Un derbi decisivo para lograr o obxectivo

  • A SD Compostela busca os tres puntos contra o Celta B para alcanzar a ansiada permanencia

Santiago de Compostela, a 5 de Marzo de 2021.

A SD Compostela encara este sábado un derbi decisivo, tres puntos que valen unha permanencia. Os nosos, co apoio de 500 abonados, defenderán o fortín na procura dun triunfo que lle axude a alcanzar o seu obxectivo prioritario. Será un auténtico partidazo contra o Celta B, terceiro clasificado, unha final da que o Compos agarda saír vitorioso.

Baixas. As baixas confirmadas son as de Primo e Joel. Gabri leva dous adestramentos co grupo e a verdade é que vai a entrar na convocatoria. Leva vinte días parado, pero é un xogador que fisicamente sempre se atopa ben e que nos vai a axudar. Guille tamén está adestramento perfectamente. Despois temos as dúbidas de Pablo Antas e Hugo Sanmartín, que xa fixeron cousiñas e mañá (por hoxe) decidiremos cos servizos médicos.

Estado de ánimo do grupo. O equipo véxoo como unha semana calquera. Vimos dunha semana de descanso e nesta os adestramentos foron moi bos, en canto a esa intensidade e ritmo que demandábamos en semanas anteriores pola falta de efectivos. Ao vestiario véxoo tranquilo, sabemos que quedan menos partidos cada semana e que estamos preto de acabar todo e conseguir os obxectivos. Non falamos de nada especial, pero si que percibimos, no ambiente da cidade e das redes sociais, que a xente está ilusionada, que hai moitos ollos pendentes de nós, pero o equipo está tranquilo e traballando na liña que o facía anteriormente.

Apertar aínda máis. As mostras de cariño son moi gratas e moi positivas. É bonito e ilusionante ver que a afección nos mostra o seu cariño e que ten este tipo de actos sen finalizar a tempada e sen saber o que vamos a conseguir. Por iso, que farán se seguimos na liña e podemos optar a algo máis. Os comentarios do grupo, despois da visita das peñas, eran que lles fixo moita ilusión e de que hai que apertar aínda máis e dalo todo para que, nas tres xornadas que quedan, as mostras de cariño que estamos recibindo sexan aínda máis.

Aprazamento do partido do Racing. Iso é unha toma de decisión que a min non me compete, eu céntrome en preparar o noso partido. Somos os únicos en xogar o sábado, polo que a nós non nos afectaría. Botando a vista atrás, a xornada do encontro de Salamanca, houbo máis dun partido afectado e non se suspendeu toda a xornada, polo que se seguen esa vara de medir, nesta non se debería suspender. Neste tipo de competición, co de parar e seguir ou as semanas libres é algo caótico e temos que convivir con iso, polo que só me centro no noso.

O Celta B. Non quero deixar pasar a ocasión para que todo o mundo teña en conta o rival que vén: por nome, potencial, xogadores, posicionamento na clasificación e estado de forma. Entendo que Onésimo faría referencia a que eles, a partir do noso partido, tiveron un punto de inflexión e colleron unha xeira moi boa que os levou ata a terceira posición que están agora. Os números din que son o mellor visitante, non o podemos esquecer, e somos conscientes de que nos encontraremos un Celta B con moitas máis xornadas nas súas pernas, con un pouco máis de experiencia na categoría, dentro da súa xuventude, e con xogadores novos con nome e calidade. Se analizas o plantel, teñen 24 xogadores, todas as posicións duplicadas e variantes para xogar con diferentes perfís en todas as posicións; e iso témolo moi en conta, porque sabemos que o partido desta fin de semana vai a ser moi complicado.

Dinámicas. Veñen de perder dous partidos, pero hai que analizalos e contextualizalos. Considero que será un partido totalmente diferente polo momento da competición, faltan só tres xornadas e estamos xogándonos moitísimo, mentres que naquel momento quedaban moitas xornadas por diante. Agora só quedarán dúas tralo encontro, polo que é complicado facer fronte a este tipo de partidos. Por iso, estamos mentalizados única e exclusivamente en facer o tipo de partido que queremos, no que nós pretendemos que suceda no campo, pero, evidentemente, temos moi en conta ao rival e sabemos que eses dous tropezos farán que veñan con máis fame e con máis gañas de dar outra imaxe e conseguir os puntos.

O último derbi desta primeira fase. Non hai moita diferenza entre un rival de Galicia ou de fóra. Preparamos cada semana o partido coma se fose o único e último, tentando analizar ao máximo ao rival e partir de aí buscar as súas fortalezas e debilidades para sacar o que cremos que facemos moi ben. Os números están aí, así o din e eu firmo seguir así: seguir gañando na casa e ademais contando con público, aínda que sexa pouco, que seguro que nos vai a axudar.

Regreso da afección. Vai a ser bonito volver a escoitar a xente, agardo que nos animen e que nos axuden a dar os tres pasos que nos quedan para completar o Camiño. En ano Xacobeo, quédannos tres pasos e o primeiro é esta fin de semana. O calendario quixo que fose contra un equipo galego, o último deste primeiro tramo e, cos puntos da táboa clasificatoria, este primeiro paso pode valer por dous ou tres. Por iso, estamos 100% centrados no sábado e, coma sempre, a polos tres puntos.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado