Tres puntos de ouro ante o líder invicto

Celebración do equipo trala vitoria lograda no Espiñedo. Foto: Amadeo Rey.

  • O Compos endosou a primeira derrota do curso ao Arenteiro co gol de Mario Rodríguez de penalti

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2022

Obxectivo cumprido: terceira vitoria consecutiva. O Compos endosou a primeira derrota da tempada ao Arenteiro, o líder da categoría, no Espiñedo. Nun encontro de moita brega e loita durante 101 minutos de xogo, a SD Compostela demostrou o gran momento que vive, superando por 0-1 ao cadro do Carballiño.

Dominando os tempos do encontro, sabendo sufrir cando tocaba, pero buscando o ataque cando podía, os nosos levaron os tres puntos. Foi decisivo o tanto de Mario Rodríguez, de penalti, aos 24 minutos, o seu primeiro gol da liga para o mediapunta catalán.

Cos mesmos protagonistas que na vitoria fai quince días na casa, a SD Compostela chegaba ao Carballiño coa premisa de prolongar o seu bo momento, tras os seus dous últimos triunfos consecutivos. Deixado atrás o parón, os nosos querían volver da mesma maneira na súa visita ao líder, un Arenteiro en refacho.

Nun Espiñedo desgastado pola choiva, especialmente afectado nas bandas, os nosos arrincaron mellor, conscientes da tarefa que tiñan por diante. Froito dese mellor inicio, tiveron a súa primeira oportunidade nas botas de Darío, cun remate que se escaparía por pouco.

Froito da súa presión elevada, o Compos estaba máis preto da área rival e acabárono aproveitando. Un centro de Fer Beltrán para Darío tocábao Pol Bueso coa man e o colexiado non dubidaba, penalti. Mario Rodríguez, como na final de copa, tomou a responsabilidade, aguantou o seu disparo ata o final e enganou por completo a Diego para mandala ao fondo da rede, 0-1.

Tras recibir o tanto, o Arenteiro deu un paso adiante e os nosos pasaron a unha fase máis defensiva na que tocou aguantar. Neses minutos, antes do intermedio, apareceu Pato para, primeiro, despexar abaixo un lanzamento de falta de Jordan e, despois, para sacar arriba un golpeo de lonxe de Joseca. Por tanto, chegouse ao intermedio coa vantaxe compostelanista.

Á volta do intermedio, cos mesmos protagonistas, volveu saír mellor o Compos, máis incisivo no ataque, tentando aproveitar os tratamentos realizados ao verde no tempo intermedio. Con todo, nos seus achegamentos, non terminou de culminar unha clara ocasión.

Como era de esperar, co paso dos minutos, o terreo volveuse máis brando, complicando calquera intento de condución, aínda que os nosos tamén souberon pórse o mono de traballo e buscar o perigo en contragolpes.

Tívoa de novo Mario, tras unha acción marabillosa na que se foi de tres contrarios, pero ante Diego, que saía á desesperada, marrou o seu disparo, enviando a pelota desviada. Minutos máis tarde teríaa Parapar, tras recibir de Darío, pero o seu golpeo coa dereita topouse cun defensor.

A pesar diso, o Compos conseguía sacar todos os centros laterais, que expuñan os locais, con solvencia, chegando ao desconto con vantaxe. Tocou aguantar durante once minutos de alargue, no que o colexiado expulsou a Diego, nunha dura entrada, cando Samu xa se encamiñaba a marcar a portería baleira. Prolongouse a contenda, pero o marcador non se moveu, viaxando os tres puntos para Santiago.

Desta maneira, a pesar da dificultade do reto, a SD Compostela logrou o seu obxectivo no regreso da competición ligueira. Tres triunfos seguidos que se buscarán prolongar, a próxima fin de semana, na casa ante o Real Avilés.

FICHA TÉCNICA

0- CD ARENTEIRO: Diego; Jordan (Adriá, m.97), Vitra, Pol Bueso (Ger, m.58), Joseca; Curro, Álex Fernández; Rafa Mella (Manín, m.58), Romay (Markitos, m.58), Pibe; e Escobar.

1- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Riki Mangana, Álvaro Casas, Pablo Crespo, Damián; Pablo Antas, Roque, Fer Beltrán, Jordan (Samu, m.85); Mario Rodríguez (Parapar, m.69) e Darío (Cano, m.81).

GOLES: 0-1: Mario Rodríguez (p.), min.24.

ÁRBITRO: González Páez (Sevilla). Expulsou a Diego (m.96) con vermella directa. Ademais, amoestou a Rafa Mella, Pol Bueso, Fran Justo (banco), Ger, Jordan e Escobar, polo Arenteiro; e a Pablo Crespo, Fer Beltrán, Riki Mangana, Pablo Antas, Darío, Álvaro Casas, Cano e Pato, polo Compos.

INCIDENCIAS: Estadio Municipal do Espiñedo. Xornada 11 do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado cun gran ambiente. Gran presenza de afeccionados de Santiago no Carballiño.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado