Triunfo de oficio no fortín branquiazul

O equipo celebra o segundo gol de Brais Abelenda nun partido patrocinado por Limpiezas Salgado. Foto: Amadeo Rey.
  • O Compos tivo que remontar e adiantarse por dúas veces para acabar levándose os tres puntos

Santiago de Compostela, a 20 de Outubro de 2019.

O Compos recuperou a senda do triunfo, non sen sufrimento, nun encontro no que tirou de oficio. Complicáronselle as cousas por momentos, pero defendeu con uñas e dentes o fortín para volver sumar de tres diante da súa xente e así seguir na parte alta da clasificación. Mantense, co 3-2 final, o idilio co Vero Boquete.

Nun comezo tolo, Borja adiantou aos visitantes aproveitando un despexe de Pato, idéntica resolución á dos goles de Gabri  Palmás e Brais Abelenda, para darlle a volta ao marcador en dous minutos. Brais Calvo, aínda na primeira metade, igualaría de novo a contenda, pero na segunda metade Brais Abelenda rompería a igualada co seu dobrete no 67.

A SD Compostela volvía ao seu fortín con ganas de resarcirse, coa intención de quitarse de encima as dúas últimas derrotas e recuperar a senda do triunfo á beira dos seus afeccionados. Con todo, en fronte estaba un duro Estradense, perpetrado atrás con cinco defensas e con moita rapidez na fronte de ataque, con dous canteiráns do Compos, Juanín e Borja.

Así, pese ao dominio inicial branquiazul, os visitantes sorprenderían a todos adiantándose no marcador aos nove minutos. Precisamente, sería Borja Míguez o encargo de materializar a diana, gañando un rexeite de Pato.

Malia que un despois avisaría Juanín, cun disparo potente nunha contra, os branquiazuis responderían rapidamente, devolvendo as augas á súa canle. En dous minutos de esplendor, os nosos déronlle a volta á contenda, aproveitando dous rexeites de Coke.

Primeiro, no 24, Hugo Sanmartín atopou un oco na frontal para soltar un disparo axustado, o porteiro rexeitouna con apuros e Gabri Palmás, moi atento, recolleu a pelota para cruzala ao fondo da rede.

E sen tempo para celebralo, no 26, esta vez foi Josiño o que soltou unha volea potente que despexou con apuros o gardameta visitante e, nesta ocasión, Brais Abelenda foi o que gañou o rexeite, para superar a Coke cun golpeo con bote.

Con todo, e tras rozar o terceiro nun despexe de Caraban a centro de Gabri que se foi rozando o pau, os da Estrada conseguiron de novo a igualada nunha acción de mala fortuna. Brais Calvo armou un disparo desde 30 metros que atrapaba Pato sen problemas, pero o esférico escapóuselle das mans e entrou na portería.

O empate mantívose ata o intermedio, deixando todo por decidir para a segunda metade, na que, os visitantes serían os primeiros en avisar, nun man a man de Borja, tras unha mala cesión da defensa, que o dianteiro estrelou contra o pau.

Con todo, serían os nosos os que novamente levarían a iniciativa do encontro, chegando con claridade á área defendida por Coke. Brais Abelenda non conseguiría a acertar nun intento de vaselina, mentres que Mon e Hugo Sanmartín mandarían os seus disparos desde a frontal rozando os paus da portería visitante.

Con todo, á cuarta acabaría chegando o premio. Xusto co dobre cambio branquiazul, Brais Abelenda pasou do centro á banda e desde aí xerou o terceiro no primeiro balón que tocou. O pichichi de Bembibre recibiu pegado á liña, encarou cara a dentro e soltou un lategazo ao primeiro pau ante o que non puido reaccionar o gardameta visitante.

E como no primeiro acto, puido caer outro aos poucos minutos. Esta vez, Rodri conectou con Pablo Antas, este recortou e soltou un gran disparo cruzado que despexou con apuros Coke. Tamén tivo o cuarto Hugo Sanmartín, máis tarde, cun potente lanzamento desde o interior da área, que sacou co pé, de maneira espectacular, o porteiro.

Ao non conseguir materializar as últimas opcións, o partido mantívose rifado ata o último minuto, malia que sen sufrimento para o cadro local, quen mesmo tería algunha posibilidade nunhas contras finais nas que lle faltou acerto no último pase.

A pesar diso, o luminoso xa non se moveu e a bancada puido celebrar unha nova vitoria no Vero Boquete. Mantense a imbatibilidade en liga no feudo branquiazul, clave para seguir situados na parte máis alta da clasificación. Agora, nunha nova semana limpa, toca seguir traballando para ampliar a xeira de triunfos de visitantes, ante o As Pontes.

FICHA TÉCNICA:

3- SD Compostela: Pato; Saro (Rodri Alonso, m.66), Álvaro Casas, Soto, Sergio Pereira (Mon, m.19); Samu, Pablo Antas; Gabri Palmás, Josiño (Baleato, m.66), Hugo Sanmartín; e Brais Abelenda.

2- CD Estradense: Coke, Martín Vilar, Ander, Caraban, Martín Sánchez (Manuti, m.73), Iago Neira; Jabicho, Brais Vidal, Brais Calvo (Vicente, m.61); Juanín (Rodrigo, m.66) e Borja.

Goles: 0-1: Borja, min.9; 1-1: Gabri Palmás, min.24; 2-1: Brais Abelenda, min.26; 2-2: Brais Calvo, min.33; 3-2: Brais Abelenda, min.67.

Árbitro: Rodríguez Campos (A Coruña). Amoestou a Baleato e Hugo Sanmartín, polo Compos; e a Martín Vilar, Brais Vidal e Ander, polos visitantes.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro. Partido da novena xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado ante 1.000 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado