Unha vitoria que permita soñar

  • O Compos quere acadar os tres puntos ante o seu público con vistas na segunda fase e no que poida pasar noutros campos

Santiago de Compostela, a 26 de Marzo de 2021.

Este domingo vivirase unha mañá de transistores, unha última xornada con moito en xogo na que o Compos, cos deberes feitos, soña con dar a badalada. A carambola é complicada, pero os tres puntos resultan vitais, xa non só para ter posibilidades, senón polo súa importancia na segunda fase do campionato. O reto será complicado, pois vén ao fortín un dos mellores conxuntos do segundo tramo de competición, pero os nosos, co apoio incondicional dos seus dende a bancada, agardan superalo e conseguir un ansiado desquite deportivo contra o Salamanca.

Baixas. Temos as baixas de Hugo e Primo, que ata o segundo tramo de competición non poderemos contar con eles. No caso de tentar forzar, sería contraproducente, polo que os servizos médicos dinnos que esperemos unha semana máis. Son as dúas baixas xunto coa de Joel.

Volver sumar de tres. Non pensamos máis aló que na fin de semana volver sumar de tres no Vero Boquete. Queremos volver á senda da vitoria, o obxectivo principal está feito e o que veña agora benvido sexa. Iso si, somos un grupo ambicioso e sempre imos aspirar ao máximo. Sabemos que esta fin de semana téñense que dar unha serie de circunstancias para acabar na terceira posición, pero cosas máis raras se viron no fútbol.

Controlar o controlable. O que depende de nós é acabar a semana ben e sumar os tres puntos, ao finalizar o partido xa veremos onde esteamos. O que queremos é acabar a primeira fase con boas sensacións e que nos axude a entrar no segundo tramo da liga nas mellores condicións posibles.

O Salamanca. No partido da primeira volta pouco podiamos saber deles. Fomos unha semana despois polo do parón pola climatoloxía e o terreo de xogo tampouco nos ensinou demasiado. Naquel momento, o equipo estaba a empezar a asentar unha idea co seu novo adestrador, sendo agresivos defensivamente para aproveitar as que tivesen. Agora, na segunda volta, o equipo cambiou e mellorou e aí están os seus números. Arrastran a mala xeira do primeiro tramo, pero deron un paso adiante e están a mostrar o rendemento que se esperaba deles por identidade, orzamento ou xogadores.

A xornada final. Se ao principio de tempada nos din que imos estar co obxectivo inicial conseguido a unha xornada do final e que iamos estar para pelexar o ascenso á nova categoría, asinariamos todos, sen dúbida. Creo que chegamos a esta categoría este ano e, aínda que o futuro do club teno que decidir o propio club, dentro da filosofía de ir crecendo aos poucos, unha vez chegas, primeiro tes que asentarte e despois seguir subindo. Se o obxectivo era a permanencia e competir na nova categoría, o ano que vén, competir nela debería ser o obxectivo.

Cambio na segunda volta. Dende a chegada do adestrador e as varias fichaxes do mercado invernal dotaron ao equipo de máis contundencia defensiva e máis capacidade de xogo. Con xogadores como Molina, no medio, Ayala, en liña defensiva, e Chávez ou Uxío, na parcela ofensiva, teñen velocidade, capacidade de asociarse e facerse fortes, polo que están máis compensados. A partir da fortaleza defensiva, tentan transitar, pero se lles deixas tamén teñen recursos para someter ao rival, polo que son moito máis versátiles. Por iso, teñen argumentos, a nivel individual e colectivo, para afrontar distintos tipos de partido.

Proxectos diferentes. Naquel playoff, o Salamanca era un equipo feito para ascender e gañar a liga. Empezaron titubeantes, metéronse na última xornada e chegaron como cuartos, pero foron eliminando ao resto e competendo como se esperaba deles. Co ascenso, cambia a filosofía e daqueles xogadores só continuaron un par e tres anos máis tarde non se parece en nada, a nivel de plantel, ao que é agora. Por iso, poucas similitudes hai con aquela eliminatoria, máis aló do escudo e a camiseta. Agora teñen unha experiencia en Segunda B e a fin de semana virán poñérnolo difícil, pero para nós é un encontro importante, e non porque nos deixase eliminados daquela, porque véndoo a posteriori mesmo nos veu ben para afianzar o proxecto. É importante porque se en agosto nos din que iamos ter este tipo de partido para meternos entre os tres primeiros ou con puntos para xogar unha hipotética promoción de ascenso a Primeira RFEF asinariámolo. Temos que ser consecuentes e desfrutar o momento. Dende o encontro de Zamora, o ritmo de adestramento é brutal e os xogadores están con máis gañas e ilusión que cando tiñamos que gañar de tres para lograr o obxectivo. Estou desexando que chegue o domingo e a segunda fase, sexa cal for o grupo, para ver competir ao meu equipo.

Un día especial. Volvemos ter 1.000 afeccionados na casa, nunha mañá de domingo de fútbol e iso lémbrame a partidos de Primeira División de hai anos. Imos desfrutar e a centrarnos no que depende de nós e que o de fóra non nos afecte. Temos que centrarnos no que pase no terreo de xogo, coma sempre.

Cambio de obxectivos. Dende que logramos a permanencia matemática en Zamora, o luns xa houbo cambio de obxectivos. A maneira de crecer é sempre tentar mellorar, non quedar parados co conseguido. O primeiro obxectivo é conseguir o maior número de puntos posibles e a partir de aí gozar do que veña despois, porque tanto os rivais dun grupo como os do outro son moi atractivos. O segundo tramo chámame a atención, tanto ou máis que esta primeira parte.

Balance da primeira fase. O peor é a situación na que temos que xogar, de semana tras semana estar pendente dos test e de estar cohibido. O mellor é o rendemento do equipo, porque no feedback que nos dá o afeccionado sobre o que o equipo está a facer, a palabra é orgullo, que lles gusta o que o equipo fai e que o Compos compita contra os mellores. Dende logo, o Compostela volve ser un equipo importante en Galicia.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado