Triunfo vital para o Compos tras moitas xornadas

O balón de Pablo Durán entrou por toda a escuadra. Foto: Amadeo Rey.

  • Os branquiazuis sumaron os tres puntos no desconto cun gol de Samu

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2022

A SD Compostela sumou por fin os tres puntos, tras moitas xornadas nunha dinámica negativa. Os branquiazuis superaron ao Arousa, 2-1, nun derbi de moito sufrimento, pero que terminou cun final moi feliz. O gol de Samu, no 93, levou o delirio á bancada e permitiu o que se levaba tanto tempo desexando, o triunfo.

Anteriormente, no duelo, Pablo Durán adiantara ao Compos cun tremendo golazo de volea, imparable, no 44. Vantaxe neutralizada polos de Vilagarcía, no 64, cun tanto de Roque en propia porta. Con todo, o mellor estaba por chegar.

Cun clásico do fútbol galego, a SD Compostela regresou ao Vero Boquete este domingo, nun partido no que os branquiazuis, tras semanas sen coñecer o triunfo, tiñan un só obxectivo, a vitoria. Cunha temperatura moi agradable para a práctica futbolística e un bo ambiente nas bancadas, dábanse todos os condicionantes para volver á boa dinámica de resultados.

Para a cita, Rodri, como novidades, deu entrada de novo a Álvaro Casas, tras cumprir sanción, así como a Josiño e a Rafa Mella na fronte do ataque. Con esa predisposición sobre o verde, a premisa futbolística estaba clara, cansar ao rival coa pelota, en busca de posibles espazos entre liñas para a velocidade dos atacantes.

Saíndo moi enchufados, as primeiras opcións foron para os nosos. Primeiro, no 8, cun centro de Roque ao que non chegaron por moi pouco nin Pablo Durán nin Fer Beltrán. E despois, no 10, cun lanzamento de lonxe de Parapar que golpeou nun defensor e a punto estivo de coarse pola escuadra.

Con todo, os visitantes, ben repregados e na busca dalgunha contra, tamén avisaron nos compases iniciais. Foi Luismi, no 17, o que puxo a proba os reflexos de Pato, despois dun roubo de balón e posterior golpeo dende a frontal.

Tras ese primeiro aviso visitante, chegou a máis clara para os compostelanistas, nas botas dun incisivo Parapar. O extremo coouse entre os defensores para recibir a asistencia de Fer Beltrán, pero no man a man, ben tapado, non puido superar a Álex Cobo.

A medida que avanzaba a contenda, as forzas fóronse equilibrando, polo que custou que se visen accións de perigo, máis aló dun disparo de Beda, desde tres cuartos, que sacou ben Pato.

Aínda así, a pesar de que todo facía indicar que se chegaría ao descanso co empate, habería unha sorpresa agradable para os nosos na última acción do primeiro acto. Parapar recibiuna en banda e picouna ás costas da zaga para un Pablo Durán que, sen pensalo, realizou un voleón cruzado que entrou por toda a escuadra, un auténtico golazo, cheo de clase, para levar o delirio á bancada.

Deste xeito, coa alegría do tanto, ambos equipos fóronse ao vestiario coa vantaxe local, 1-0. Á volta do tempo de asueto, saíron mellor os branquiazuis, máis incisivos, esporeados se cabe polo final do tempo inicial. As accións de perigo chegaban pola banda dereita, onde Parapar non se cansou de encarar.

No 52, cedeuna para a entrada de Josiño dende segunda liña, pero o pase atrás deste atopou co corpo do defensor. No 53, foi o coruñés o que realizou o centro, desde liña de fondo, pero Rafa Mella atopouse co esférico encima e non puido orientalo para a portería. E no 55, o seu bo servizo controlouno Pablo Durán, púxoa de cara para Fer Beltrán, pero en posición franca disparou frouxo e atrapou Álex Cobo.

Todo parecía controlado, pero nunha acción illada, no 64, chegou o empate. Beda atopou un espazo en campo rival, armou o disparo, Pato non conseguiu atrapala e Roque, no intento de despexala, mandouna á rede. Os nosos pediron falta por empuxón de Luismi sobre o lateral, pero o colexiado validou o tanto.

Ambos adestradores moveron os bancos e os seus revulsivos serían protagonistas aos poucos minutos. Polo lado local, tívoa Samu, cun disparo desde a frontal que saíu rozando o pau. E polo bando visitante, Porrúa foi o protagonista cunha carreira por banda e posterior asistencia para Luismi, pero o remate do dianteiro sacouno, cunha man salvadora, Pato.

Foi o momento dos últimos cambios por parte branquiazul, coa entrada de Saro e do xuvenil Remuiñán, no seu debut co primeiro equipo. Precisamente, foi o canteirán o que avisou cunha entrada en carreira dende o centro do campo, que acabou cun disparo ao que lle faltou forza. Pero tamén o fixo o lateral, xogando de extremo, cun centro que rebotou en varios defensores, pero que non puido ser aproveitado por Primo.

Con todo, do mesmo xeito que na primeira metade, a gran noticia chegou na recta final. Nun balón en longo, Pedro García peiteou o esférico para o seu porteiro, pero por alí chegou Primo, moi atento, para gañar a batalla a Álex Cobo. A pesar de que o cántabro non foi quen de superar ao meta na vaselina, este arroiouno e o árbitro pitou penalti.

Era momento para valentes e a responsabilidade asumiuna Samu, quen volveu xogar tras semanas lesionado. O de Bembibre colleu aire, tomou carreira e enganou á perfección ao porteiro, levando o delirio ao banco e á bancada.

Xa non houbo tempo para máis e os tres puntos, ao fin, quedaron na casa. Segunda vitoria da segunda volta para o Compos, un triunfo que lle permite seguir soñando con todo. Quitada a mala dinámica de encima, agora tocará pelexar o vindeiro sábado ante o Langreo.

FICHA TÉCNICA:

2- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Roque, Álvaro Casas, Guille Torres, Salado; Roberto Baleato, Fer Beltrán (Primo, m.64), Josiño (Saro, m.83); Parapar (Samu, m.60), Rafa Mella (Jimmy, m.64) e Pablo Durán (Remuiñán, m.83).

1- AROUSA SC: Álex Cobo; J. Fontán, Cotilla, Pedro García, Ross (Porrúa, m.51), Cotilla; Diego Diz, Alberto Martín, Julio Rey (Mon, m.72); Luismi e Beda (Nuño, m.72).

GOLES: 1-0: Pablo Durán, min.44; 1-1: Roque (p.p.), min.64; 2-1: Samu (p.), min.90+3.

Árbitro: Rodríguez García (Asturias). Amoestou a Roque, polo Compos; e a Pedro García, Diego Diz, Cotilla, Alberto Martín e Álex Cobo, polo Arousa.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Partido da Xornada 31 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 850 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado