Un rival en forma nun campo sintético

  • O Compos tentará ampliar a dinámica de resultados contra un Silva que acumula cinco vitorias seguidas

Santiago de Compostela, a 8 de Febreiro de 2019.

A SD Compostela viaxará este domingo ao mediodía, ás 12.30 horas, a terras coruñesas para medirse a un Club Silva SD que acumula cinco vitorias seguidas en liga. Os branquiazuis, despois de lograr dous triunfos nesta segunda volta, queren manter a súa dinámica de resultados superando un reto que se complica aínda máis polas dimensións do terreo de xogo sintético Grela 1.

“Imos a un campo complicadísimo e medirémonos ao terceiro equipo seguido que expón unha defensa de cinco como o seu sistema máis utilizado, destacando polo seu enorme poder defensivo e sacando moito rédito das xogadas a balón parado”, explicou Yago Iglesias na rolda de prensa.

A experiencia destes últimos anos, sempre con Javi Bardanca no banco, definen a un conxunto con xogadores moi  corpulentos, moi fortes a nivel defensivo e que destacan polo seu poderío nas xogadas ensaiadas. “Conseguiron dúas incorporacións de moito nivel, Jonathan na dianteira e Fiuza no centro da zaga, que se suman a xogadores como Souto, con moita experiencia. Xuntos forman un equipo de moito peso, de carácter e que saben ler os partidos”, analizou o técnico.

Ademais das complicacións do rival e do campo, o Compos terá que facer fronte este domingo tamén aos seus múltiples baixas, con tres xogadores sancionados e dous, Álvaro Casas e Samu, entre algodóns. “Esperaremos a mañá para ver as súas sensacións, pero as circunstancias do equipo obrígannos a precisar deles. Mañá miraremos se pode ser así ou se imos ao plan B”, alertou.

Nesa reestruturación do equipo, Yago non deu moitos detalles, malia que anticipou que Sergio Pereira, Naveira ou Mon, están capacitados para actuar no centro da defensa. “É como o tetris, se sacas xogadores dalgunha liña para atrás, outros teñen que ocupar o seu lugar. Haberá que adaptarse ás circunstancias en base ao que traballamos ao longo da semana”, comentou.

Os que finalmente saian ao terreo de xogo terán a premisa clara de que nun campo como este “hai que tentar ter a pelota máis do normal e se facemos faltas, que sexan en campo rival”.

Estas serán as claves para que o domingo o equipo volva sumar de tres, ampliando a dinámica de resultados e apertando aos rivais, coa meta de quedar o máis arriba posible. En fronte haberá un equipo en forma e un campo sintético, pero os branquiazuis irán ao Grela 1 con plena confianza para traer o triunfo a Santiago.

REY_8064

Compartir en Redes Sociales

Relacionado