Un gran reto: superar ao líder

  • A SD Compostela conta con baixas, pero está confiado de que se lle pode gañar ao Adarve no seu campo

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2022.

A SD Compostela afronta este domingo, 11.00 horas, un reto maiúsculo, superar ao líder no Vicente del Bosque. Sen medo e con moita ambición, os branquiazuis confían en mostrar de novo a mesma imaxe dominadora que contra o Coruxo e que, esta vez si, sirva para sumar os ansiados tres puntos.

Os nosos viaxarán mañá para terras madrileñas co obxectivo de regresar co triunfo. Hoxe, na previa, Rodri analizou o encontro contra o Adarve destacando que está confiado polo traballo do equipo e que, a pesar das baixas, competirá como sabe.

Rolda de prensa.

Estado de Parapar. Juan fíxose outra ecografía esta semana, vai cicatrizando mellor, pero por prazos, o doutor recomenda esperar unha semana máis. Esperamos unha semana máis por el, porque o campo tampouco é o propicio e non queremos correr riscos, sobre todo porque non puido adestrar co grupo.

Enfermería. Ademais, Beltrán pediu o cambio o outro día no descanso e ten unha rotura de fibras dun centímetro. Samu arrastra molestias no nocello de hai unhas semanas e non puido adestrar esta semana. E Joel é un exemplo parecido a Parapar, que non se reincorporou ao grupo, convalecente dun problema muscular. Despois hai tres ou catro xogadores máis que non puideron adestrar en toda a semana e en entre hoxe e mañá estamos pendentes deles para saber se poden montar no autobús. En función diso, tirar do xogadores do filial que adestraron e a Madrid coa maior ilusión e as maiores gañas ao partido.

Presenza de canteiráns. Sen ningún problema. Hai mozos que levan todo o ano adestrando connosco, mesmo algúns de anos anteriores, saben perfectamente a forma de traballar do primeiro equipo, a nivel de mecanismos, e a confianza nestes mozos existe, porque así se demostrou en todo este tempo. Tanto o xuvenil como o filial están a realizar unha gran tempada e oxalá lles chegue a oportunidade, primeiro porque o gañaron e despois polas circunstancias que hai, e que salga ben polo beneficio de todos.

Factores a ter en conta. Estamos máis limitados, pero iremos a un campo de artificial de última xeración, máis pequeno que San Lázaro, un rival cunha orde e unha intensidade altísimas, que tamén nos condicionará e, sobre todo, o control que teñen das áreas, na rival é perigosísimo e na súa defenden con moita solvencia. En función diso faremos un once, temos un plan de partido que cremos que é o adecuado, tentarémolo adecuar aos xogadores e oxalá as cousas saian ben. Imos coa mesma confianza, coas mesmas ganas de traballar, de competir e despois o fútbol son determinados factores que oxalá sexamos quen de controlar para traer os tres puntos.

Xogo de posición. A eles tampouco é o que máis lles gusta, porque é un rival que se manexa moi ben no xogo vertical, con dous dianteiros que por si sos son quen de xerar perigo. É o que teñen os grandes equipos, cando o fan ben, xeran, pero cando non o están, son quen de facelo polo talento individual que teñen arriba. Temos que estar moi pendentes das vixilancias ofensivas. Non queremos renunciar á nosa idea de poder ter a pelota, de poder correr cando creamos que é o momento oportuno, pero esta semana temos que correr menos riscos, porque é un rival que expón moi pouco, pasando de zona de iniciación a finalización cunha velocidade asombrosa, o que che demanda unha concentración altísima. Por iso, temos que tentar ser dominadores nos duelos e estar concentrados durante os noventa e pico minutos.

Potencial do Adarve. É moi solvente nas dúas áreas. Na súa área é moi solidario, defende con moita xente e teñen bos conceptos. E en tres cuartos de campo, xa pensan en meter xente na área, xente que vai de verdade ás disputas e aos duelos aéreos, e á mínima posibilidade busca a portería. Non temo tanto o fútbol combinativo deles, como a súa presenza en ambas áreas.

Os duelos. Non é a nosa maior virtude, pero xa o traballamos outras semanas e estamos a facer fincapé niso porque o consideramos importante. Daranse situacións dun para un contra xogadores fortes fisicamente e que van aos duelos de verdade. Aínda que non sexa unha virtude nosa, temos que facelo para poder competir nestes campos e contra estes rivais. Unha vez teñamos a pelota, temos que tentar posesións longas, dentro das dificultades que podamos ter, estar moi atentos ás vixilancias ofensivas e concentrados para gañar as disputas.

Claves a ter en conta. Fixemos fincapé en que cando a pelota nos supere temos que xuntarnos rápido. Xogan con dous arriba, téñeno moi mecanizado, a xente que chega de segunda liña faino moi ben e é unha das súas virtudes. A día de hoxe, a clasificación di que son o mellor equipo da categoría e polo que puiden ver nestas 27 xornadas, si o é, porque, sen ser tan vistoso como o Pontevedra, é moi eficaz. Preparamos o partido facendo fincapé nesa parcela defensiva que nos custa, pero tamén preparando mecanismos ofensivos, porque tamén se lle pode facer dano. Por momentos pártese, porque a liña de atrás non é quen de seguir a velocidade dos de arriba, e aí poden aparecer chances para nós.

Recuperados no anímico. En determinadas posicións estamos un pouco máis tocados que noutras, pero, en calquera caso, dentro das dificultades, o equipo traballou moi ben, recuperou cousas que noutras botábanse en falta, entre elas, a alegría. Vese a un equipo que, aínda que non lle saen as cousas todo o ben que lle gustaría, está a recuperar esa parte mental e con confianza de que estas sete últimas xornadas faremos cousas ben. Vou tranquilo para Madrid, sabendo que afrontaremos un partido complicado, pero confiado de que, se facemos as cousas ben, competiremos. O fútbol ás veces é caprichoso e oxalá o sexa e gañemos nós, e se xogamos ben e gañamos, pois aínda mellor.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado