Un derbi no que só vale gañar

  • A SD Compostela só pensa en lograr a vitoria este domingo contra o Arousa

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2022

A SD Compostela regresa este domingo, 12.00 horas, ao Vero Boquete para disputar un derbi no que só vale a vitoria. Os branquiazuis non miran máis aló do encontro contra o Arousa, unha nova final na que os nosos teñen a posibilidade de recuperar, tras moitas semanas, a senda do triunfo.

Esta tarde, na rolda de prensa, Rodri analizou a previa do duelo, destacando a importancia de igualar a intensidade do cadro de Vilagarcía e demostrar no campo o traballado ao longo da semana.

Estado do plantel. Recuperamos a Álvaro despois da sanción, cae Pablo Antas por acumulación de tarxetas e o único que ten a baixa médica aínda é Matías, co tema do xeonllo, porque segue recuperándose, creo que progresa ben, pero aínda lle falta.

Unha nova final. Mentres hai vida, hai esperanza. Afrontamos o partido como o que é, unha final, tanto para mirar para arriba como para abaixo. Imos saír a gañar, sobre todo a competir, tentando puír pequenos detalles, porque isto é fútbol de rendemento e o importante é gañar.

O Arousa. É un rival que tivo unha traxectoria parecida á nosa. Unha primeira volta boa para un recentemente ascendido e unha segunda na que o que lle fallaron foron os resultados. Decidiron cambiar de adestrador, o que lles dará un plus de motivación, porque obriga aos xogadores a resetarse e a gañarse o posto aínda máis. Despois, Luís ten un carácter forte e seguro que llo transmitirá durante estas catro xornadas. Será un rival que nos esixirá moito, sobre todo que será moi agresivo nas disputas. Nós temos que seguir recuperando sensacións e aprender a competir mellor para poder pechar os partidos.

Luisito. É un seguidor fiel do Compostela, á parte dun apaixonado do fútbol, polo que á vez que viu a outros equipos, seguro que nos seguiu. Xa nos coñece a traxectoria dos últimos anos, fun compañeiro del, coñecémonos ben, sabemos os nosos gustos e será un partido bonito, oxalá os dous atopásemonos noutras circunstancias, pero ambos necesitamos a vitoria. Tentar facer un bo partido, competir ben e, sobre todo, gañar.

O empate non vale. Non nos vale porque estamos necesitados de puntos, para quitar o medo aos postos de abaixo e porque nos quedan catro partidos nas que temos que ir a full, dar todo o que nos queda para tentar estar o máis arriba posible. Se nos chega para estar entre os cinco primeiros, perfecto, pero que non sexa por non querer.

Ir paso a paso. Hai que ser realista, porque as sensacións da segunda volta non son tan malas como os resultados. Somos o terceiro equipo que menos partidos perde, despois do Pontevedra e Adarve, pero tamén somos o que máis empata. Iso di que o equipo fai cousas ben, pero tamén que falta algo para poder gañar. O vestiario non mira para abaixo, pero hai que ir paso a paso, ser realistas e o primeiro é gañar este domingo para poder pensar noutras cousas.

Agresividade do rival. Volvín ver o partido contra o Pontevedra esta mañá e é un rival que empeza a ter unhas ideas novas, distintas ás de Jorge, e é un equipo moi agresivo. Gañou ese plus de agresividade que seguro que estas catro xornadas o aguanta. Ao longo de máis tempo se cadra habería máis dificultade, pero nestas catro xornadas seguro que o Arousa volverase un dos equipos máis agresivos da categoría. Terán un plan de partido, non sei se virán apertarnos alto, en bloque medio ou en bloque baixo, pero o que si que teño claro é que no momento no que a pelota entre nas zonas que queiran, van apertar cunha intensidade altísima. Temos que tentar igualar esa intensidade, facer o plan de partido que estivemos a desenvolver esta semana e oxalá nos dea para gañar, porque é o que máis necesitamos.

Un partido moi competido. En Segovia pasounos algo parecido, un equipo que acababa de cambiar o adestrador e foi un pouco o mesmo, un equipo súper agresivo. Non coñecía ao adestrador, pero pareceume un perfil moi parecido a Luís, con moito carácter. Isto será parecido e é o que puiden ver contra o Pontevedra, a única referencia que temos, un equipo que durante 90 minutos apertou moitísimo. Seguro que esta semana implementaron cousas novas, pero a agresividade terana, porque tamén se están xogando moitas cousas, tanto o club como os xogadores. Quedan catro xornadas moi bonitas para todos os equipos e os partidos serán moi competidos.

Un partido longo. San Lázaro é un campo grande e somos un equipo que move ben a pelota. Normalmente, todos os equipos están ben traballados tacticamente e os espazos son máis difíciles de atopar, pero cando comeza o cansazo, os equipos empézanse a desarmar. Temos que competir os 90 ou 95 minutos, máis coas experiencias que temos, ter concentración durante todos os minutos, tanto ofensiva como defensiva, e saber xogar un partido longo.

Demostralo no campo. O dito, cando o equipo empata tantas veces é por algo. Seguimos traballando, tentamos identificar cales son as cousas que non facemos tan ben para tentar mellorar. A implicación dos xogadores é máxima e o que nos queda é demostralo no campo, saír o domingo ao terreo de xogo e dar nosa mellor versión para poder gañar.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado