Un derbi transcendental no fortín

  • O Compos agarda levantar a mala dinámica ante o Coruxo e para iso confía na resposta da afección
  • Rodri destaca a importancia de recuperar o aspecto anímico e confiar no traballo propio

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022

A SD Compostela xoga este domingo, 17.00 horas, no Vero Boquete un derbi contra o Coruxo que se converteu en transcendental. Despois da mala dinámica das últimas xornadas, ambos conxuntos chegan empatados a puntos a un partidazo no que o Compos agarda volver á senda triunfal. Para iso, alentados polas iniciativas postas en marcha polo club, os nosos animan á afección a apoiar ao equipo neste gran duelo no fortín, co reto de conseguir a mellor entrada da tempada para axudar na consecución dos ansiados tres puntos.

Na previa do encontro, Rodri remarcou na rolda de prensa a importancia de recuperar o estado anímico, de confiar nun mesmo e volver realizar cousas que xa se fixeron durante esta tempada.

Declaracións destacadas.

Estado do plantel. Joel tivo un problema no último adestramento da semana pasada, unha picada no adutor e ten unha microrrotura. E Parapar leva dúas semanas fóra por unha rotura de fibras, está a ultimar a súa preparación, pero non creo que estea para esta semana. Polo demais, hai contusións, porque se empeza a notar a fatiga da tempada, pero en principio espero contar con todos.

Aspecto anímico. Estamos a pasar un momento complicado, polos resultados. Hai que xestionar ben a parcela anímica. Estas semanas estamos a falar moito, tentando reforzar certas condutas, cousas que creo que fixemos ben durante toda esta tempada e tentar crecer. Hai situacións que temos que aprender a xestionar e a verdade é que esta semana estou preocupado e amolado, pola dinámica que levamos, pero confiado de que sairemos adiante porque vexo o compromiso dos xogadores, vexo como están a adestrar e o que nos queda é levar ese nivel aos partidos. O que queda, ante a situación na que estamos, é levantar a cabeza, confiar en nós mesmos e volver facer cousas que xa fixemos, non é pedir un milagre. Esta fin de semana temos un partido moi bonito para xogar, un derbi contra un gran equipo, o mellor da segunda volta polos números e na casa tócanos volver ser o equipo que creo que fomos o 90% do tempo en San Lázaro. Temos que recuperar sensacións e estou confiado de que faremos un bo partido.

Contundencia nas áreas. Un gol vén nun rexeite dun córner, cun futbolista que se afunde para axudar a un compañeiro e no despexe cae a un que vén atrás e empálaa perfecta. E no outro é nunha transición, na que orientamos ben a defensa cara á banda, pero saen de aí, corta un, Pato páraa, pero queda o rexeite. Son dúas situacións que non fomos quen de resolvelas ben, tamén tivemos unha dose de mala sorte, pero non podemos quedarnos con esa análise tan simple. E na outra área, estamos a ter ocasións. A propia prensa de Segovia preguntábame como explicaba o resultado cando no 5 podiamos ir gañando 0-2 e no 25 1-2, pero aí está a fortuna. Ante iso o que temos que facer é revelarnos, seguir traballando, confiando, ter fe e ser positivos, dentro da dinámica negativa que esperamos cortar. Neste deporte ninguén che regala nada, polo que o Coruxo non nos regalará nada. O que me demostran os xogadores é que o van a tentar. Eu quero que o equipo compita e que lembre certos comportamentos que fixemos, algunha cousa máis que implementaremos para esta semana e, sobre todo competir, saír coa cabeza alta do campo e oxalá cos tres puntos.

Rotacións no centro da defensa. Ao longo do ano fomos cambiando por distintas situacións. Tivemos lesións, covid, algún erro grave, futbolistas que se gañaron a oportunidade… teño confianza nos futbolistas e dentro diso tentamos buscar o que cremos que é mellor en cada partido para o equipo, tanto no aspecto físico, técnico, anímico ou táctico. Cada un ten as súas características e en función diso tentamos poñer aos que cremos que son os máis convenientes. Esta semana xogará Roberto ou outro compañeiro.

O Coruxo. Creo que nos coñecemos de anos atrás. Entendo que terá un plan de xogo valente, porque é un equipo combinativo, que o fai ben, un equipo alegre, que lle gusta atacar e entendo que polas medidas e estado do terreo de xogo virán facer iso. Estas últimas semanas é o que están a desenvolver, coa fortuna, con todo o traballo que hai detrás, de que lle están saíndo as cousas moi ben. Un gran rival e para nós mellor, porque canto máis che esixe o rival, máis dás de si. Oxalá sexa un partido de poder a poder, que se vexa un bo espectáculo e que gañemos.

Posibilidade de transitar. Somos un equipo que con espazos e transitando facémolo ben. Seguramente, en determinados momentos confundímonos e queremos correr demasiado, cando toca darlle pausa. Na alternancia está o premio, pero este ano podemos manexarnos en dous escenarios totalmente distintos e é unha posibilidade que vemos viable. Ante un rival, non como estas últimas semanas que se metían atrás, que nos virá a buscar, van deixar espazos ás costas. Ou te tapas os pés ou a cabeza.

Dominar o xogo. En principio, a nosa idea pasa por tentar ter a pelota, por xestionala ben e, a partir de aí, facerlle dano ao Coruxo. Non imos rexeitar a posibilidade de correr se cremos que podemos facerlle dano, pero gustaríanos ter a pelota e xestionala ben.

O xogo directo. É unha posibilidade máis. O outro día, aínda que parecía outra cousa, o campo estaba bastante irregular, moi duro e botaba mal, o que complicaba un pouco. Quizais foi un dos problemas que tivemos, que quixemos ser demasiado verticais. Estivemos a ver comportamentos e quixemos ser bastantes verticais contra un equipo que basculaba, queriamos atacarlles polo seu lado forte e iso é moi difícil. Ante esa desesperación, comezamos a mandar balóns ás costas, pero polas características do noso equipo quizais non sexa o camiño máis correcto. Isto trátase de aprender, estamos nunha carreira de fondo, quédannos oito xornadas apaixonantes, de moito traballo e responsabilidade para todos, e o que ten que facer o equipo é crecer, ser optimista e confiar nas posibilidades que ten de que dará guerra nas últimas semanas.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado