Un novo derbi para seguir crecendo

  • A SD Compostela buscará encadear triunfos neste 2021, contra o Coruxo, no seu regreso ao fortín

Santiago de Compostela, a 30 de Xaneiro de 2021.

A SD Compostela buscará mañá, a partir das 17.00 horas, encadear dous triunfos seguidos neste 2021 para seguir crecendo na clasificación. Os nosos, trala vitoria en Riazor, queren superar ao Coruxo no regreso ao fortín branquiazul, co obxectivo de distanciar a un rival directo e gañar a diferenza de goles.

Baixas. Están todos perfectos, agás a baixa de Primo e a de Joel.

Obxectivo. Todos os partidos son distintos, pero está claro que no partido desta fin de semana, outra vez no Vero Boquete, o obxectivo exposto é volver á senda da vitoria en casa, volver sumar de tres diante da nosa xente, aínda que non vaia a poder estar. Queremos volver desfrutar da vitoria e de que os tres puntos queden aquí.

Partido fundamental. O equipo que está en fronte, evidentemente, non ten tanta repercusión como o da semana anterior, pero para nós é tanto ou máis importante. Este partido é fundamental, ao longo da semana dedicámoslle moito esforzo a que todo saia ben o domingo e a iso imos.

Diferenzas do rival respecto ao ano pasado. O Coruxo foi o equipo revelación da tempada pasada e teñen gran continuidade, entre outras cousas, co corpo técnico. Iso dálles unha fiabilidade e unha continuidade no proxecto e na idea. Por iso, a principal diferenza deste ano é que non se están atopando co gol como a pasada tempada ou anteriores.

Análise do Coruxo. Para min, é un equipo cun potencial enorme, empezando polo seu banco, con Míchel Alonso, quen conta cunha experiencia brutal na categoría, sacando rendemento a todos os equipos, polo que é un referente nos bancos a nivel galego. E a nivel de xogadores, Alberto, Antón de Vicente, Álex Ares, Silva, Pedro, Jonathan Vila, Borja Yebra… son xogadores con moitísimo pouso na categoría e en superior. Vendo liña por liña, é un equipo moi a ter en conta, tanto a nivel individual como colectivo. Cando os estudas un pouco máis, dáste conta que ao longo desta tempada tiveron partidos nos que lles faltou acerto e noutros nos que a mala sorte lles pasou unha mala pasada. A diferenza na clasificación está neses momentos puntuais.

Seguir coas boas sensacións. Somos conscientes do potencial do rival que teremos diante e sabemos que para sacar os tres puntos temos que estar na nosa mellor versión, seguir con ela. A fin de semana pasada volvemos recuperala e agora o que queremos é mantela ata final de tempada. Esta semana toca dar un saltiño máis e iso vén por manter o nivel de concentración, o nivel de xogo e, a partir de aí, ser quen de perforar a portería rival.

Mellorar o nivel. Somos conscientes do que somos, de onde vimos, cal é o obxectivo e de que para conseguir este bo facer é debido ao traballo. No momento no que nos relaxemos un pouquiño, a realidade será outra, porque a categoría é moi dura. O que queremos é que o nivel se manteña ao longo das semanas, ou mesmo que mellore. Vendo traballar ao equipo esta semana e o ambiente no vestiario, creo que a xente está moi mentalizada e desexosa de que chegue o domingo para seguir na liña.

Apertar os dentes. A semana pasada foi complicada para nós por ter tres partidos e de moita dificultade, polo que no vestiario xa recalcamos o domingo pasado que se todos apertamos o acelerador somos capaces de facer cousas grandes e bonitas, pero no momento no que deixemos de facer iso atoparémonos coa realidade da categoría, do moito que cambia a clasificación se sumas os tres puntos ou non. O grupo ten claro todo isto. A misión é apertar os dentes, traballar e cada semana ser mellor equipo.

Controlar o controlable. Para subsistir nunha profesión como a nosa débese controlar o controlable, o que depende de cada un. É certo que a clasificación é irreal. Nós imos na xornada que é, mentres que hai outros equipos que non, pero teñen que xogar eses partidos. Cada semana hai encontros de máxima rivalidade e vital importancia, porque está todo igualadísimo, polo que temos que centrarnos, máis que nunca, no partido a partido. Centrámonos só en Coruxo e, a partir de aí, os rivais terán que recuperar os seus partidos e veremos, aos poucos, en que vai quedando a clasificación. Sempre que fagamos o que depende de nós e teñamos o bo facer de conseguir os puntos que queremos, o que fagan os demais non ten que preocuparnos.

Dar todos o máximo nivel. Non hai noticias de posibles chegadas. É certo que Casti segue mirando, pero o último que sei respecto diso é que a cousa está complicada. Sabemos desde un primeiro momento as cartas que temos para xogar a isto e o que depende de min é xogar a man o mellor posible co que teño. E os propios xogadores, nese  símil das cartas, teñen que tentar pasar de ser un catro de corazóns, por exemplo, a ser un rei ou un as, e iso vén no adestramento. É dicir, a nivel individual dar o máximo, para que no colectivo se consigan todos os obxectivos.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado