Un último partido para ir a pola vitoria

  • Os nosos queren acabar unha gran tempada cos tres primeiros puntos desta Segunda Fase e despedila da mellor maneira

Santiago de Compostela, a 6 de Maio de 2021.

 A SD Compostela viaxa este sábado a Langreo co obxectivo de pechar unha gran e ilusionante tempada con boas sensacións. Logo de que se resistise en encontros anteriores, os nosos queren conseguir a primeira vitoria desta Segunda Fase e subir algún posto na clasificación. Con esa mentalidade, irán a polos tres puntos no Estadio Nuevo Ganzábal.

Baixas. Josiño, Juampa e Hugo son os que non estarán esta fin de semana. Joel está adestrando co equipo, ten a alta médica, pero a alta deportiva non, porque aínda non ten o ritmo suficiente como para facer fronte á competición, polo que quedará a volta para a tempada que vén.

Última semana. Fixemos unha semana un pouco distinta, en canto a restarlle importancia ao partido e centrarnos máis en desfrutar dos adestramentos e ter boas sensacións. O que queremos é acabar o ano con boas sensacións, pero tamén sabemos que será difícil, porque sendo o último partido están moi próximas as vacacións e, queiras que non, todo o mundo as quere canto antes e as precisa. Intentaremos ser competitivos e vexo ao equipo nesa liña.

Intentar acabar o máis arriba posible. As motivacións están en ser quen de conseguir unha vitoria e de intentar non ocupar ese cabeiro da clasificación. Cremos que o equipo fíxoo ben nesta segunda fase, coas circunstancias deses tres partidos tan continuados que foron un tanto crueis para nós, pero a realidade márcaa o verde. Vamos a ir a Langreo a intentar acabar o máis arriba posible e, sobre todo, demostrarnos a nós mesmos que somos quen de gañar nesta segunda fase e fóra da casa.

Posibles rotacións. Chegados a este punto hai que facer algún tipo de cambio. Temos catro baixas que nos coartan un pouco esas posibles variantes, a nivel de nomes, pero si que vamos a ir a Langreo cun equipo diferente ao visto ao longo da tempada.

O Langreo. O Langreo está un pouco na mesma situación ca nós, que nesta segunda fase chega cunha soa vitoria. Vén dunha derrota avultada contra o Deportivo e seguro que quere acabar ben o ano, con boas sensacións e diante da súa xente. Chegamos sen xogarnos nada a nivel numérico, polo que adiantamos o partido para acabar a tempada e poñer o foco de atención e a cabeza na próxima.

Futuro. Quero seguir crecendo como adestrador, seguir dando pasos e todo o que sexa mellorar no ámbito deportivo estará por enriba do ámbito económico, polo que non está na miña man, senón que o club ten que dicir moito niso. A semana próxima falaremos de verdade, trataremos a situación e valoraremos. Son cinco anos nos que por sorte, para min, pasaron máis cousas boas que malas e creo que esta tempada, como adestrador e corpo técnico, a versión 5.0 da SD Compostela está a un nivel altísimo e para seguir crecendo hai que mellorala. Aí, en base á porcentaxe que o club queira afrontar para mellorar, estará tamén a porcentaxe de opcións de que siga aquí.

Acabar o domingo e a partir do luns sentarme co Compostela. Díxeno sempre e seguireino dicindo, quero acabar o domingo a tempada e a partir de aí escoitar ao Compostela, saber cal será o seguinte nivel que o club quere dar e formar para poder decidir.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado