Yago Iglesias despídese da SD Compostela tras cinco marabillosas tempadas

  • Dirixindo o proxecto branquiazul, o equipo foi mellorando ano tras ano, cun gran estilo de xogo, conseguindo multitude de récords que quedarán para o recordo

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2021

Yago Iglesias non continuará na SD Compostela. Tras cinco marabillosas tempadas dirixindo o proxecto branquiazul, nas que o equipo foi mellorando ano tras ano cun gran estilo de xogo, conseguindo ademais multitude de marcas que quedarán para o recordo, toca dicirlle adeus a un dos mellores adestradores que pasou por este club.

Con Yago Iglesias no banco, o Compos logrou un ascenso a Segunda B, dous títulos de Liga de Terceira, tres playoffs de ascenso consecutivos, unha Copa Deputación, unha fase autonómica da Copa Federación e superou unha rolda da Copa do Rey. A maiores, co club, alcanzou a marca histórica de puntos en categoría nacional (86), igualou o récord de partidos seguidos gañados (10), igualou tamén o de vitorias seguidas na casa nunha mesma campaña (13) e con el no banco superouse o número de minutos seguidos sen encaixar gol (798).

En total, dirixiu á SD Compostela en 178 encontros, con 92 vitorias, superando o 50% de éxito en competicións oficiais.

Pero máis aló dos datos, Yago Iglesias deixou plasmado o seu selo nun gran equipo, admirado tanto polos seguidores branquiazuis como polos adestradores, xogadores e afeccionados doutros clubs. Unha idea de xogo na que o balón foi sempre o protagonista, mellorando ano tras ano ata a última versión, a 5.0, que marabillou á Segunda B e que conseguiu deixar a súa pica en grandes campos do territorio nacional.

Por todo iso e moito máis, MOITAS GRAZAS e MOITA SORTE, YAGO.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado