Un Compos máis vertical para repetir vitoria no fortín

  • Rodri visualiza a un equipo con máis posesión no duelo deste domingo ante o Móstoles

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2021

A SD Compostela repite este domingo no Vero Boquete (17.00 horas) e quere facelo cunha nova vitoria. Coa lección aprendida do encontro ante o Palencia, os nosos buscarán os tres puntos, co apoio dos seus, ante o Móstoles.

Con este obxectivo, Rodri preparou ao equipo para a que cataloga como unha dura batalla. Para iso, o técnico branquiazul agarda un Compos máis dominante e máis incisivo ao atacar a área rival.

Declaracións destacadas.

Estado do plantel. Algún pequeno problemiña, o normal, dalgún xogador, sobre todo por temas musculares, pero en principio están todos menos Jimmy.

Unha idea que require tempo. O desgusto que tiña o domingo era porque cría que non chegamos a demostrar todo o que temos. Analizámolo entre todos, porque eles son os primeiros que son conscientes de que non fomos todo o dominantes no xogo que nos gustaría, pero o máis importante é gañar e, a partir de aí, ir mellorando. Analizamos cousiñas para que non se volvan a repetir e ir mellorándoas, pero creo que o traballo semanal é bo. Son unha persoa moi esixente, pero tamén me dou conta de que teño as cotas demasiado rápidas, polo que todo leva un tempo. Vimos dunha época moi boa, sobre todo a nivel de xogo, pero imos tentar iso e ímolo a conseguir, pero necesitaremos tempo.

A esixencia. A persoa máis esixente que hai aquí agora mesmo seguramente sexa eu, porque entendo o fútbol así. Dentro diso, teño que esixir aos rapaces, porque estou convencido de que están máis que capacitados para desenvolver a idea de xogo que teño.

Posibles cambios. Algún cambio vai haber, porque creo que tamén é bo para a propia competitividade do plantel, que todos se sentan titulares, que é un pouco o que busco. Son todos importantes, teño confianza plena en todos os xogadores, dende o primeiro ata o último, e unha forma de demostralo tamén vai por aí. Ademais, dentro dun mesmo partido, visualizo varios, e en función deles xogarán uns ou outros.

O Móstoles. Paréceme un equipo máis directo que o Palencia, que se desordena moi pouco. Basean todo na orde táctica, teñen un dianteiro grande que xoga ben de costas e despois teñen individualidades, futbolistas que xogaron moito tempo en Segunda División e serán os que teñen que manexar o xogo. Por iso, quedo sobre todo co seu fútbol máis directo do que viñemos vendo nestas dúas xornadas e as súas individualidades de futbolistas que foron moi importantes, e que seguro que seguen sendo importantes a día de hoxe.

Os seus puntos fortes. Preocúpame o bloque, porque me parece moi compacto. Oxalá podamos marcar algún gol rápido, porque iso faríalle expoñer un pouco máis. Despois, é un equipo que é moi difícil desarmalo, porque manteñen todo o tempo o 4+1, e é un equipo disciplinado, que cando perde a pelota as transicións defensivas son rápidas. Creo que teremos máis posesión, pero tamén temos que ser máis verticais.

O Compos que lle gustaría ver a Rodri. Gustaríame ver un equipo competitivo, dinámico, valente, que xogue cara a adiante e, a partir de aí, ir implementando cousas. O primeiro que quero ver é un equipo valente e alegre, que queira facer cousas, que vaia a campo contrario, poder estar alí e poder estar cómodos, iso é o que me gustaría. Evidentemente, non son o mesmo os partidos no Vero Boquete que ir xogar fóra, entón, creo que na casa temos que ser máis dominantes. Fóra quizais manexaremos outros rexistros, pero aquí si que me gustaría ver un equipo máis dinámico, con máis posesión, levando a pelota de lado a lado… un pouco o que traballamos todas as semanas e que quero que se desenvolva o domingo. Fomos quen de facelo en pretempada en certos partidos, o día do Fabril, o día de Coruña na segunda parte, contra o Racing de Ferrol por momentos e o outro día contra o Palencia, que evidentemente houbo momentos que fixemos as cousas máis na liña que busco. O que temos que tentar é que no canto de 20-30 minutos, sexan 60-70, ese é o plan de ruta que nos temos que expor.

O primeiro: gañar. O importante é gañar. Evidentemente, quero facelo dunha determinada maneira, pero quero gañar. Creo que estou máis preto de gañar se fago determinadas cousas, en función das características do meu plantel. O outro día vou encantado da vida, porque gañamos, pero vou desgustado, porque creo que estariamos máis preto de gañar se somos quen de desenvolver outras cousas. Pero o dito, para min o prioritario é gañar. O ano pasado xogabamos moi ben, pero os números din que gañamos cinco partidos en todo o ano, e é certo que desfrutaba moitísimo vendo xogar ao equipo, pero é fútbol de rendemento. Acórdaste do ben que xogabamos, pero ao final o que importa neste deporte son as vitorias.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado