Triunfo vital no fortín para un Compos que segue crecendo

Celebración do gol de Brais Abelenda, xunto a Hugo Sanmartín. Foto: Amadeo Rey.

  • A SD Compostela sumou a súa segunda vitoria consecutiva superando por 3-2 ao Coruxo
  • Juampa, por dúas veces na primeira metade, e Brais Abelenda, na segunda foron os goleadores

Santiago de Compostela, a 31 de Xaneiro de 2021.

A SD Compostela conseguiu, ante o Coruxo, a súa segunda vitoria consecutiva. Os branquiazuis superaron a un equipazo por 3-2, nun partido no que tocou sufrir, pero no que os tres puntos quedaron na casa. Triunfo vital para un Compos que segue crecendo na clasificación e neste 2021.

Tras unha gran primeira metade, os nosos marcháronse ao intermedio con vantaxe de dous goles, ambos marcados por Juampa. O primeiro, no 17, empalando un balón solto, e o segundo, no desconto, tras cabecear, con todo, un centro de Brais Abelenda. Pese ao 2-0, o Coruxo empataría na segunda tralos tantos consecutivos de Silva, no 58, e Chabboura, no 64. Pero aínda quedaba o mellor, xa que no 70, Brais Abelenda marcaría un golazo desde fóra da área para que a vitoria quedase en terras santiaguesas.

Co mesmo once que triunfou en Riazor, a SD Compostela buscaba no fortín a segunda vitoria consecutiva, tres puntos no Vero Boquete que lle axudasen a impulsarse na clasificación. Para iso, terían que superar a un Coruxo que chegaba a Santiago tamén despois dunha vitoria.

Coa misión clara de dominar ao rival coa posesión, os branquiazuis partiron de inicio moi incesantes coa pelota e boa proba diso foi a primeira entrada de Juampa por banda, aos dous minutos, na que Andriu tivo que derrubalo antes de que entrase só na área.

Foi un inicio, sobre todo, de moito tenteo, co Compos buscando os ocos na zaga rival e o Coruxo tentando saír rápido á contra. Nese choque de estilos, quen saíron beneficiados foron os nosos, xa que aos dezasete minutos adiantaríanse no marcador tras unha xogada combinativa.

Bicho cambiou a orientación do xogo para a banda de Miki Villar, o lóstrego de Nigrán foise de Rivera e puxo un centro ao que Brais Abelenda non chegou por moi pouco. Con todo, o de Bembibre tocouna coa punta do pé e iso provocou que a pelota quedase morta para Juampa, quen entrando desde atrás fusilou a Alberto polo primeiro pau. Un lategazo co que se estreaba de goleador coa casaca branquiazul.

Pese ao tanto, reaccionaron os visitantes aos cincos minutos, en busca da igualada. Silva controlou o esférico nas costas de Guille Torres e soltou un tiro cruzado que parou, á perfección, Pato Guillén.

Respondendo aos visitantes, o segundo estivo a piques de caer cando Juampa atopou a Josiño nas costas da defensa, o mediapunta de Bueu entrou ata a área e deixoulla para Bicho, pero o de Sada chegou forzado e escorregouse no momento de empalala.

Nese vaivén, de novo serían os vigueses os seguintes en avisar. Aitor Aspas gañou a liña de fondo e puxo un centro medido ao primeiro pau para a chegada de Chevi, pero o testarazo cruzado do mediocentro marchouse rozando o pau.

E as últimas da primeira parte, para o bando compostelanista. En primeiro lugar, Miki, coa esquerda, e Josiño, non foron quen de materializar unha dobre oportunidade, no 38. O primeiro non cargou ben o golpeo no punto de penalti e o segundo atopouse con Alberto no tiro cruzado. E, en segundo lugar, na última acción do período, chegou o segundo.

Pablo Antas botou unha falta desde a altura do pico da área, o balón foise longo, pero controlouno Brais Abelenda, quen a colgou con intelixencia ao outro pau e por alí, de novo, apareceu Juampa. O extremo branquiazul voou polo ceo do fortín para cabecear o servizo do dianteiro, empurrando a pelota á rede e selando o seu particular dobrete.

O segundo da tarde supuxo todo un golpe anímico para os nosos, xusto antes do intermedio.

Á volta dos vestiarios, sen relaxarse e cos mesmos protagonistas, o Compos saíu a por máis e tivo o terceiro aos trinta segundos. Miki atopou a Brais Abelenda na banda dereita, este deixouna para a entrada de Saro e o lateral, no interior da área, buscou o disparo arriba, pero Alberto reaccionou á perfección tirando de reflexos.

Con todo, quen atoparían o gol foron os visitantes, no 58. Nunha xogada embarullada, favorecido por varios rexeites, Silva atopouse só na área e superou a Pato por baixo, recortando diferenzas no luminoso.

Puido ampliar o Compos de novo a diferenza, aos tres minutos, á saída dun córner, cun golpeo coa testa de Baleato, no primeiro balón que tocaba, que saíu rozando o pau, pero quen volvería marcar, para igualar a balanza, sería o Coruxo, no 64.

De novo Silva, moi activo durante todo o encontro, cazou o balón na banda dereita, levantou á cabeza e puxo un gran centro para a entrada de Chabboura, quen rematou de primeiras chegando dende atrás. O dianteiro, fichado o pasado venres, non puido ter mellor estrea.

Pese ao golpe de verse de novo co empate, o Compos sacou o seu orgullo e devolveu a alegría á bancada seis minutos máis tarde. Brais Abelenda, pichichi branquiazul, arrincou desde tres cuartos de campo, atopou o espazo entre a zaga e soltou un tremendo disparo raso que se coou polo primeiro pau. O de Bembibre volveu chamar ao gol cun lategazo impresionante.

E dous minutos máis tarde, no 72, puido caer o cuarto, pero inexplicablemente non entrou. Brais deixou só a Hugo Sanmartín e o poeta definiu cruzado á perfección, pero cando xa se cantaba o gol, un defensa apareceu no último segundo para sacala baixo paus.

Con todo, non entrou e tocou sufrir ata o final. Os nosos durmiron o encontro como mellor saben, coa posesión do esférico, pero aínda habería unha última opción para o Coruxo. Nunha falta botada dende o centro do campo, Jacobo Trigo acabou controlándoa na liña de fondo e puxo un bo balón colgado ao segundo pau, por onde apareceu Valiño, pero o remate deste foise contra o traveseiro. Tamén tivo o cuarto Gabri Palmás, recibindo en campo contrario con Alberto fóra do arco, pero non foi quen de disparar a portería.

Por todo iso, a vitoria quedou no fortín. Non foi sinxelo, en fronte estivo un auténtico equipazo, pero os tres puntos, moi necesarios, quedaron en Santiago grazas ao 3-2 final. A SD Compostela sumou así o seu segundo triunfo consecutivo, o cal lle permite ascender na clasificación. Seis puntos vitais neste 2021, para encarar unha nova saída, a visita ao Guijuelo este próximo sábado.

FICHA TÉCNICA:

3- SD COMPOSTELA: Pato; Saro, Soto, Guille Torres, Jimmy; Pablo Antas; Miki (Gabri Palmás, m.78), Bicho (Samu, m.90+2), Josiño (Baleato, m.61), Juampa (Hugo Sanmartín, m.61); e Brais Abelenda.

2- CORUXO FC: Alberto; Antón de Vicente, Andriu (Pablo Salgueiro, m.53), Pablo Crespo, Aitor Aspas; Jacobo Trigo, Borja Yebra (Pedro Vázquez, m.53); Álex Ares (Valiño, m.77), Chevi, Rivera (Chabboura, m.53); e Silva.

Goles: 1-0: Juampa, min.17; 2-0: Juampa, min.45+2; 2-1: Silva, min.58; 2-2: Chabboura, min.64; 3-2: Brais Abelenda, min.70.

Árbitro: Vicente Moral (Castela e León). Amoestou a Pablo Antas e Brais Abelenda, polo Compos; e a Andriu, Jacobo Trigo, Pablo Crespo e Silva, polo Coruxo.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Partido da duodécima xornada de liga do Grupo 1 Subgrupo A de a Segunda División B disputado a porta pechada.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado