
Celebración do gol de Miki na segunda metade. Foto: Amadeo Rey.
- Os goles de Brais Abelenda e Miki permitiron o triunfo dunha SD Compostela que mostrou a súa mellor versión ante o Deportivo
Santiago de Compostela, a 24 de xaneiro de 2021.
Un Compos espléndido logrou levar o derbi de Riazor. Os branquiazuis, hoxe de verde, recuperaron sensacións ante o Deportivo, recuperando o seu mellor xogo e volvendo marcar goles despois de moito tempo. Ao final, 0-2 para a primeira vitoria do 2021.
Tras unha primeira parte na que os nosos xa avisaron das súas intencións, Brais Abelenda abriría a contenda no 50, despois de aproveitar un roubo de Juampa e unha deixada de cabeza de Miki. E no 76, precisamente o lóstrego de Nigrán facía saltar a banca cun tanto no que aproveitou un balón en longo de Pato para gañarlle a partida á defensa e ao porteiro e marcar a portería baleira.
Coa entrada de Josiño por Primo e o regreso de Juampa, a SD Compostela chegaba a Riazor con gañas de recuperar sensacións. Despois de varios encontros sen marcar e sen gañar, mesmo a pesar de merecelo, os nosos buscaban superar un reto maiúsculo, gañar ao Deportivo no derbi.
Con esta misión, o Compos saltou mellor ao céspede herculino, sen medo e fiel ao seu estilo de posesión, sorprendeu de inicio ao Dépor con moita mobilidade no ataque. Así, aos tres minutos, os nosos xa tiveron a primeira opción clara, despois dunha entrada por banda de Miki, quen se atopou coa zaga, pero o balón quedou morto na área e Saro, chegando desde atrás, mandouna arriba.
E aos seis, tras un saque de esquina, Juampa empuxou á rede un centro raso de Brais Abelenda, pero o liña levantou a bandeira ao decretar que a pelota cruzara a liña de fondo.
Co paso dos minutos, as forzas fóronse igualando, cun Dépor que manexaba a pelota en zona defensiva e un Compos moito máis incisivo, tanto para saír rápido á contra como para dominar a posesión. Deste xeito, os nosos atopaban os espazos nas bandas, tanto con Miki e Saro como con Jimmy e Juampa, por onde percutiron ata liña de fondo, pero os seus centros non atoparon rematador.
Sen máis ocasións destacables, o duelo chegou ao intermedio coa igualada inicial e un Compos moi ben asentado sobre Riazor.
Á volta dos vestiarios, cos mesmos protagonistas sobre o verde, o Compostela seguiu fiel ao seu estilo e xa avisou ao pouco nunha conexión entre Jimmy e Juampa, na que o esférico se lle quedou atrás ao extremo.
Respondeu rápido o Deportivo, na súa única opción en todo o partido, logo dun malentendido entre Guille Torres e Pato que lle permitiu coller a pelota a Claudio, pero o dianteiro buscou asegurar e Pato, espléndido, lanzouse á perfección para atallar.
Con todo, o partido estaba a ser de dominio compostelanista e acabou chegando o tanto que facía méritos ao visto sobre o tapete. Juampa rouboulle o esférico a Mujaid no pico da área, colgouna ao segundo pau e Miki, de cabeza, devolveuna ao centro para a chegada dun Brais Abelenda que fusilou o balón ás redes. O pichichi de Bembibre enganchouna no punto de penalti e Carlos Abad xa non puido facer nada.
E a seguir, a punto estivo de chegar o segundo. Bicho cazou o rexeite dunha falta lateral e, ante o porteiro herculino, puxo o pase da morte para que a empuxase Guille Torres, pero o central, só de marca, mandouna arriba.
Con vantaxe dos nosos, o encontro púxose aínda máis a favor trala expulsión, por dobre amarela, de Mujaid, quen recibiu o seu segundo cartón ao derrubar a Brais Abelenda cando encaraba cara á área.
Contra dez, o Compos seguiu ao seu e conseguiu ampliar a renda aos 76 minutos. Balón en profundidade de Pato, Miki gañoulle a torrada á defensa e ao porteiro para quedar a portería baleira, grazas a un toque de cabeza. A súa pericia e velocidade fixeron o resto para que o “lóstrego de Nigrán” ampliase a renda no luminoso.
Despois do 0-2, os nosos pasaron a durmir a pelota dun lado ao outro do campo, aínda que sen esquecer incidir cara á área rival en canto podían. A máis clara tívoa Álvaro Casas, tras un pase atrás de Miki, pero o capitán mandouna por encima do traveseiro.
Por iso, xa non se moveu o marcador e a vitoria viaxou para Santiago. Partidazo dos nosos no que recuperaron sensacións, marcando goles e facendo un fútbol moi vistoso nun estadio coma Riazor. Estrearon así a marcadora de triunfos do 2021 e escalan postos da clasificación. Agora, toca seguir con esta dinámica o vindeiro domingo, no fortín, contra o Coruxo.
FICHA TÉCNICA:
0- RCD DEPORTIVO: Carlos Abad; Derik, Mujaid, Borja Granero, Salva Ruíz; Lara (Adri Castro, m.68), Celso Borges, Álex Bergantiños (Gandoy, m.76), Borja Galán (Miku, m.76); Diego Rolan e Claudio (Valín, m.68).
2- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Saro, David Soto, Guille Torres, Jimmy; Pablo Antas (Baleato, m.75); Miki, Bicho (Samu, m.84), Josiño (Gabri Palmás, m.75), Juampa (Hugo Sanmartín, m.64); e Brais Abelenda (Álvaro Casas, m.84).
GOLES: 0-1: Brais Abelenda, min.51; 0-2: Miki, min.76;
Árbitro: Ávalos Martos (Cataluña). Expulsou a Mujaid (m.64) por dobre amarela. Ademais,a monestóa Claudio, Celso Borges, Salva Ruíz e Adri Castro, polo Dépor; e a Hugo Sanmartín, polo Compos.
Incidencias: Estadio Abanca Riazor (A Coruña). Partido da undécima xornada de liga do Grupo 1 Subgrupo A de a Segunda División B.
Compartir en Redes Sociales
CompartirRelacionado
© Copyright 2018 | SD Compostela
Aviso legal | Política de privacidad | Política de cookies | Términos y condiciones de compra