Un partido no fortín para reencontrarse coa vitoria

  • O Compos quere lograr os tres puntos para seguir enganchado á pelexa polas dúas prazas de ascenso

Santiago de Compostela, a 17 de Abril de 2021.

A SD Compostela volve este domingo ao fortín cun obxectivo, reencontrarse coa senda da vitoria. Os branquiazuis queren estrearse nesta segunda fase do campionato, diante do seu público, nun partidazo contra o Langreo. Por iso, os nosos chegan moi enchufados e loitarán con todo por tres puntos que tamén lle permitan reengancharse á pelexa polos dous primeiros postos da fase.

Baixas. A principal boa nova é que Primo fixo toda a semana co grupo e perfectamente. En principio, estará para formar parte da convocatoria. Pola súa banda, Hugo segue de baixa, aínda que cada vez lle queda menos para que cicatrice a rotura que tivo, pero despois hai que sumarlle unhas semanas de adestramento co grupo e irá xustiño.

Seguirán os cambios. Imos continuar. Ao final de tempada sempre se baixa a carga de adestramentos, sendo máis dinámicos, dando tamén refresco aos que máis xogaron. Isto non se consegue nun partido só, así que hai que mantelo no tempo, polo menos, unha semana máis. Haberá cambios esta semana respecto do que estamos afeitos a ver cada fin de semana, aínda que se cadra non será tanto de nomes, pero si de posicións no campo, que é o que podemos facer coa disposición de plantel que temos e tal e como estamos de efectivos.

O Langreo. O Langreo, na xornada 7, ía primeiro no seu grupo, estando configurado para acabar entre os tres primeiros, pero sofren dúas baixas moi importantes e, a partir de aí, nótano. A nivel de xogo, é un equipo que propón ter balón, pero que tamén ten xogadores de ataque moi verticais. Non coñecemos tanto o nivel individual dos xogadores, pero pódese asemellar ao Racing de Ferrol, porque pode xogar máis directo ou ter balón e con futbolistas de alto nivel, con pasado en categorías máis altas. E no banco, un adestrador coñecido por ser o segundo de Paco Herrera, cun percorrido profesional enorme e que agora o está facendo moi ben no Langreo.

Lograr os tres puntos. Evidentemente, é importante, porque despois só quedarían tres partidos. Non me gusta falar de finais, máis nunha situación dunha fase de ascenso, que máis que de necesidade é de ilusión e premio ao feito anteriormente. Queremos competir, ser mellor equipo e o noso obxectivo é conseguir os tres puntos. De conseguilos, creo que nos reengancharíamos e que serían tres partidos finais, con enfrontamentos directos, bonitos para todos. De non facelo, veríase moi difícil o alcanzar os dous primeiros e mesmo afectaría no estado anímico, que é o que non queremos, porque queremos competir ata o último día.

Unha vitoria necesaria. O equipo adestra como o primeiro día, o problema está en que a fin de semana non nos están acompañando nin os resultados nin o bo facer anterior. Ante o Marino, o obxectivo claro era volver facer as cousas como estabamos afeitos e fixémolo. Fomos a un campo complicadísimo, onde perdeu o Burgos e o Numancia, e de principio a fin fomos ese equipo que ten posesión, que xoga en campo rival e que xera ocasións, pero volvemos fallar, incluído un penalti. Iso é o que depende de nós, impoñernos ao rival no como o queremos facer. Despois do visto en Marino e como adestramos esta semana, somos optimistas. O que o equipo necesita é unha vitoria, agora quedan poucos partidos, pero estou seguro de que a vitoria chegará, que nos vai a dar un plus para esas tres últimas xornadas e estar no máximo nivel.

O formato da segunda fase. O formato faio a Federación e son eles os que deciden como se desenvolve o calendario. Certos equipos parten con vantaxe por facelo mellor no primeiro tramo. Este é o formato que nos toca e só podemos centrarnos no que depende de nós. Esta fin de semana é bonito, polos enfrontamentos que hai e, a partir de aí, pódese empezar a divisar por onde van quedar os equipos ao final desta segunda fase. Se somos quen de gañar e o resto non, seguramente demos un salto na clasificación, nos vexamos cerquiña e con opcións.

Resarcirse na casa. Nesta semana, o mércores, que é o adestramento que leva máis carga e que máis se lles esixe aos xogadores, foi dos mellores da tempada, dun nivel altísimo, e iso demóstrache que o equipo está con ganas. As sensacións coas que nos viñemos de Luanco, de que fomos mellores que o rival en moitos tramos, fan que o xogador quede con ese proído de resarcirse na seguinte xornada na casa.

O equipo volve para arriba. O equipo, ao longo da tempada, fixo partidos espléndidos, dun nivel altísimo en todos os sentidos, pero somos o que máis empates temos da categoría, o que che fai ver que gañar partidos neste seguinte chanzo é moi difícil. Por iso, esíxeche estar ao 120% ou como o que dicimos no vestiario, pisar o acelerador e non levantalo. No momento en que o levantas un pouquiño, pode ocorrer o destas últimas xornadas, porque todo o cansazo mental para lograr o obxectivo pasa factura, xa que queres dar o máximo rendemento, pero indirectamente as pernas ou a cabeza non che seguen. Ao longo dunha tempada normal, sempre se fala dun momento de baixón en todos os equipos. Neste formato curto, nas primeiras 18 xornadas estivemos a un nivel altísimo e pode ser que nestas dúas últimas esteamos nese baixón, pero vendo o da semana pasada en Marino de Luanco, son optimista. Vexo que o equipo volve para arriba e agardo que o referendemos cunha vitoria esta fin de semana.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado