Xuvenil B e Cadete B pechan a primeira volta no liderado

Santiago de Compostela, 10 de Maio de 2021

Nunha nova fin de semana cargada de encontros para os equipos da base da SD Compostela, a nota destacada da xornada deixóunola os dous equipos B da categoría xuvenil e cadete, os cales pecharon a primeira volta da Liga no liderado, posto que os sitúa para disputar a Fase de Ascenso á Liga Galega.

Xuvenil A

En primeiro lugar, o Xuvenil A non puido festexar o ascenso á División de Honra cun resultado positivo nas Instalacións Deportivas da Madroa. Tras unha primeira metade moi igualada, na segunda, o Celta B colleu unha vantaxe decisiva que ampliou co paso dos minutos para pechar o marcador cun 7-2.

Nos primeiros corenta e cinco minutos, tras dous tantos nos primeiros instantes dos celestes, o Compos conseguiu empatar o duelo co dobrete de Hugo Matos. Porén, un gol no último minuto do primeiro acto e dous máis nos cinco primeiros do segundo, marcaron o devir da contenda.

Con 49 puntos, os nosos rematarán a Liga no terceiro posto. Con todo, queda aínda unha xornada para despedir aos nosos en Santa Isabel. Pecharase así, contra o ED Val Miñor B, unha tempada perfecta.

Xuvenís

Mellor sorte tivo o Xuvenil B, quen gañou por 0-5 ao Lalín B, mantendo así o liderado por diferenza de goles co Amio. Os nosos dominaron o encontro de principio a fin, abrindo o marcador no minuto 5 co tanto de Sergio Martínez. Logo chegaron os goles de Emil Bautista, Manuel Insua, Logan Tobar e Manuel Galego para culminar a vitoria.

Tamén con folgura, o EF San Lázaro logrou o primeiro triunfo da tempada, superando por 2-7 ao Noia B. O filial compostelanista dominou o choque con dobretes de Antonio Lustres, Xian Domínguez e Mateo Nicolás Ronzoni, así como co gol de Xaime Paz.

Cadetes

O Cadete A non puido repetir a vitoria da semana anterior e caeu, nun encontro moi igualado, contra o líder, o CD Conxo, por 0-1. Un solitario tanto ao comezo da segunda metade decantou o derbi xogado en Santa Isabel.

O Cadete B, pola súa banda, empatou 0-0 contra o Victoria FC, o seu inmediato perseguidor, polo que pechou a primeira volta no máis alto da clasificación. Os branquiazuis tiveron oportunidades, pero non conseguiron romper o arco dos santiagueses, polo que, tras cinco xornadas, marchan no liderado con 8 puntos, un máis que o seu rival de onte e co Oroso B.

Por último, o Cadete C acadou os tres puntos tras gañarlle ao Amio B por 2-3. Os nosos tiveron que poñerse por diante no marcador ata en tres ocasións para conseguir o triunfo, decidindo o último gol no tempo de desconto. Os goles branquiazuis asináronos Edgar González, Brais Rodríguez e Sergio Varela.

Infantís

O Infantil A, na tarde de onte, perdeu por 0-4 contra o Amio, polo que non puido manter o liderado, mentres que o Infantil B conseguiu a primeira vitoria da tempada ao gañarlle 1-0 ao ED Xuventude Oroso B. Blas Baqueiro, no 32, anotou o tanto do triunfo.

Fútbol-8

En alevíns, o Alevín-Pato Guillén, nun partido que contou coa presenza do porteiro na bancada, superou ao Burgo das Nacións e mantense segundo na táboa. O Alevín-David Soto perdeu contra o Villestro C, mentres que o Alevín-Brais Abelenda sumou o terceiro triunfo consecutivo, esta vez contra o Escola Estrada C, e seu de primeiro.

En benxamíns, so xogou o Benxamín-Saro e Jimmy, o cal caeu pola mínima contra o Conxo C, pero segue de segundo.

En prebenxamíns, o Prebenxamín-Bicho perdeu contra o Victoria FC, mentres que o Prebenxamín-Baleato superou ao Conxo B.

Fútbol Sala

Por último, o Biberón-Álvaro Casas empatou contra o Bertamiráns.

Alevín-Pato Guillén co porteiro e Pablo Antas, encargado da metodoloxía do club en Fútbol-8.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado