Volver a gañar nun estadio histórico

  • A SD Compostela enfrontarase este domingo ao Numancia co obxectivo de regresar á senda da vitoria

Santiago de Compostela, a 23 de Abril de 2021.

A SD Compostela viaxa esta fin de semana a Soria co obxectivo de volver á senda da vitoria. Tentando desquitarse da primeira volta desta Fase Intermedia, os nosos tentarán superar a todo un Numancia no Estadio dos Pajaritos, campo histórico do fútbol español. Con ilusión e moito traballo, os branquiazuis agardan sacar o reto adiante.

Baixas. Joel xa está a facer cousas co grupo e estamos moi contentos. Agora quédanos Hugo, que fixo unhas probas esta semana e parece que está a evolucionar e cicatrizando esa lesión que ten. Dentro do vivido a fin de semana pasada, foi unha semana boa porque recuperamos, practicamente, a todo o grupo e porque a chegada de Joel é un motivo de alegría.

Nova semana, novas ilusións. Seguimos coa nosa liña de crecer como equipo semana a semana. O vivido o domingo pasado deixounos unha resaca máis longa do normal, pero unha das cousas que falamos, sobre todo para os que chegaron novos, é que hai unhas vivencias neste equipo, desde hai un tempo, que parece que está destinado a reinventarse ano a ano con situacións un tanto fatídicas. Lembro o playoff contra o Salmantino, o gol do Alavés B no 94 e esta fin de semana ese penalti no engadido que nos aparta un pouco, virtualmente, desas opcións de seguir pelexando pola nova categoría. Con todo, todos os luns sae o sol, no momento no que empeza unha nova semana, afrontámolo con novas ilusións. Vendo adestrar ao equipo esta semana notamos que está en boa sintonía, que hai moi bo ambiente e polo nivel que están a demostrar, o domingo pode ser un bo día en Soria.

Acabar o máis arriba posible. Este equipo está afeito a rexurdir, a crecer en base ás adversidades que se van dando e facendo un pouco de repaso destes anos, estas pequenas pedras que nos fomos atopado foron duras, pero no cómputo xeral houbo máis alegrías que tristezas. O do outro día foi un pau para todos, pero hai que facer valer o que o equipo fixo ao longo da tempada, pelexando polo que estamos a pelexar, cando ao principio ninguén contaba connosco. E a partir de aí, esta segunda volta desta segunda fase afrontámola coa idea de dar a nosa mellor versión e ser un equipo competitivo para tentar acabar o máis arriba posible. Se esta finde facemos un bo partido en Soria e podemos axudar aos nosos compañeiros galegos de grupo, mellor que mellor.

Estar na mellor versión. Temos ese resquemor ou espiña cravada de que o partido da primeira volta non foi o noso mellor encontro, aínda que o Numancia fixo moitas cousas ben. É un equipo moi sólido, que nas distancias curtas é moi bo e que o alcume de transatlántico da categoría é unha realidade, xa que ten outro nivel tanto grupal coma individual, pero queremos ser ese equipo que se demostrou ao longo da tempada en escenarios como Riazor, Barreiro ou Pasarón, e con esa intención imos. Queremos brindarlle a vitoria á nosa afección e, sobre todo, a nós mesmos, que nos vai tocando unha vitoria despois de moito tempo. Para iso hai que estar na mellor versión e niso estamos a traballar.

Mellorar a primeira volta. Temos que buscar motivacións en calquera lado. Este ano temos moitas motivacións ás que agarrarnos para sempre sacar a nosa mellor versión. Neste caso, unha vez xa competimos contra os tres equipos do outro grupo, o Numancia deixounos boas sensacións, pero tamén quedamos coa espiña ese día de que non demos a nosa mellor versión. Por iso, ao noso mellor nivel, ou preto del, podemos sacar algo positivo non só contra o Numancia, senón contra os tres. Nesta segunda, o obxectivo é mellorar a primeira volta e todo empeza indo a Soria este domingo, nun campo de primerísimo nivel e contra un equipazo. Sabemos que para eles, despois da derrota contra o Deportivo, será importante gañar para que non se distancien, pero nós seremos profesionais ata ao final e non imos baixar os brazos en ningún momento.

Xogar nun estadio coma este. Sempre motiva e é un aliciente ir a un campo que hai nada vías pola tele e que agora che toca a ti ir alí, contra xogadores que hai un ano seguíalos pola tele e que agora son do mesmo nivel que ti. É un aliciente para que o xogador e o equipo estea sempre pisando o acelerador. A partir de aí, somos conscientes do rival que estará en fronte, do escenario ao que imos, pero tamén de que fixemos grandes partidos neste tipo de campos e imos con toda a ilusión do mundo para dar a nosa mellor versión e demostrarnos, unha vez máis, que o noso nivel é o da categoría, e que a nosa maneira de entender as cousas é a adecuada para sumar os puntos. Estarémonos a xogar máis ou menos a nivel cuantitativo, pero si nos estamos xogando moito a nivel persoal, porque estamos a adestrar e competindo xa para ser unha mellor versión nosa e mellorarnos a nós mesmos, estamos a competir ademais contra nós mesmos para demostrarnos que seguimos apertando, mantendo o nivel e que en ningún momento imos baixar os brazos.

Competir ata o último día. Estamos obrigados a competir ata o último día, non por obxectivos, que está máis que cumprido, nin por clasificación, senón por ser fieis aos nosos valores, identidade e idea. O que caracterizou a este equipo ao longo da tempada é que sempre quixo dar a súa mellor versión e demostrar que hai nivel suficiente para estar nesta categoría e este partido non vai ser menos, a iso imos.

Formato das novas ligas. O formato que queren facer é piramidal, cun chanzo máis, no que a Segunda RFEF será o nivel da antiga Segunda B. Hai xente que o quere menosprezar e dicir que quedar en Segunda RFEF é un descenso, ao cal non lle atopo lóxica por ningún lado, porque sigo estando no mesmo nivel. O formato piramidal fará que sexan grupos de 18 ou 20 equipos e entendo que será por proximidade, e vexo que o nivel seguirá sendo alto. O que podo apreciar desde a distancia é que a Federación quere ir subindo o nivel das categorías, porque nuns anos queren subir os requisitos, o cal me parece adecuado. En canto á categoría na que seguramente esteamos nós, véxoa como a Segunda B antiga e o formato que dá a RFEF así o fai ver.

Quitarse o sombreiro coa filosofía de club. Quédanos un pouco de pena polas últimas semanas nesta segunda fase, porque todos temos unha ilusión enorme e ao vernos lonxe de equipos como Deportivo ou Racing parece que a tempada do Compos foi menor. Por iso, unha desas ilusións que temos de ir aos Pajaritos a polos tres puntos ou gañar ao Marino na casa é precisamente esa, para que a xente non esqueza o que estamos a facer. Que non esqueza, ademais, por encima de todo, porque creo que é a definición do club, a maneira de facer as cousas, a filosofía e o proxecto, porque iso cúmprese a rajatabla, en canto á filosofía de fichaxes, perfil de xogadores ou adestrador e estrutura de club, o cal o equipo, aínda por encima, transmíteo con creces no campo. Sabemos o que somos, de onde vimos e cal é a nosa idea, pero en canto pita o árbitro non hai equipos grandes ou pequenos, competimos contra todos e cunha idea que deu e segue dando que falar, que levantou expectativas grandes co que podiamos facer e o que estamos a facer. Unha vez máis, sacarse o sombreiro con todos: cos propios xogadores, a xunta directiva e os afeccionados, que nos consta de primeira man que están encantados co que o equipo fai.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado