Tres puntos necesarios no fortín

  • Rodri destaca a importancia de sumar a vitoria no partido aprazado para recuperar sensacións

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2022

O Compos recupera mañá o partido aprazado contra o Salamanca, un duelo no que o equipo branquiazul quere recuperar as boas sensacións diante do seu público. No Vero Boquete, a partir das 20.00 horas, os nosos buscarán un novo triunfo no fortín para seguir na parte alta da clasificación.

Rodri valorou esta tarde na rolda de prensa a previa do encontro, destacando a importancia de que os tres puntos queden na casa.

Declaracións destacadas.

Estado do plantel. Seguimos arrastrando o tema de Pablo Antas, que leva unhas semanas que non termina de mellorar e está un pouco estancado. Despois, a sanción de Guille, que entendemos que nos chegará hoxe ou mañá á mañá. A maiores, hai xente con molestias, como Samu, que pediu o cambio o outro día, igual que Baleato e Rafa Mella. Ademais, tamén están Pablo Durán e Fer. Con todo, temos a confianza de que de que poden chegar, sobre todo porque os mozos queren. O máis importante é que están convencidos de que van chegar e oxalá sexa así. Non descarto a ningún, salvo a Guille e a Pablo Antas, porque acabo de falar con el agora e non se ve.

O Salamanca. Era un equipo seguramente chamado a moitísimo máis, pero que se lle torceron as cousas dende o inicio. Tiveron moitos problemas co gol, partidos moi pechados e agora decidiron cambiar de adestrador, coa incógnita que supoñen as súas ideas novas. Entendo que non tivo tempo para traballar o que lle gustaría, que seguirá utilizando os mecanismos do técnico anterior e que tentará facerse o equipo aos poucos á súa idea. Seguro que veñen con moita confianza, sobre todo despois da vitoria en Luanco, e é un rival máis: moi complicado, moi físico, que aproveita as oportunidades que ten e que pecha moi ben os partidos. Esperamos un encontro longo, oxalá non sexa así, pero igual ata cun marcador moi curto. En todo caso, volvemos ao fortín, queremos volver reencontrarnos co noso xogo, a seguir a liña do que estamos a facer e que os tres puntos queden na casa, porque despois do resultado adverso do domingo, fainos falta.

Análise do derbi. Tivemos vinte minutos bos, o equipo estaba ben plantado, creo que non nos pitan un penalti, porque non é fóra de xogo, aínda que o árbitro díxolle ao xogador que se non era fóra de xogo que o amoestaría. E nas dúas xogadas seguintes, encaixamos o gol, o cal lle fai dano ao equipo. Pasounos como habitualmente, que estamos a ser un equipo moi blandiño. O primeiro gol vén dun saque de banda e o segundo dun despexe. Nesta categoría, con estes erros, os equipos fanche moito dano. Despois, as ocasións deles son en transicións. O mellor que nos puido pasar foi ir ao descanso, reaxustar un par de cousas e na segunda parte viuse o Compos que queremos, porque mesmo fomos quen de meter ao equipo contrario atrás, porque mo confirma o adestrador rival. Seguramente nos faltou tempo, pero cando concedes un 3-0 na primeira parte, é moi difícil. Evidentemente, fixemos cousas mal: eu seino, os xogadores sábeno e o que queira estará e o que non queira, non estará.

Aspectos a mellorar. Eu e os xogadores témolo claro. Temos identificado o maior problema que temos. Facemos moitas cousas moi ben, pero hai outras que non e penalízannos moito porque son en zonas moi delicadas. Como adestrador teño que tomar decisións, darlle voltas á cabeza para solucionar o problema e hai dúas opcións: ou nos facemos máis fortes ou marcamos un gol máis que o contrario.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado