Unha vitoria para confiar na deusa fortuna

  • A SD Compostela só pensa en sumar os tres puntos este domingo en Salamanca, coa fe de que chegarán os demais resultados

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2022

A SD Compostela só pensa nun obxectivo: gañar este domingo no Helmántico. Con ese reto partirán a terras charras, confiando ademais en que facendo os deberes, a deusa fortuna poida axudar e lograr así a clasificación para o playoff de ascenso. Os nosos, en todo caso, só se centran en sumar os tres puntos, debido a que é condición indispensable para poder beneficiarse doutros posibles resultados.

Esta tarde, na rolda de prensa previa ao encontro, Rodri destacou a importancia de estar moi concentrados durante os noventa e tantos minutos e aproveitar os momentos para sacar a vitoria.

Estado do plantel. Creo que poderei contar con todos. O único que está descartado é Jordan. Escudero, Matías e Salado teñen problemas físicos, adestraron a menos ritmo e entre hoxe e mañá, polos adestramentos e as sensacións que teñan, decidiremos se están para competir ou non.

Encontro contra o Salamanca. É unha final, un partido que ambos necesitamos gañar e é para competir, para ser listos, para futbolistas con todas as letras. Será un duelo no que se darán moitas situacións e no que haberá que tomar boas decisións, porque só nos vale a vitoria. Un rival moi complicado, que compite moi ben, que lle penaliza seguramente a puntería en área rival e que nos esixirá moitísimo, porque teñen futbolistas moi contrastados na categoría. Temos que ir preparados para un partido de moitas disputas, moita concentración, onde os pequenos detalles marcarán a diferenza.

Triunfos pola mañá. Oxalá sexa a quinta vitoria. Preocúpame como sexamos quen de competir e o tempo. Nas últimas saídas, o Compos deu unha gran imaxe, competiu fenomenal, pero non foi quen de gañar. Esta semana non nos vale o empate de Avilés ou Adarve, senón a vitoria. Somos conscientes do que nos estamos xogando, temos que apurar as opcións que nos quedan e iso pasa por gañar nós, logo xa se verá se se dá a carambola. Primeiro temos que dar a nosa mellor versión, o noso mellor nivel e sobre todo gañar. Esta semana necesitamos os tres puntos e imos a por iso.

O Helmántico. As últimas visitas o campo non estaba tan ben como esperabamos, pero eran outras datas, polo que entendemos que agora si estará ben. Iso implicará que contra un rival e cun gran ambiente, o equipo terá que ter personalidade para desenvolver o xogo que nos gusta e para os momentos complicados, que os haberá, ser quen de defender, non sufrir e tomar as mellores decisións para facerlle dano a un rival que llo xoga todo.

Visitas a Salamanca. No playoff houbo dous tempos moi diferenciados, un moi bo e outro no que nos salvou Lucas. E o outro recordo, nun campo moi embarrado, non fixemos un bo partido. En todo caso, quedo coas últimas saídas que fixemos, porque creo que o Compos non sacou bos resultados para os merecementos que fixo. Demos unha gran imaxe, competimos moi ben e agora é seguir tentándoo, pero os dous ou tres minutos de descoidos que tivemos esas veces que non ocorran. Pasounos demasiadas veces este ano, o que nos penalizou moitísimo, porque fora da casa fixemos partidos moito mellores do que os puntos reflicten. Esta semana cámbioche xogar mal e gañar, porque é o que necesitamos. Se xogamos ben estaremos máis preto de facelo, polo que o tentaremos, pero hai que competir, estar moi concentrados, ter personalidade e o chisco de fortuna necesaria para calquera partido e máis para unha final.

Seguir os outros campos. Os xogadores terano prohibido e o corpo técnico ten que estar a outra cousa. O primeiro é facer o noso, facer o noso mellor partido, dar a mellor versión e despois gañar. Non nos vale mirar outros campos se non somos quen de gañar, mesmo nos podería prexudicar. Daremos todo polo noso partido, que é onde podemos ter influencia e despois oxalá teñamos esa dose de fortuna ou se dean os resultados que nos suban a un posto de playoff.

Unha porra. Váleme calquera resultado que sexa gañar, incluso un penalti no noventa e pico, que din que gastamos o cartucho contra o Arousa, váleme. Haberá distintos escenarios ao longo do partido, oxalá sexamos quen de lelos ben para esperar o noso momento e aproveitalo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado