Un clásico para seguir co bo inicio ligueiro

  • O Compos viaxa a Carballo coa intención de manter as boas sensacións contra o Bergantiños

Santiago de Compostela, a 13 de Setembro de 2019.

A SD Compostela afronta este domingo, na cuarta xornada de liga, un clásico do grupo 1 da Terceira División. Os branquiazuis viaxarán ás Eiroas para enfrontarse ao sempre complicado Bergantiños, un conxunto co que levan loitando os últimos tres anos polos postos de playoff e que, de seguro, porá as cousas moi difíciles aos nosos, pese ao gran arranque de campionato, o cal tentarán prolongar.

“Hai rivais de maior entidade na categoría, de maior nome por vir de Segunda B, pero teñen que adaptarse á liga e tanto Bergantiños como nós levamos facendo boas tempadas aquí e gañámonos con suor a bitola que portamos”, destacou Yago Iglesias na rolda de prensa.

Por iso, enfróntanse a un rival moi coñecido, no que manteñen ao mesmo técnico, Miguel Figueira, e que está chamado a pelexar por todo. “É un moi bo equipo, que xa demostrou o seu nivel aquí na pretempada, polo que sabemos o que nos atoparemos e o tipo de partido que será”, engadiu.

A pesar das diferenzas na clasificación a estas alturas, o conxunto santiagués sabe que se trata de algo anecdótico, froito do inicio ligueiro, polo que non o toman como ningunha referencia. “Se ves os partidos, en Ourense tiveron ocasións para sacar o encontro adiante; contra o Arenteiro atopáronse cun rival moi ben plantado e unha expulsión; mentres que, en Alondras, cando quizais menos xeraron, gañaron. Iso son os pequenos detalles”, analizou o técnico.

Saben moi ben, ademais, que os planteis están en fase de “solidificación” e que irán a máis co paso das xornadas, malia que, tras observar os primeiros duelos, Yago comenta que é un Bergantiños algo diferente. “Parécese máis ao de hai dúas tempadas, con velocidade arriba, verticalidade e capacidade para manexar distintos sistemas. O que se manteñen é a experiencia e a capacidade de facer gol con calquera ocasión ou descoido”, asegurou.

Con todo, viaxan a Carballo coa mentalidade de sacar os tres puntos, nun terreo de xogo similar ao de Cangas. “O campo e o perfil de equipo son similares ao da primeira data, polo que esperamos seguir con ese balance positivo entre ataque e defensa”, adiantou.

Con ese propósito de manter a fortaleza defensiva, os branquiazuis desexan manter a xeira positiva e para iso seguirán co plan de ata a data. “Non temos porque cambiar nada se somos ese Compostela equilibrado, que xera máis do que recibe”, concluíu.

A meta está clara e os dezaseis xogadores que viaxarán tamén, xa que o corpo técnico segue agardando a que se recuperen Sergio Pereira, Alberto Freire e Hugo Sanmartín, quen xa realizaron adestramentos co grupo. Os que salten ao campo buscarán outra vitoria de mérito neste clásico, prolongando as boas sensacións e dándolle unha alegría á afección que se desprace.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado