Visita a Langreo para seguir soñando

  • Quitado o peso da mala dinámica, os nosos queren seguir crendo e crecendo nesta recta final de campionato

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022

A SD Compostela, tras moitos meses, busca poder fiar triunfos de novo nesta liga, un obxectivo claro co que viaxan este sábado a Langreo para seguir soñando con entrar no playoff de ascenso. Quitada a mala dinámica de resultados, os nosos queren seguir crendo e crecendo en base ás ideas que identifican ao equipo.

Na rolda de prensa previa ao choque, Rodri analizou a importancia de ser fieis ao estilo do Compos e de pelexar con humildade no Novo Ganzábal para conseguir os tres puntos.

Estado do plantel. A semana pasada tivemos a última hora unha rotura de fibras de Escudero, moi pequeniña, pero está fóra do grupo. Matías empezou a adestrar ao seu ritmo antonte, polo que tampouco estará para esta fin de semana. O resto do plantel gustaríame e creo que poderei contar con eles. Temos algunha cousiña, caso de Jordan, pero gustaríame contar con todos.

Con humildade a polos tres puntos. Un partido no que os dous nos xogamos moito. Eles están nunha situación complicada, que non límite, pero necesitan gañar, máis na súa casa. Nós, despois da vitoria en casa, moi ilusionados, notei un cambio, sobre todo a nivel de confianza dos xogadores, pero hai que demostralo. Imos ir a Langreo coa humildade de sempre a tentar sacar os tres puntos.

Quitarse un peso de encima. Notaba estas últimas semanas certo nerviosísimo, situacións anómalas, pero trala vitoria notei unha explosión de xente que se quitou un peso grande de encima, sobre todo porque había a sensación de que estas últimas semanas faciamos moitas cousas ben, pero resistíasenos gañar, sen saber moi ben o por que. O desta fin de semana non foi o mellor partido dos últimos que fixemos, pero fomos quen de gañar. Sobre isto hai que reflexionar: nin antes eramos tan malos nin agora tan bos. Competimos a un nivel altísimo durante todo o ano, só me sentín inferior a un equipo, contra o resto tivemos os nosos momentos en todos os partidos e con iso me quedo: como competimos, como traballamos e como facemos as cousas. Ás veces acertamos, ás veces cometemos erros, pero creo que a implicación é máxima e o equipo está a dar o que ten.

Novo Ganzábal e o Langreo. O campo é de herba artificial, grande pero antigo. É peculiar e distinto ao que estamos afeitos. A parte diso, é un equipo que é quen de xogar de dúas formas distintas: directo, porque teñen dous dianteiros moi grandes que saben xogar de costas, pero se teñen espazos, saben combinar e non o rexeitan. O importante é o noso modelo de xogo, os nosos mecanismos e os pequenos matices. Seguir crendo e seguir crecendo en base ás nosas ideas e o que facemos ben.

Potencial do rival. Os dous dianteiros, o mediapunta Junior, a defensa con xente veterana e con moita experiencia. É un equipo completo, non lles seguín todo o que me gustaría durante o ano, pero é un equipo que fai cousas. Por iso, dentro nun grupo igualadísimo no que calquera che pode gañar, será un duelo moi complicado.

Dominar a posesión. Intentarémolo, tentaremos ter a posesión porque é un campo grande. Adaptarémonos, porque sabemos que eles terán máis urxencias e terán que expoñer, ben porque están na casa ou ben porque necesitan os tres puntos, e deberíannos deixar certos espazos. Preparamos un plan de partido para tentar aproveitar certas situacións que facemos ben e non rexeitamos nada. Queremos gañar, queremos deixar a portería a cero e seguir crendo.

Deixar a portería a cero. Ante iso é seguir traballando, non nos vale de nada lamentarnos nin queixarnos. Creo que non estamos a ter fortuna en certos momentos, polo tipo de goles que estamos a encaixar, por algún rebote, erros non forzados, pero quédanos seguir traballando. A vitoria da semana pasada deunos confianza, quitámonos un peso de encima, non fixemos nada, pero hai que confiar, porque é o que nos pode levar a conseguir cousas.

Sería un fracaso non entrar en playoff. Fracasa o que non o tenta ou o que non dá o 100%. Non o considero un fracaso, máis ben unha decepción. No meu caso individual, dediqueille moitas horas, cometería erros e acertos, pero sempre pensando no ben do grupo e do Compos. No caso de que non o consigamos, que sigo pensando que o faremos se estamos estes tres partidos ao noso nivel, sería unha decepción, porque a palabra fracaso paréceme moi forte.

Rumores sobre Pablo Durán. Pablo está a facer unha tempada boísima e é un mozo moi novo. Eu leveime unha alegría. El é unha persoa madura, que asume isto como algo natural, creo que o debe asumir ademais como un afago e un premio, e esa madurez fai que non se descentre, porque desde que chegou segue traballando coa mesma humildade, ganas e fame, parte moi importante de poder conseguir o éxito. Estará centrado ata o último día que estea connosco e despois desexarlle moita sorte, se se pode marchar e é bo para el e o club, alegrareime. E se temos a fortuna de que se poida quedar un ano máis, a gozalo e a tentar sacarlle o máximo rendemento posible.

Atención a outros campos. Absolutamente nada. Temos que preocuparnos de dar o 100%. Se o facemos, estamos máis preto de sacar nove puntos e se o facemos, estou seguro de que nos metemos. Se antes non me gustaba mirar a clasificación, porque me parecía que me podía distraer, agora tampouco o vou a facer. Tomarei decisións que nos acheguen a poder gañar e en tres semanas miraremos a clasificación para ver se tivemos a sorte e fixemos as cousas suficientemente ben para poder xogar o playoff.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado