Triunfo crucial do Cadete ante o EFM Boiro para achegarse ao ascenso

  • O Xuvenil A tamén ampliou a súa vantaxe no liderado co empate contra o CD Boiro

Santiago de Compostela, a 4 de Febreiro de 2020.

Os equipos de Liga Galega da SD Compostela culminaron a súa tarde en Santa Isabel con boas sensacións. O Xuvenil A, pese ao empate, ampliou a súa vantaxe á fronte da táboa, mentres que o Cadete A, co seu triunfo pola mínima, queda a un punto do posto de ascenso directo. Ademais, o Filial sumou a súa segunda vitoria seguida para seguir escalando, tres puntos que tamén lograron o Cadete B, líder provisional en Segunda Autonómica, o Cadete C, o Infantil A, o Alevín A, o Alevín C, o Benxamín A e o Prebenxamín A.

En primeiro lugar, o SD Compostela-Zona Vella encadeou o seu segundo triunfo consecutivo logo de superar por 3-1 ao Laro CF, rival co que estaba empatado na táboa e ao que superou o pasado verán na final da Copa do Sar. Os branquiazuis sentenciaron o duelo nunha gran primeira metade na que se adiantaron mercé aos goles de Alberto Fernández, Francisco Miguel Silva e Bruno Pouso. Agora marchan quintos e seguen a nove do líder.

En Santa Isabel tamén xogou o seu encontro un Xuvenil A que, esta vez, non puido sumar de tres. Os canteiráns compostelanistas empataron 1-1 ante o CD Boiro, aínda que amplían a súa vantaxe co segundo, o Calasanz B, ata os seis puntos. No derbi comarcal, Óscar Remuiñán puxo aos nosos en vantaxe aos 51 minutos, pero os do Barbanza nivelaron a balanza nos últimos compases, repetindo así o final da primeira volta. Por contra, o Xuvenil B caeu goleado na súa visita ao líder da súa liga, o ED Xuventude Oroso.

Tamén contra un equipo boirense, malia que no seu caso o EFM Boiro, o Cadete A logrou un meritorio triunfo por 1-0 que, ademais de permitirlle volver á senda triunfal, colocouno a un punto do posto de ascenso directo e igualouno á súa vez co seu rival. Un solitario tanto de Xaime Paz, aos 21 minutos, decidiu a contenda entre dous conxuntos que se coñecen moi ben e que xa loitaron o curso pasado polo campionato ligueiro.

O seu éxito completouse o domingo co triplete na categoría. O Cadete B, que volve ao liderado provisional, superou por 3-0 ao Cacheiras grazas ao hat trick de Zubo Yang. Mentres tanto, o Cadete C goleou por 6-1 ao Praíña para recuperar sensacións. O trío de goles de Fabián Lamela combinouse cos tantos de David Estévez, Edgar González e Alejandro Suárez.

A última vitoria en fútbol-11 foi a do Infantil A, cun claro 3-0 contra o Milladoiro, co que recuperan a diferenza de goles. Os branquiazuis, que marchan terceiros na táboa, sumaron os tres puntos coas dianas de Ruibo Yang, Anxo Fuentes e Mauro Rivadulla. Esta vez, non puido completarse o dobrete, xa que o Infantil B empatou 2-2 contra o Bertamiráns D, nun duelo no que Dani Ouro foi o autor dos goles compostelanistas.

Si houbo dobre triunfo en alevíns, e con idéntico resultado. O Alevín A venceu na matinal do sábado ao UD Bastavales por 3-0, mentres que o Alevín C fixo o propio, por 3-0, contra o Cacheiras B. Imitándoos, o Benxamín A seguiu coa súa boa dinámica, tras superar por 0-4 ás Escolas Deportivas de Vedra. Na outra cara da moeda, o Benxamín B caeu por 5-3 ante o La Salle. Completaron a xornada en fútbol-8, uns prebenxamíns que debutaron na segunda fase da competición. O Prebenxamín A fíxoo cun triunfo ante o Escola Estrada B, que o sitúa como primeiro líder, e o Prebenxamín B perdeu contra o Victoria B.

Por último, o Biberón A igualou 2-2 en fútbol sala contra o Bertamiráns.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado