Un punto para cada bando na batalla do Espiñedo

Celebración do equipo tralo tanto de Primo. Foto: Amadeo Rey.

  • Primo adiantou ao Compos no desconto da primeira parte, pero Renan empatou á volta do intermedio

O Carballiño, 10 de outubro de 2021

A SD Compostela sumou un novo empate, o terceiro consecutivo, trala dura batalla do Espiñedo. O derbi contra o Arenteiro repartiu un punto para cada lado tras un duelo igualado, con moitas interrupcións e no que ambos bandos tiveron as súas opcións.

Tras unha boa primeira parte, Primo adiantou ao Compos no desconto, rematando de cabeza un gran centro de Pablo Antas, pero os locais responderían nada máis volver do descanso, cun zapatazo cruzado de Renan.

De derbi en derbi, a SD Compostela chegaba ao Espiñedo coa misión de converter os dous últimos empates, nos que mereceron mellor sorte, nunha vitoria. Para iso, ante o Arenteiro, como principais novidades, Rodri deu entrada a Guille Torres e Samu no once inicial, reforzando a zona central do equipo.

Ao Compos esperáballe un partido duro, nun campo de diferentes características ao do fortín e contra un rival que levaba na casa sen perder dende o 2019. Así, desde o asubío inicial, púidose comprobar que a igualdade sería a tónica dominante do derbi, nun duelo propenso ás interrupcións.

Os primeiros en avisar, tras un inicio de moito tenteo, foron os locais, no 15, cun lanzamento de Adrián Cruz que se estrelou no pau. O mediocentro colleu un mal rexeite da zaga e, desde tres cuartos, soltou un disparo seco que se estrelou contra o ferro.

Respondendo á oportunidade inicial, aos 27, o Compos tívoa nas botas de Samu, pero a opción escapouse por milímetros. O mediocentro de Bembibre recibiu no punto de penalti de Escudero, quen se escapara en velocidade pola banda, pero o seu remate coa zurda, de primeiras, pasou rozando o traveseiro.

Co paso dos minutos, os branquiazuis fóronse adaptando mellor ás necesidades do partido e empezaron a chegar con máis perigo. No 37, Escudero rematou en semierro unha gran acción de Josiño pola liña de fondo e a defensa despexou o perigo. E no 44, tras un roubo de Samu, Parapar puxo un gran servizo desde a dereita, Primo gañou a pelexa aos centrais, pero o seu remate marchouse arriba.

Con todo, aínda habería unha última e esta si acabaría na rede. Pablo Antas foi o máis listo sacando unha falta rápido, antes de que pitase o descanso o árbitro, coa colaboración de Escudero puido avanzar pola banda e puxo un centro ao bordo da área para que Primo, impóndose no salto a Diego, asinase o seu cuarto gol da tempada.

O tanto foi todo un xute de enerxía, xa que se produciu na última acción do primeiro tempo, chegándose ao tempo de asueto con vantaxe visitante.

Con todo, pouco duraría a alegría para os compostelanistas, xa que nada máis arrincar a segunda, no primeiro minuto, equilibraríanse de novo as hostilidades. Renan atopou unha pelota solta entre lateral e central, penetrou na área e sacou o seu fusil para cruzala ás mallas, imposible para Pato.

A pesar do mazazo do gol, o Compos sacouse a presión de encima dous máis tarde, no 48, cun gran disparo de Parapar, desde o pico da área, que sacou Diego García a córner cunha gran estirada.

A medida que avanzaba a segunda parte, o encontro volveuse cada vez máis duro, con continuas interrupcións por faltas e os cambios. Neses intres, como proba desa situación, Jordan entrou ao campo, recibiu unha amarela aos cinco minutos e sufriu unha entrada durísima dous máis tarde que lle obrigou a retirarse lesionado dez minutos despois de entrar.

Entre protestas e atencións médicas, os locais aproveitaron a ocasión para apertar en área contraria en tres córneres seguidos. Nun deles, Joseca enganchouna no segundo pau, o seu tiro rebotou nun xogador do Compos que cambiou a traxectoria, pero Pato, estirando a perna, conseguiu salvar o gol co pé.

A pesar de todo, os nosos terían a última, no 95, nas botas de Pablo Durán, quen armou o disparo desde a frontal, pero este saíulle centrado e Diego atrapou en dous tempos.

Por tanto, trala dura batalla, ambos contendentes levaron un punto. O Compos suma o seu terceiro empate consecutivo, polo que segue sen perder nesta liga tan igualada. Agora, os nosos tentarán regresar á senda triunfal o vindeiro domingo, no fortín, ante o Marino de Luanco.

FICHA TÉCNICA:

1- CD ARENTEIRO: Diego; Eimil, Ger, Portela, Mariña, Joseca (Naveira, m.84); Alex Fernández, Adrián Cruz (Markitos, m.71), Renan; Sobrido (Raúl Branco, m.77) e Adri Castro (Sylla, m.77).

1- SD COMPOSTELA: Pato; Roque (Saro, m.72), Álvaro Casas, Guille Torres, Salado; Pablo Antas; Rafa Mella (Parapar, m.18), Samu (Joel, m.60), Josiño (Jordan, m.60 (Pablo Durán, m.72)), Escudero; e Primo.

GOLES: 0-1: Primo, min.45+2; 1-1: Renan, min.46.

Árbitro: Quintairos Rial (Galicia). Amoestou a Adrián Cruz, Naveira e Mariña, no Arenteiro; e a Rodri (banco), Salado e Jordan, polo Compos.

Incidencias: Estadio do Espiñedo (O Carballiño). Xornada 6 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 600 espectadores, aproximadamente, con gran presenza de público de Santiago.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado