de xogo no que actuaremos toda a tempada”.

Nesta estrea a intención é seguir co mesmo modelo de xogo que o amosado ata o de agora: “No triangular xa o fixemos e imos seguir igual. Ter o balón e controlar os encontros é a nosa filosofía, temos moi claro como temos que competir e esa vai ser unha seña de identidade do Compostela durante todo o ano”, asegura.

 Será a primeira pedra de toque da tempada, nunha semana cargada de encontros: “Vai ser unha semana longa de competición. Mércores xogamos, xoves imos a Ourense, venres adestramento e sábado temos o Triangular de A Estrada”, comenta Yago.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado