Vitoria de mérito, terceira seguida

Os xogadores celebran o gol de Jimmy, nun partido patrocinado por Talleres Cecastar. Foto: Brais Fernández.

Os xogadores celebran o gol de Jimmy, nun partido patrocinado por Talleres Cecastar. Foto: Brais Fernández.

  • O Compostela superou ao Barco nun gran partido cun gol de Jimmy

Santiago de Compostela, a 8 de setembro de 2019.

A SD Compostela levou tres novos puntos no Vero Boquete, e xa van nove, despois de superar por 1-0 ao Barco. Os branquiazuis demostraron un gran xogo, dominaron por completo ao seu rival e acabáronse levando a vitoria cun gol de Jimmy no 85. Público e equipo gozaron así dunha gran tarde que acabou da mellor maneira posible.

Coma se non pesase o esforzo do mércores pasado, a SD Compostela saltou ao Vero Boquete con gañas de seguir de doce. Para iso, baixo a batuta de Yago Iglesias, os nosos saíron coa portería rival entre cella e cella, malia que sempre dominando a posesión. Os branquiazuis asfixiaban coa súa presión e o Barco non era capaz de saír do seu campo.

Así, aos oito minutos chegou a primeira oportunidade cun tiro de Miki ao lateral da rede, malia que a máis clara tívoa Pablo Antas, tres máis tarde. O mediocentro lucense conectou un cabezazo perfecto, tralo centro de Rodri Alonso, pero Oviedo estirouse para sacar unha gran manopla e evitar o tanto.

Non serían as únicas opcións, xa que de novo Miki cruzaría en exceso, nunha nova entrada por banda dereita, mesma sorte que atopou Pablo Antas nun lanzamento de falta desde a frontal. Tamén sairían lamendo a cepa do poste, xa nos últimos compases, dous disparos cruzados de Jimmy, o lateral esquerdo chegou arriba ambas veces, pero os seus tiros marcháronse pola liña de fondo.

A pesar dos quince minutos de asueto, a cara do encontro no segundo tempo mantívose igual, mesmo cun dominio branquiazul acrecentado. Nada máis iniciarse o período, Rodri Alonso tivo o primeiro, tras asistencia de Brais Abelenda, pero o seu disparo á rede rebotou nun defensa e foise a córner. O de Bembibre sería o seguinte en probalo, cun remate de primeiras que se foi arriba.

Houbo tempo tamén para a polémica, como nunha caída de Rodri na área, tras xogada individual de Josiño, na que o colexiado non decretou nada, aínda que non foi motivo para que o Compos perdese a calma. Tampouco cando Gabri Palmás enviou arriba a enésima oportunidade, nun balón morto, trala parada de Oviedo ao disparo de Jimmy, dentro da área pequena.

E froito desa paciencia, tanto foi o cántaro á fonte, que a pelota acabou entrando. Cambiando de debuxo, os espazos apareceron por dentro e o balón terminou na rede. Nunha xogada na que todos tocaron a pelota, Miki desde a dereita conectou con Josiño, este virouse e púxoa á entrada de Jimmy, polo outro lado, e o lateral santiagués cravouna cun disparo potente raso ao primeiro pau.

Era a guinda a un labor encomiable, na que o equipo demostrou todas as súas armas contra un rival chamado a estar na parte alta. Por iso, a pesar dos cinco minutos, máis o desconto, que restaban, o equipo soubo durmir o partido e esperar ata o asubío final para acabar saboreando a vitoria, a terceira consecutiva e a segunda no fortín.

Nunha semana durísima, con tres encontros e un título mediante, o Compos sumou tres novos puntos que o manteñen cun anecdótico liderado en solitario. O vindeiro domingo, os nosos tentarán defendelo na complicada saída ao Campo das Eiroas , ante o Bergantiños.

FICHA TÉCNICA:

1- SD Compostela: Pato; Saro (Baleato, m.81), Álvaro Casas, Soto, Jimmy; Samu, Pablo Antas; Miki, Josiño (Mon, m.89), Brais Abelenda; e Rodri Alonso (Gabri Palmás, m.64).

0- CD Barco: Oviedo; Ordoñez (Diego Tato, m.87), Javi, Andrés, Oli (Segura, m.87); Moreira, Rubén García; Ivi Vales, Íñigo Pisón, Marcos (David Álvarez, m.66); e Juanito Bazo.

Goles: 0-1: Jimmy, min.85.

Árbitro: Pérez Prado, comité lucense. Amoestou a Mon, polos locais; e a Oli, David Álvarez, Rubén García e Moreira, polos visitantes.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro. Partido da xornada 3 de liga do grupo 1 da Terceira División disputado ante 800 espectadores. Antes do inicio do encontro, o equipo ofreceu a copa conquistada o mércores en Portonovo e ademais gardouse un minuto de silencio por Mercedes Caramés, ex-abonada do club.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado