Un empate para pechar unha tempada ilusionante

Roque e Yago, tralo seu debut en Segunda B. Foto: SD Compostela.

  • Os branquiazuis igualaron contra o Langreo no último encontro do ano
  • Gran partido de Borja Rey baixo paus e debut dos xuvenís Roque e Yago

Santiago de Compostela, 8 de Maio de 2021.

Acabou a tempada da SD Compostela na Segunda B cun novo empate. 0-0 final en Langreo para culminar un curso ilusionante, no que os branquiazuis demostraron un gran nivel e no que fixeron vibrar aos seus, aínda que en ocasións tivese que ser dende casa pola pandemia. O último encontro, en terras asturianas, deixou unha extraordinaria actuación de Borja Rey baixo paus e o debut dos xuvenís Roque e Yago.

No clásico Estadio Novo Ganzábal, a SD Compostela despedía unha ilusionante tempada, a do regreso á Segunda División B. Tras un gran ano, os branquiazuis querían conseguir os primeiros tres puntos desta segunda fase, para despedir o curso da mellor maneira.

Con este propósito, o Compos saíu a medirse contra o Langreo con ata catro novidades no once titular respecto ao domingo pasado. Sergio Pereira, Guille Torres, Roberto Baleato e Gabri Palmás saíron de inicio nun equipo no que repetiron Borja Rey, Matías Vesprini e Primo.

A pesar das novidades e do campo de herba sintética, saíron mellor os branquiazuis, moi incisivos por ambas bandas. Con todo, a pesar das oportunidades, os branquiazuis non terminaban de concretar nos últimos metros.

Deste xeito, co paso dos minutos, os locais viñeron arriba e avisaron, no 18, cun disparo fóra de Miguel Santos, tras gañar as costas da zaga. A esta opción, responderon os nosos cun intento de Bicho desde a frontal que saíu rozando o pau.

Tras ese reparto inicial, no último cuarto de hora da primeira parte, o Langreo buscou o gol con máis decisión e aí emerxeu a figura de Borja Rey para contrarrestar as tentativas locais. Primeiro, no 31, o novo porteiro santiagués voou de maneira espectacular para despexar a córner un disparo coa zurda de Allyson con dirección á escuadra. Despois, no 40, tirou de reflexos para sacar o disparo de socato de Ketu, chegando dende atrás ao centro dende a dereita. E no 46, tras un discutido penalti por agarrón de Álvaro Casas nun córner, fíxose enorme para deter o disparo desde o once metros. Jorge Hernández buscou o disparo de panenka, pero Borja Rey leulle á perfección as intencións e detívoa cunha gran estirada.

Á volta dos vestiarios, coa novidade de David Soto no centro da zaga, o Compos saltou mellor ao terreo de xogo e inclinou o campo cara á área de Dennis. Aínda que sen chegar con demasiada claridade, dominaba a posesión con tranquilidade e tentaba buscar o disparo en canto atopaba o oco.

Así, no 49, avisou Roberto Baleato, cazando o rexeite dunha falta, pero o seu disparo saíu centrado. E con máis perigo tívoa Matías Vesprini, pero o seu disparo desde a interior da área, tras unha gran xogada de ataque branquiazul, atopou o pé dun defensor, cando o porteiro xa estaba superado. Tamén puxo en apretos ao porteiro local Jimmy, un dos cambios, pero o seu golpeo de volea saíu ao centro.

Ademais da mellora futbolística, a segunda parte deixou a gran noticia para o Compos do debut en Segunda B de dous novos xuvenís, o cuarto e quinto desta gran tempada tamén para a base compostelanista. Roque e Yago estreábanse na categoría e tiñan un cuarto de hora para demostrar as súas grandes calidades.

Cos canteiráns xa sobre o verde, as últimas accións de perigo tamén foron branquiazuis. Un gran taconazo de Samu para Jimmy, permitiulle ao lateral pór un centro envelenado, pero a zaga despexouno no primeiro pau. E no 88, a máis clara, un roubo de Primo que lle permitiu plantarse na área con vantaxe, pero o seu intento de disparo coa punteira saíulle frouxo e atrapouna Dennis.

Por iso, o marcador xa non se moveu e o encontro e a tempada para a SD Compostela pechouse cun novo empate, unha igualada 0-0 ante o Langreo que serviu como guinda final a un curso de ilusión para os branquiazuis. Acaba así, a 8 de maio, o noso regreso á división de bronce do fútbol nacional, un ano no que devolvemos a ilusión á cidade. O próximo curso tocará gozar de novo deles xa na nova Segunda RFEF.

FICHA TÉCNICA:

0- UP LANGREO: Dennis; Miguel Santos (Cristian, m.68), Gonzalo, Alain (Stambo, m.81), Puras; David, Álvaro Gómez (Kang, m.81), Marenyá, Ketu; Jorge Hernández (Álvaro Muñiz, m.59) e Allyson (Rabii, m.68).

0- SD COMPOSTELA: Borja Rey; Sergio Pereira, Álvaro Casas (David Soto, m.46), Guille Torres (Roque, m.76), Matías Vesprini; Roberto Baleato; Miki Villar (Jimmy, m.58), Brais Abelenda (Samu, m.58), Bicho, Gabri Palmás (Yago, m.76); e Primo.

Árbitro: Pardeiro Puente (Cantabria). Amoestou a Puras, polo Langreo; e a Álvaro Casas, polo Compos.

Incidencias: Estadio Novo Gánzabal (Langreo). Partido da Xornada 6 do Grupo 1-E da Segunda División B disputado ante 300 espectadores. Antes do inicio gardouse un minuto de silencio na memoria de Ángel Abelardo González, exporteiro da UP Langreo.

Foto Principal: David Gato.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado