Un gran derbi para sacar os tres puntos

  • Rodri destaca a importancia de ser un bloque sólido e aproveitar as oportunidades para lograr o triunfo na Lomba

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021

A SD Compostela visita este domingo (17.00 horas) o Estadio da Lomba e nel quere sumar a primeira vitoria da tempada nun derbi. No partidazo, no que se agarda un gran ambiente nas bancadas, os nosos buscarán sumar de tres por segunda semana seguida, para comezar decembro da mellor maneira posible e manterse na zona nobre da táboa clasificatoria.

Esta tarde, Rodri analizou o encontro en rolda de prensa destacando que será moi importante estar moi ordenados, traballar en bloque e aproveitar as ocasións a favor que se presenten.

Declaracións destacadas.

Estado do plantel. En principio gustaríanos contar con todos, salvo con Guille que está descartado. Todos teñen ganas de xogar os domingos e ata ao final hai que agardar para ver se os que arrastran molestias chegan a tempo. Álvaro Casas é un dos casos, que está a adestrar parte connosco e parte á marxe, e é un dos que teñen o cartel de dúbida. En todo caso, é un mozo que quere xogar si ou si, pero tamén debemos valorar os riscos que supón que poida disputar o partido e no canto de perdelo unha semana, que poida ser máis tempo. En función diso decidiremos o domingo, porque a miña intención é levar convocado a todo o plantel a Vilagarcía e decidiremos xa estando alí no Estadio.

Igualdade na competición. É unha liga moi igualada, tanto numericamente como os partidos. Vendo os partidos ata os equipos que están a ocupar a día de hoxe os últimos lugares da clasificación, están a competir ben. Ao final é o de todas as semanas, tentar dar o 100%, competir ao noso mellor nivel e despois estar afortunados e poder sacar un resultado positivo.

Un derbi. É un derbi, pero son tres puntos, como os demais. Hai unha connotación de proximidade, de que seguramente no campo haxa moito afeccionado do Compostela e oxalá brindemos un bo espectáculo os dous equipos e que gañemos nós, sobre todo.

Última vitoria. Refórzache moralmente e a nivel de confianza, sendo conscientes tamén de que o pasamos moi mal. Estivemos a ver o por que, saber as razóns polas que durante 20/25 minutos pasámolo tan mal e a partir de aí creo que o equipo se soubo refacer, sobrepoñerse, volver ser un pouco máis o que buscamos e a segunda parte creo que foi moito mellor. O equipo isto sábeo, porque ademais de ser xente traballadora, creo que é sensata, ve as cousas e o que nos queda é seguir traballando.

Fallos na saída de balón. Evidentemente é un tema que abordamos, porque unha porcentaxe moi alta dos goles foron de erros propios graves, que hai que tentar emendar. O que nos queda é, á parte de recoñecelos, seguir traballando. Evidentemente, os fallos que se cometen son involuntarios, pero temos que seguir traballando para que non se dean, non nos queda outra. Saber recoñecer o que pasa e tentar que non suceda.

O rival. É un equipo que compite moi ben. É un equipo con xogadores que teñen unha personalidade marcada e que se agarra aos partidos e compite moi ben. Máis aló de individualidades, que tamén as teñen, porque teñen bos futbolistas para a categoría, pero sobre todo quédome con iso. A rivalidade que hai nestes partidos seguramente faga que o partido teña máis ritmo, haxa máis disputadas… Temos que tentar afrontalo como todas as semanas, coa máxima concentración, tentando dar o noso mellor nivel e, a partir de aí, a pelota é a que dita sentenza.

Partido que se pode prever. Seguro que nos queren facer un partido incómodo, que pasará por iso, que haxa moita presión, que os nosos futbolistas non estean cómodos, moita disputa e moito balón dividido. Mon lévao a ese terreo, porque é un escenario no que se manexan ben. Con todo, nós este ano creo que demos un paso adiante nese aspecto, pola xente que trouxemos. Igual que noutras partes perdemos, niso creo que gañamos. O equipo disputa mellor, non rexeita tanto o contacto e se ten que estar durante determinados momentos sen balón, creo que defendemos mellor. Son distintas variantes que creo que gañamos este ano cos futbolistas que trouxemos.

Fortalezas do Arosa. É un rival que xa xogamos en pretempada con eles, vinos seguindo durante a liga e é un rival que en todo momento está moi ordenadiño. Normalmente ponse 4-4-2 en encartado, aínda que despois en ataque estírase e adquire un 4-3-3, pero sempre estando moi ordenados. Ten xente moi disciplinada e a partir de aí nós temos que traballar, madurar o partido, agardar o noso momento, tentar facer o mesmo que eles en canto a estar ordenados, ser solidarios e traballar en grupo, para despois aproveitar as oportunidades que teñamos.

Condicións meteorolóxicas. O que máis me preocupa é o aire. Fun futbolista e cando xogaba, se cae unha tromba de auga é incómodo, pero afaste, en cambio o que che descoloca é o aire, polos pases, porque non sabes se che vai a facer un estraño e porque no propio campo estás incómodo. É máis o aire e despois o terreo de xogo. En todo caso, vin que nesta última parte da tempada o campo mellorara moito, sorprendentemente. Os últimos partidos contra o Salamanca e o Langreo o campo estaba moito mellor, oxalá estea ben e os dous equipos podamos brindar un bo espectáculo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado