Triunfo necesario e vital para chegar con opcións a Salamanca

Celebración do equipo no gol de Primo. Foto: Amadeo Rey.

  • O Compos sumou os tres puntos na casa e pelexará pola quinta praza na última xornada

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2022

A SD Compostela logrou o obxectivo na casa. Sumou os tres puntos, tras gañar 4-1 ao Ceares e, finalizada a xornada, queda con opcións de pelexar pola quinta praza que dá dereito ao playoff. Na asollada mañá en Santiago, os nosos superaron aos asturianos mercé a unha gran segunda parte na que chegaron tres tantos.

Adiantándose no marcador no 10, co oitavo tanto de Pablo Durán, o encontro parecía que quedaría na casa, pero os visitantes, tirando de orgullo, lograron empatar no 28, co tanto de Óscar Fernández. Con todo, nun gran tirón, Primo marcou o segundo no 66 e Josiño o terceiro no 68. Xa con todo decidido, Samu marcaría o cuarto no 93, cun excepcional lanzamento de falta que se coou pola escuadra.

Tralo tropezo da última semana, o Compos regresaba ao Vero Boquete coa premisa clara de gañar e esperar que os resultados dos rivais polo playoff lle favorecesen. Con todo, para iso, o primeiro era facer os deberes propios e con esa premisa saltaron ao verde nunha mañá asollada.

Con Saro, Josiño e Primo como novidades, buscando un fútbol máis ofensivo, os compostelanistas saíron a por todas dende o asubío inicial. Roubando moitos balóns en campo contrario, a contenda era de claro dominio branquiazul.

Con ese dominio, aos 5 minutos chegou o primeiro aviso, nun centro atrás de Parapar que Fer Beltrán, tras controlar, estrelou contra un defensor que estaba sobre a liña.

Non foi á primeira, pero si á segunda, nunha nova obra de arte de Pablo Durán. O atacante de Tomiño acomodouna co tacón, foise en velocidade do lateral e, case sen ángulo, sacouse da chistera un recurso de fútbol sala para cravala pola escuadra do primeiro pau. O punteirazo potente coouse nas mallas sen que nada puidese facer o porteiro.

Logrado o primeiro obxectivo, os nosos foron a máis e sería Josiño o seguinte en achegarse ao tanto. O mediapunta de Beluso controlouna en tres cuartos de campo, orientouna á súa zurda e o seu golpeo, centrado pero potente, escapóuselles das mans a Kike e estrelouse no traveseiro.

Con todo, co equipo ben asentado e sen que o rival cruzase apenas do centro do campo, nunha acción illada, no 28, chegou o empate. Óscar Fernández beneficiouse duna xogada rápida, con asistencia de Noé ao primeiro toque, plantouse ante Pato e cruzouna á perfección ao fondo das mallas.

De novo coa igualada, tocaba remar desde o inicio e os nosos puxéronse ao choio. Así, no 32, Primo rozou o segundo cun tiro desde a frontal que se escapou por milímetros. E no 35, un remate de cabeza de Baleato, á saída dun córner, tamén se foi por moi pouco por encima do traveseiro.

Con todo, nese reprís final non houbo tempo para que caese a muralla visitante, chegándose ao intermedio co empate 1-1.

Á volta dos vestiarios, coa entrada de Jimmy e Escudero, buscaba Rodri aínda máis mordente en campo rival e a por iso foron os branquiazuis. O propio extremo valisoletano levou o primeiro aviso da segunda metade, no 53, cunha chegada por liña de fondo na que o seu centro chut non atopou rematador no pau longo.

Un minuto antes, Primo gañárase a posición co último home e xa encaraba portería cando foi tirado ao chan, con todo, o árbitro sinalou falta do dianteiro, provocando o enfado da bancada.

O cántabro tívoa aínda máis clara á hora do encontro, pero inexplicablemente non conseguiu rematar o pase da morte de Parapar, cando ambos se plantaron sos contra o porteiro rival. A seguir, sería Baleato o que o tentaría, pero a súa cabezada, á saída dun córner, parouna Kike na liña.

Por sorte, tanto foi o cántaro á fonte que acabou rompendo, e por partida dobre, para tranquilidade da bancada. No 66, Primo labrouse a xogada, correndo ao espazo, recortou ao central na área e definiu con estilo ao segundo pau, 2-1. E no 68, sen tempo para celebrar, Parapar arrincou de novo a moto pola dereita, volveu realizar o pase da morte ao segundo pau e, esta vez si, Josiño aproveitouno para empuxar o 3-1 á rede.

O cuarto puido caer tamén aos poucos minutos, pero nesta ocasión, o intento de Primo, tralo centro de Jimmy marchouse pegado ao poste. Tamén a tivo no 83, esta vez tras asistencia de Rafa Mella, pero non chegou por moi pouco. E no 86, sería Josiño o que rozaría o cuarto, pero de novo atopouse co traveseiro no seu disparo coa dereita.

Aínda así, acabaría chegando o cuarto, no último segundo da contenda, cun maxistral lanzamento de falta de Samu que se coou pola escuadra.

Cos tres puntos e o obxectivo cumprido, os resultados da xornada deixan ao Compos cunha oportunidade, unha praza pola que loitarán tres equipos. Co empuxón da vitoria na casa, os nosos loitarán por todo en Salamanca.

FICHA TÉCNICA:

4- SD COMPOSTELA: Pato; Saro, Álvaro Casas, Roberto Baleato, Salado (Jimmy, m.46); Pablo Antas (Remuiñán, m.88), Fer Beltrán (Escudero, m.46 (Samu, m.77)), Josiño; Parapar (Rafa Mella, m.75), Pablo Durán e Primo.

1- UC CEARES: Kike; Edu García (Marcos Álvarez, m.65), Sergio Orviz, David Blanco, Varo A., H. Zuazua; Llerandi, Prosi, Juan Carlos; Noé Fernández (M. Medori, m.46) e Óscar Fernández.

GOLES: 1-0: Pablo Durán, min.10; 1-1: Óscar Fernández, min.28; 2-1: Primo, min.66; 3-1: Josiño, min.68; 4-1: Samu, min.93.

Árbitro: Domato Pedreira (Baleares). Amoestou a Jimmy, polo Compos; e a Sergio Orviz, polo Ceares.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Partido da Xornada 33 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 500 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado