Un gran Compos perde dous puntos no desconto

Aythami celebra co noso fotógrafo o primeiro tanto. Foto: Amadeo Rey.

Aythami celebra co noso fotógrafo o primeiro tanto. Foto: Amadeo Rey.

  • O dobrete de Aythami serviu para remontar o tanto inicial local, pero Cano empatou no último minuto

Santiago de Compostela, a 24 de Febreiro de 2019.

A SD Compostela perdeu dous puntos no desconto do clásico da Terceira. Os branquiazuis, tras un magnífico encontro no que maniataron ao novo líder da liga, viron como o Bergantiños lles empataba no último minuto do partido. Foi un duro golpe, que non embaza o traballo realizado anteriormente.

Diego, tras un contragolpe, adiantou aos locais no minuto 28, pero Aythami, grazas a un sensacional dobrete, volteou o luminoso. Con todo, Cano empataría o duelo na desgraciada xogada final.

Sen medo ao escenario, comezou o Compos mellor o encontro no Campo das Eiroas, avisando xa aos dous minutos das súas intencións. Santi Gegunde plantouse só diante de Cristopher, pero esta vez o balón do lucense foise ao lateral da rede.

Tras eses primeiros minutos frenéticos, con moita intensidade en ambos bandos, os equipos baixaron unha marcha e a igualdade apoderouse do duelo. Con todo, cando menos inquietaban en zona de perigo, o Bergantiños acabou marcando o primeiro da tarde.

Diego roubou en campo rival e iniciou unha xogada que el mesmo acabaría remachando á rede. Rubén Rivera recibiu en banda e puxo un centro ao segundo pau que tocou de forma defectuosa Cano, pero o esférico foise a un primeiro pau por onde chegaba Diego, quen puxo a bota para adiantar aos locais.

Pese ao mazazo do tanto, a réplica branquiazul chegou aos cinco minutos. Miki roubou en zona de tres cuartos, a pelota quedou para Santi e o lucense serviuna ao espazo para un Aythami que, tras gañar a posición co corpo, bateu a Cristopher cun gran tiro cruzado.

O empate deulle ás aos nosos e seguiron insistindo sobre a meta rival. Aythami, nun novo balón ao espazo, atopouse coas mans do porteiro no seu disparo raso, pero a máis clara teríaa Mon, quen comprobou cunha volea, nun balón morto na área, os reflexos de Cristopher.

A pesar dos quince minutos de intermedio, a dinámica seguiu igual no regreso dos vestiarios. Álex Ares probou sorte cun disparo cruzado que se escapou por escasos centímetros e mesma fortuna atopou Aythami cun balón morto no punto de penalti.

A pesar diso, os locais sacaron a relucir o seu músculo no balón parado, cando Baleato peiteou unha falta sacada desde o medio campo, pero a reacción felina de Anxo Pérez, quen voou para sacala a córner, evitou o tanto local.

E do que puido ser, ao que foi. En despexe da zaga, Aythami gañou o enésimo duelo aéreo, o balón quedou botando, e o canario sacouse un truco da chistera para certificar o segundo para os nosos. Cunha preciosa vaselina, nun golpeo en xiro, superou a saída de Cristopher e puxo a pelota na rede.

En velocidade, Miki tivo o terceiro cun punteirazo que salvou o porteiro local, pero ao verse por detrás no luminoso, o Bergantiños foise con todo ao ataque e levou a voz cantante na recta final do duelo.

Cano avisou cun remate fóra á saída dunha falta, pero a seguridade defensiva branquiazul parecía inquebrantable. Con todo, no último minuto, un balón colgado por Granada caía nos pés a Cano, quen soltou un zambombazo ao que non puido chegar Anxo Pérez, a pesar de que a tocou.

Por segunda semana seguida, o Compos perdeu dous puntos no desconto, mentres que o Bergantiños volveu gañar outro. Unha auténtica mágoa, que con todo non embaza o gran partido realizado polos nosos no clásico da Terceira. O ‘Tourmalet’ comezou con empate, resultado que se tentará mellorar o vindeiro domingo na visita ao Arousa.

FICHA TÉCNICA:

2- Bergantiños FC: Cristopher; Borja Facal, Marcos Caridade (Granada, m.59), Marcos Rodríguez, Aarón; Diego, Baleato (Álex Diéguez, m.75); Cano, Jorge Sáez, Cañi (Ekedi, m.75); e Rubén Rivera.

2- SD Compostela: Anxo Pérez; Álvaro Casas, David Uña, Piscu; Miki, Samu, Mon, Álex Ares (Marcos Remeseiro, m.75), Brais Abelenda; Santi Gegunde (Josiño, m.85) e Aythami (Naveira, m.81).

Goles: 1-0: Diego, min.28; 1-1: Aythami, min.33; 1-2: Aythami, min.54; 2-2: Cano, min.93.

Árbitro: López Fernandez, colexio lucense. Amoestou a Borja Facal, Ekedi e Cano, polos locais; e a Álvaro Casas, Brais Abelenda, Anxo Pérez e Marcos Remeseiro, polos visitantes.

Incidencias: Partido da vixésimo quinta xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado no Campo das Eiroas ante 700 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado