Un ritmo elevado, clave para gañar o derbi contra o Arenteiro

  • Rodri quere darlle continuidade á boa imaxe do mércores nun novo duelo no fortín

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2022

A SD Compostela quere darlle continuidade este domingo á boa imaxe mostrada este pasado mércores contra o Salamanca. No derbi contra o Arenteiro, os nosos apostan por xogar con moito ritmo para poder superar ao conxunto do Carballiño. Con plena confianza, agardando que o equipo se recupere ben fisicamente, os nosos van a polos tres puntos de novo.

Esta tarde, en rolda de prensa, Rodri analizou a previa do duelo destacando a importancia da efectividade e dar todo para superar a un gran rival.

Declaracións destacadas.

Estado do equipo. Levamos unhas semanas con algún que outro problemilla físico e hoxe veremos. A xente está normal, cansa, despois dun esforzo grande, tanto en Carballo o sábado como o mércores aquí contra o Salamanca, pero de calquera forma estas 48 horas que quedan para o partido serán máis que suficientes para chegar con garantías. Gustaríanos poder contar con todos, pero ata última hora non o saberemos, porque hai xente con algún problema muscular e golpes, o de todas as semanas. Despois temos a dúbida de Pablo Antas que esperamos que esta semana xa poida entrar.

Plantel dispoñible. Recuperamos a Guille e esperamos que tamén a Pablo Antas. Despois, temos a dúbida de Samu, que ten o nocello aínda moi inchado; Roberto, que tivo un problemilla que nos obrigou a cambialo no descanso; Rafa Mella, Pablo Durán, que tamén tivera problemas nun nocello; o propio Parapar… hai cousas soltas, pero esperamos que polo tempo, o tratamento e, sobre todo, as ganas que teñen eles de poder xogar e achegar, que estean dispoñibles.

Reacción contra o Salamanca. Era un pouco o que buscaba. Dá rabia que un equipo que propón e que fai cousas ben, deixar escapar puntos por un tema que temos identificado. Era o que quería facerlle ver aos xogadores. Eles son xogadores cos que dá gusto adestrar, porque sempre tentan dar o mellor de si e unha vez máis, contra o Salamanca, fixérono. Esa é liña, porque somos conscientes de que somos un bo equipo, pero que nos custará como a todos. Gañaremos, perderemos ou empataremos, pero quedo coa actitude que tivo o equipo, tanto no plano ofensivo como defensivo, e ese é o listón para nestas once xornadas meternos no playoff.

Efectividade do equipo. Sabemos que imos disputar un partido contra un rival que ten as ideas moi claras, un equipo ben traballado, físico e que executa ben a presión. Evidentemente, é importante, como o mércores, poder marcar canto antes, para que o contrario se teña que abrir e pola confianza nosa. É certo que tivemos efectividade, porque nas primeiras chegadas fomos quen de marcar goles e oxalá siga así. Vexo ao equipo con moitas ganas e con moita valentía para poder apertar, porque somos un equipo que mete moito ritmo aos partidos. Esa é a liña que a todos nos gusta e o que tentaremos seguir executando polo ben do Compostela e do grupo.

O Arenteiro. Creo que o seu propio campo ás veces prexudícalles, porque ten boísimos futbolistas. Agora, coa chegada de Pibe e Pol Bueso, aínda meten máis dinamita. Sabemos que nos enfrontaremos a un rival moi complicado, cuxa clasificación a día de hoxe é anecdótica, porque irán para arriba, e que nos poñerá en moitas dificultades. Temos que sobrepoñernos ao cansazo, a un gran rival que virá aquí e facer o que executamos ben para poder sacar os tres puntos.

Dez empates cada equipo. Nunca asino un empate, despois por unhas cousas ou outras non es quen de facelo. Cada vez que empatas tes que facer unha valoración do que fas ben e mal, e en función diso seguir mellorando. En San Lázaro estamos a facernos un rival moi complicado para os equipos que veñen e oxalá podamos seguir na mesma dinámica.

Traballo entre semana. A maioría do traballo táctico, está de todo este tempo. Meteremos pequenos matices, onde cremos que podemos facerlles dano polas súas mobilidades, e respecto ao plano físico teño a esperanza e estou convencido de que os mozos van chegar ben. É refrescar tres catro-cousas, meternos outros tantos matices para ser máis eficaces, e pouco máis. Darlles confianza e traballar, para saír coa cabeza ben alta porque deches todo, o mínimo que se lles pode pedir.

Apoio da afección. É un gustazo cada vez que xogamos a cantidade de xente que nos vén a apoiar. Despois da pandemia, volver sentir o alento da xente e o bulicio da bancada, é unha gozada. Oxalá se viva un derbi con dúas afeccións que animen, que sexa unha festa sa e que se vexa un gran partido no que a xente desfrute.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado