Un equipo hiperconcentrado para gañar ao Llanera

  • Rodri avisa da dificultade do partido no Pepe Quimarán, un encontro no que os duelos individuais serán moi importantes

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2021

Tras catro empates consecutivos, a SD Compostela encara este sábado a visita á UD Llanera (16.15 horas) co obxectivo de regresar á senda triunfal. No Pepe Quimarán, un estadio con características totalmente opostas ao Vero Boquete, os nosos queren quitarse de encima as igualadas e volver sumar de tres para seguir na parte nobre da táboa.

Para iso, Rodri analizou esta tarde na rolda de prensa as claves para o encontro, destacando a importancia das disputas, os duelos individuais e a concentración durante os noventa minutos para poder regresar co triunfo para Santiago.

Declaracións destacadas.

Parte médico. Está descartado Jordan e mañá decidiremos con Roberto Baleato e Fer Beltrán, pero está a cousa complicada, porque chegariamos moi xustos e tampouco é plan de arriscar. Veremos mañá que sensacións teñen, pero non somos moi optimistas.

Ausencias de Baleato e Fer. É xente que, por capacidade física, vendo o campo onde imos xogar, deberíannos achegar moitas cousas, pero non nos serve de nada lamentarnos, expuxemos un plan de partido esta semana e imos tentar executalo coas pezas que cremos que mellor se adaptan a ese tipo de partido.

Gañar. É importante gañar esta semana, pero tamén o foi nas catro anteriores. Repito o mesmo, mentres eu sexa adestrador o equipo non vai saír a empatar. Despois, polas circunstancias, non fomos capaces de gañar e temos que seguir traballando esas cousas para ser quen de facelo.

Non perder. Estás amolado porque van catro empates seguidos, pero co Avilés somos os únicos que aínda non perdemos. Iso quere dicir que algo facemos ben. Temos que seguir traballando con humildade, ser conscientes do que somos, que as cousas custan moito e hai que darlle mérito ao que estamos a facer, pero tampouco nos queremos poñer límites. O meu obxectivo é gañar todos os partidos.

Non encaixar. É importante, pero unha das cousas nas que estamos traballamos é ser verticais e iso ás veces fai que perdas o equilibrio por dentro. Houbo partidos que xeramos moito, pero que cando perdiamos a pelota non estabamos organizados como nos gustaría. Iso leva un tempo, temos que seguir traballando niso e unha das cousas importantes para todos sería deixar a portería a cero, pero tamén hai que resaltar, por ver o vaso medio cheo, que, a pesar de encaixar, somos dos equipos menos goleados da categoría.

Posición de Escudero. Agora mesmo temos o hándicap das lesións de dous futbolistas para unha posición chave, polo perfil, Fer Beltrán e sobre todo Jordan, que é a persoa chamada a levar o control do xogo cando queremos xogar máis combinado, e temos que buscar solucións. O outro día cremos conveniente atrasar un paso a Josiño e meter a Escudero para dentro para ter ese control e ter xente por dentro de calidade e coas ideas claras. Gustoume nos minutos dos que dispuxo e o que fixo aí, e é unha opción máis, pero xa o estabamos valorando. Evidentemente, para que Escudero veña para dentro, temos que recuperar tamén xente por fóra. Son opcións e imos tomar as decisións para tentar acertar e, sobre todo, para sacar o máximo rendemento de todos.

O Pepe Quimarán. O campo condiciona todo, porque estivemos a buscar información por aí e din que é 90×56, pero vendo as imaxes do campo debe ser 90×50. É un campo moi pequeno, vai condicionar o xogo e o desenvolvemento dos noventa minutos. É un campo que dun despexe podes deixar a un xogador diante do porteiro contrario. Hai que estar moi concentrado durante os noventa minutos, ir ás disputas, facer coberturas, as vixilancias… é un partido que esixe unha concentración altístima e despois gañar os duelos individuais.

O Compos que quere ver. Evidentemente, temos que facernos fortes e todo empeza polos duelos individuais e as disputas. Evidentemente, gustaríame un equipo dinámico e que compita, pero non imos correr certos riscos, sobre todo na zona 1.

Control do xogo. Nese campo, onde tes que ter posesión é en campo contrario. O normal, en campos pequenos, é correr menos riscos, porque dunha perda, se aquí custounos un gol, nun campo pequeno aínda é máis fácil, porque estás máis preto da portería. Queremos ter balón, pero en campo contrario. Igual que cando fas xogo combinativo tentas levalo a determinadas zonas, cando xogas directo ou ganas o segundo balón, temos que tentar levalo a determinas zonas o máis rápido posible, porque é onde nós cremos que podemos facer dano.

O Llanera. Fun velos a Pontevedra e é un contexto totalmente distinto. A salvación do Llanera pasa por facerse forte na casa. Alí, a maioría dos equipos imos xogar partidos distintos ao que estamos afeitos, mentres que eles van xogar ese partido cada quince días. Por iso, entendo que a súa salvación vai pasar por gañar na casa. Se son quen de rascar algo fóra, pois moito mellor, pero o que teño claro é que, a pesar de ir de pechacancelas, é un rival que nos vai a esixir e un campo que aínda máis. Temos que ir hiperconcentrados, seguramente máis que nunca, porque polas dimensións, dun despexe, pódese xerar unha ocasión de gol e a competir ao mellor nivel que podamos para tentar traernos os tres puntos para Santiago.

Potencialidades do rival. A capacidade física dos dous dianteiros, que para ese campo son moi apropiados, teñen as ideas moi claras do que hai que facer e despois teñen dous ou tres futbolistas que, se son quen de coller ese segundo balón, están adaptados ás dimensións, onde teñen que dar o pase e con que forza, e fano ben. Paréceme un rival incómodo. Vinlles o partido contra o Salamanca e Langreo, perderon un e empataron outro, pero para min o resultado foi inxusto nos dous casos.

Posición do Llanera. Non por ser o pechacancelas obrígame a gañar. Sempre que saímos a competir, saímos a gañar. O tema de pechacancelas paréceme anecdótico, sobre todo porque é un partido que vai estar moi condicionado polas características do campo no que imos xogar. É un campo no que un dos goles que encaixa o Llanera, contra o Langreo, é unha ocasión clarísima súa no 93, o porteiro vai sacar, métese o dianteiro para estorbalo, pero é quen de sacar, bota, bota outra vez, rematan e encaixan o empate. O que quero dicir é que en 5 segundos pasa a ocasión dunha portería á outra. Por iso, o que me preocupa é estar os noventa minutos concentrados e que o equipo compita ao nivel que esixe o campo.

Dificultade de afrontar este tipo de partido. Paréceme moi complicado. En primeiro lugar, porque xa non me gustaba como futbolista e como adestrador pásame o mesmo. O plan de partido téñoo claro, pero son partidos que son feos porque hai moitas disputas, moitos contactos, golpes… pero é un rival máis da categoría, temos que competir alí e se es quen de gañar puntos nestes campos, son os que che van a meter arriba.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado