Vitoria e boas sensacións para pechar a pretempada

Celebración de Samu no seu gol. Foto: Amadeo Rey.

  • A SD Compostela superou ao Fabril por 2-1, nun bo encontro do equipo de Rodri

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2021

A SD Compostela despediu a pretempada ante o seu público cunha vitoria por 2-1 contra o RC Deportivo Fabril. Os compostelanistas deixaron unha gran imaxe no seu último encontro estival, logrando ademais o seu segundo triunfo nesta fase de preparación grazas aos goles de Josiño e Samu.

O último encontro dos nosos neste período estival comezou da mellor maneira posible, con dous golazos en dúas grandes accións de ataque para un Compos dominador.

Primeiro, no 12, Salado conectou con Jimmy que serviu ao centro, deixándoa pasar Escudero e definindo, tras controlar, Josiño, cuxo zurdazo dende a frontal pegou no poste e acabou na rede. E no 19, Guille Torres cambiouna para Parapar, este controlouna na banda e o seu centro medido ao punto de penalti conectouno de cabeza Samu para subir o segundo ao marcador.

A pesar da vantaxe, os branquiazuis, hoxe de negro, puideron aumentar a renda con dúas ocasións de Escudero, unha nun remate que saíu ao centro e outra nun man a man que se marchou rozando o poste, e outras dúas de Parapar, unha que se foi rozando o traveseiro e outra na que Alberto tapou o seu disparo forzado.

Con todo, quen marcaría antes do descanso serían os visitantes, nunha xogada de estratexia na que David Mella recibiu en banda e puxo a asistencia rasa para que Juan Rodríguez, de primeiras, a cravase á escuadra.

Tralo paso polos vestiarios, o encontro seguiu coa mesma tónica, aínda que, como é habitual en encontros de pretempada, o ritmo foi decaendo polos continuos cambios.

Entre tantos paróns, en dúas xogadas illadas, o Fabril puido empatar o encontro. Primeiro, Juan Rodríguez puxo un centro medido ao segundo pau que Sanmartín, de cabeza, enviou fóra por pouco. E catro máis tarde, nunha contra catro para tres, Davo quedou só ante Pato, pero este tapou á perfección os ocos e rouboulle a carteira ao dianteiro.

Tamén tivo a ocasión para o terceiro o Compos, nas botas de Salado. O extremo zurdo atopou o oco entre liñas, avanzou ata o borde da área e soltou un zambombazo á escuadra que sacou Alberto cun auténtico paradón.

Ata o final do choque, apenas se viron achegamentos ás áreas, sendo o máis destacable o regreso a Santiago de Manu Rivas, excanteirán compostelanista que fichou este verán no conxunto herculino.

FICHA TÉCNICA:

SD COMPOSTELA: Borja Rey (Pato Guillén, m.46); Saro (Yago, m.80), Álvaro Casas, Guille Torres (Joel, m.63), Jimmy (Roque, m.63); Samu (Mario, m.80), Jordan (R. Baleato, m.63), Josiño (Primo, m.63); Parapar (Rafa Mella, m.46), Salado e Escudero (Pablo Antas, m.35).

RC DEPORTIVO FABRIL: Alberto; Iván, David, Juan Rodríguez (Manu Rivas, m.84), Manu (Dani Barcia, m.59); Víctor (Padín, m.74), Mario (Fabio, m.74), Barba (Brais Val, m.66), David Mella (Nájera, m.46); Sanmartín (Kike, m.81) e Davo (Raúl, m.81).

GOLES: 1-0: Josiño, min.12; 2-0: Samu, min.19; 2-1: Juan Rodríguez, min.42.

Árbitro: Miguéns Santiago (Santiago). Amoestou a Álvaro Casas, polo Compos; e a David e Brais Val, polo Fabril.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Partido amigable disputado ante 450 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado