Un Compos xigante asalta Pasarón

Momento do golazo de Miki Villar, na primeira metade.

  • A pesar das adversidades, os nosos superaron, de novo, a un dos transatlánticos da categoría
  • O gol de Miki Villar, no 12, foi decisivo, grazas ao gran traballo defensivo dos branquiazuis

Santiago de Compostela, a 21 de Febreiro de 2021.

Este Compos é doutra pasta. A pesar de todas as adversidades, coa falta de adestramentos, as ausencias por lesión e ao nivelón do rival, os nosos levaron os tres puntos de Pasarón. Os branquiazuis asaltaron un dos feudos máis complicados da categoría, xogando como un equipo. Tocou sufrir, houbo que defender con uñas e dentes, pero os tres puntos viñeron para Santiago.

O golazo de Miki Villar, no 12, foi suficiente para conseguir unha nova vitoria na liga, un novo triunfo nun derbi, un golpe de autoridade dun equipo que deixou, por oitava vez no que vai de ano, a portería a cero. Xa non quedan cualificativos para definir o rendemento deste equipazo.

Tras unha semana complicada, tanto no que respecta ás molestias en futbolistas como ás inclemencias meteorolóxicas, a SD Compostela viaxou a Pasarón coa idea de sacar adiante un reto maiúsculo. Para iso, Yago Iglesias deu entrada a Samu, no centro do campo, e a Matías Vesprini, no lateral esquerdo. Un once novo para tentar sacar os tres puntos do feudo pontevedrés.

Con este plan, os nosos comezaron mellor, dominando o esférico e combinando para chegar á área rival, mentres que os locais tentaban buscar con rapidez ás súas puntas de lanza.

Nesta batalla inicial, saíu mellor parado o Compos, xa que aos 12 minutos lograba abrir a contenda, mercé a un golazo de Miki Villar. Samu gañou o segundo balón no centro do campo, serviuna para Brais Abelenda e este, demostrando a conexión que ten co lóstrego de Nigrán, buscou ao espazo ao extremo compostelanista, quen se foi en velocidade do seu par e soltou un lategazo que entrou xusto pegado ao segundo pau.

Ante o tanto inicial branquiazul, Luisito cambiou o sistema e mandou aos seus arriba, tentando presionar aos nosos cunha zaga de tres e dous carrileros moi avanzados. A través de centros laterais, as ocasións para os granates comezaron a chegar. Primeiro, Pato atrapou ben un testarazo de Rufo, no 20, e despois, no 27, o dianteiro atopouse co poste, despois dun disparo cruzado, tras asistencia de Aitor Núñez.

Responderon os santiagueses, pasada a media hora, noutra acción rápida, na que Jimmy puxo o centro, Brais Abelenda amorteceuna e Josiño, tras controlar, enviouna arriba.

Con todo, a última antes do intermedio, volveuna a ter Rufo, nun novo centro de Álex González, que cabeceou contra o traveseiro.

Por iso, o marcador xa non se moveu e ambos conxuntos marcharon ao tempo de descanso coa vantaxe do Compos.

Á volta dos vestiarios, o encontro seguiu polos mesmos camiños, cun Pontevedra que quería apertar e un Compos que se defendía, xa mellor asentado sobre o céspede, adaptado ao cambio de sistema dos locais. Así, o duelo converteuse nun toma e daca.

Como mostra, un botón. No 52, Álex González puxo un centro da esquerda rematado de cabeza, demasiado cruzado, por Jorge Fernández. E no 53, Imanol salvaba sobre a liña un balón picado de Bicho desde a liña de fondo.

De novo, minutos máis tarde, Álex González levou o perigo granate nunha entrada dende a esquerda, na que soltou o disparo coa dereita, o cal saíu rozando o pau. E a seguir, resposta do Compos. Centro ao segundo pau de Bicho para a entrada de Jimmy, quen lle pegou de primeiras e sen que caese, pero Mario despexouna abaixo.

Chegou o momento dos cambios e entraron Primo e Sergio Pereira, un refresco que axudou aos nosos a gardar máis a pelota. Grazas a esa posesión, a última do partido foi para os nosos, no 83, cun novo disparo de Bicho, coa dereita, que sacou Mario con apuros.

A pelota non quixo volver entrar e ata o final houbo que resistir. O Pontevedra cargou o seu arsenal de centros, por ambas bandas, pero a zaga branquiazul, imperial no día de hoxe, sacou todos e cada un dos intentos granates. E así, acabouse o partido, coa última sacudida.

Deste xeito, co 0-1 final, os tres puntos viñeron para Santiago. Hoxe tocou pórse o mono de traballo, sufrir ante as acometidas pontevedresas, pero non hai quen pare a este equipazo. Triunfo de moito mérito para os nosos, que seguen crecendo e seguen soñando nesta liga. Agora, unha semana de parón e volta ao rodo contra o Celta B, no Vero Boquete.

FICHA TÉCNICA:

0- PONTEVEDRA CF SAD: Mario; Aitor Núñez, Xisco Campos, Pol Bueso (Óscar Fernández, m.75), Zabaleta (Jorge Fernández, m.25); Oier Calvillo (Borja Martínez, m.25), Damiá Sabater (Martín Diz, m.75), Imanol García, Álex González; Charles e Rufo.

1- SD COMPOSTELA: Pato; Saro, David Soto, Álvaro Casas, Matías Vesprini; Samu; Miki (Sergio Pereira, m.81), Bicho, Josiño (Primo, m.69), Jimmy; e Brais Abelenda.

GOLES: 0-1: Miki Villar, min.12.

Árbitro: Caparrós Hernández (Comunidade Valenciana). Amoestou a Pol Bueso, Borja Martínez e Damiá Sabater, polo Pontevedra

Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Partido da décimo quinta xornada de liga do Grupo 1 Subgrupo A de a Segunda División B disputado sen público.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado