Tres puntos de ouro no derbi tras un partidazo na casa

5 de Febreiro de 2023
Celebración SD Compostela vs Ourense
Celebración Mario vs Ourense 2
Celebración Mario vs Ourense 1
Celebración Mario vs Ourense 3
Celebración Mario vs Ourense 4
  • Un dobrete de Mario, con dúas asistencias de Jordan, permitiu o triunfo dos nosos

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2023

O Compos sumou tres puntos de ouro no derbi contra o Ourense. Os nosos mostráronse superiores durante os 90 minutos e conseguiron unha vitoria merecida. Un dobrete de Mario Rodríguez, con outras tantas asistencias de Jordan, permitiu o obxectivo branquiazul, tras varias semanas sen atopar premio. Outra vitoria que permite ao equipo pechar a xornada na segunda posición da táboa.

A SD Compostela pechaba a xornada no Vero Boquete cun derbi. Chegaba a Santiago o Ourense, un equipo en gran momento. O duelo presentábase vibrante e os nosos querían conseguir nel tres puntos vitais para seguir na pelexa polos postos altos da táboa.

Con baixas de xogadores habituais do once, Fabiano deu entrada a Kike no centro da zaga, pasou a Álvaro Casas para o medio campo, recuperou a Jordan para o pico do rombo e colocou a Parapar, en punta, acompañando a Mario.

Mantendo o debuxo que tantos éxitos lle deu ao conxunto de Fabiano, os branquiazuis saltaron ao verde moi concienciados de que a tarefa non sería nada sinxela. Ben plantados e tapando todos os posibles ocos, sentíanse cómodos os nosos.

En todo caso, avisarían primeiro os ourensáns, no dez, á saída dun córner, rematado no segundo pau por Tiago, pero Pato, moi atento, atrapouna en dous tempos. Sería o detonante para a treboada perfecta branquiazul. Sesenta segundos despois, o balón estaba na rede dos visitantes.

Jordan conectou, cunha asistencia de moitos quilates, con Mario, quen gañou as costas dos defensas, sorteou a Marqueta, enganou a Ebuka e marcou a portaría baleira, un auténtico golazo para delirio dos afeccionados congregados no Vero Boquete.

Xa por diante no luminoso, os branquiazuis gañaron peso no partido, colleron confianza co balón e comezaron a insistir sobre a área rival cada vez que podían. Chegaron momentos de continuos centros á área, desde ambas bandas, pero non se atopou rematador en ningún deles. De feito, na máis clara, un servizo potente de Casas paseouse pola pequena sen que ninguén puidese meter a bota.

Sen fortuna en ataque, os visitantes, antes de chegar ao intermedio volveron estirar liñas e tiveron a súa oportunidade nos pés dun excompostelanista, Gabri Palmás. O de Moaña virouse na frontal e o seu disparo ao segundo pau pegou no traveseiro.

Por tanto, sen máis acerto de cara ao arco rival, chegouse ao tempo de asueto coa vantaxe compostelanista.

Con todo, á volta dos vestiarios, rapidamente atoparía ese merecido premio o Compos. Apenas pasaran tres minutos da segunda e de novo aparecería a conexión entre Jordan e Mario. O de Salvaterra, entre liñas, picábaa ao espazo para o de Barcelona e este, no man a man contra Marqueta, aloxábaa na rede cun disparo axustado e potente.

Co dobrete de Mario, a segunda parte arrincaba da mellor maneira imposible. Os nosos atoparon o que querían e iso fixo que sentisen moi cómodos sobre o campo. Así, Mario tería o hat trick nun balón longo de Pato, pero, algo forzado, non puido superar a Marqueta no man a man.

En todo caso, quen atoparía o gol sería o Ourense, nunha acción desafortunada para o Compos. Tras unha perda en campo propio, Amin marchouse en velocidade na área e tivo a fortuna de que o seu centro raso atrás golpeou en Pablo Crespo, acabando o balón na rede.

Pese ao tanto, que estreitaba o marcador para os minutos finais, o Compos mostrou a súa solidez defensiva, sen pasar apuros atrás e achicando calquera intento visitante, grazas a unha zaga moi forte e a unha media e un ataque incansable presionando por todo o campo.

Con esa gran tarefa de todos, a contenda terminouse coa vantaxe compostelanista, sumando tres puntos de ouro para esta segunda volta. Primeiro triunfo nesta segunda fase da liga para seguir na parte alta da táboa, durmindo como segundos clasificados. Cun gran ambiente e unha gran unión entre equipo e afección, a vitoria quedou na casa e agora tocará seguir traballando para loitar por todo.

FICHA TÉCNICA

2- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Riki Mangana, Kike, Pablo Crespo, Damián; Álvaro Casas, Roque, Fer Beltrán, Jordan (Cano, m.68); Parapar (Elliot, m.89) e Mario Rodríguez (Samu, m.80).

1- OURENSE CF: Marqueta; Iván Guerrero (Nacho Fariña, m.56), Chica, Ebuka, Hugo Sanz (Manu, m.82); Mario Capelete (Carmelo, m.56), Christian Molina, Tiago, Rubén Sánchez; Gabri Palmás e Salas (Amin, m.56).

GOLES: 1-0: Mario Rodríguez, min.11; 2-0: Mario Rodríguez, min.48; 2-1: Pablo Crespo (P.P.), min.66.

ÁRBITRO: Álvarez Ordóñez (Asturias). Amoestou a Roque, Damián e Fer Beltrán, polo Compos; e a Rubén Sánchez e Amin, polo Ourense.

INCIDENCIAS: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Xornada 20 do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 1.289 espectadores.

Youtube

Instagram Compos

Flickr Amadeo Rey

  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2

Instagram Canteira

Twitter Canteira

Facebook

39 minutes ago

SD Compostela
𝐎𝐒 𝐍𝐎𝐒𝐎𝐒 | @antonpermuy 💛🖤⚽️ ONCE do COMPOS🆚 @realoviedo Vetusta⌚️ 16.00🏟 El Requexón 1#VetustaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

7 hours ago

SD Compostela
𝐌𝐀𝐓𝐂𝐇𝐃𝐀𝐘 🩵🤍🆚 Real Oviedo Vetusta⏰ 16.00🏟️ El Requexón 1📺 Youtube Real Oviedo🙌 Só vale gañar!!! Imos a pola vitoria!!!#VetustaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
🎙️ 𝐑𝐝𝐏 | Pablo Antas 🗣️ O mediocentro tamén falou na previa á visita ao Real Oviedo Vetusta⚽️ O capitán, que volve ao equipo tras sanción, remarcou a necesidade de sumar, tras moito tempo, unha vitoria coma visitantes#VetustaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
🎙️ 𝐑𝐝𝐏 | Antón Permuy🗣️ PREVIA antes da visita ao Real Oviedo Vetusta, este sábado, ás 16.00 horas, no Requexón⚽️ O técnico destaca a melloría do equipo e centra o foco en conseguir a vitoria en terras asturianas#VetustaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.