Tras doce xornadas, o Compos foise de baleiro

  • A SD Compostela conseguiu marcar no Mariano González, pero non puntuar

Madrid, 21 de novembro de 2021

A SD Compostela non puido superar esta tarde a un gran Navalcarnero. No Mariano González, os branquiazuis xogaron un gran encontro, tiveron as mellores ocasións, conseguiron ser os primeiros en marcar alí co tanto de Escudero, pero a maior puntería local decantou a balanza para o bando madrileño. Os goles de Mese, no 57, e Mendes, no 67, servíronlles aos locais para manter a imbatibilidade no seu feudo.

Co regreso de Pablo Antas ao equipo e a entrada, como novidade, de Rafa Mella en banda dereita, a SD Compostela presentouse no Mariano González co reto de ser o primeiro equipo en marcar e en lograr os tres puntos.

Con esta premisa, os nosos saíron mellor plantados ao terreo de xogo madrileño, aproveitando as poucas opcións que lle deixaban os locais para tentar aproximarse á meta do Naval. A primeira gran oportunidade chegou no 18, tras unha falta botada por Samu, moi pechada, na que Aitor a despexou como puido e Rafa Mella, aproveitando o rexeite, rematou en área pequena, pero o seu disparo foi sacado baixo paus por un defensor.

Seis máis tarde, era Primo o que a tiña. Tras unha gran entrada por liña de fondo, case sen ángulo, tentou sorprender ao porteiro cun golpeo raso polo primeiro pau, pero a pelota estrelouse contra o ferro.

E no 29, o que a tería sería a terceira pata do tridente atacante proposto por Rodri. Escudero, á saída dun córner, cabeceou primeiro contra un defensor e rematou de volea o balón solto, pero, de novo co porteiro batido, Uña sacouna baixo paus.

Sen fortuna para o gol, chegouse ao intermedio coa igualada inicial, 0-0. Con todo, á volta dos vestiarios, desataríanse as hostilidades.

Os locais, tralo descanso, saíron mellor, apertando máis e xerando máis opcións de ataque. Froito dese impulso inicial, no 58, nunha xogada dende a esquina, adiantáronse no marcador. O córner chegou precedido dunha acción salvadora de Saro, despexando un centro medido para que Fran Méndez tivese que empuxala. A pesar diso, na estratexia, Dani Hernández colgouna ao segundo pau e Mese, entrando con todo, remachouna de cabeza.

Reaccionou rápido o Compos, avisando primeiro noutro córner, executado por Samu e rematado libre de marca por Rafa Mella fóra; e igualando na segunda que tivo, en 65. Nunha gran contra, Escudero foise de Mese en velocidade e este só puido paralo cun claro agarrón, penalti. Dende o once metros, o atacante valisoletano asumiu a responsabilidade, pegouna duro, abaixo e pegado o poste, facendo imposible a estirada de Aitor.

Con todo, un minuto máis tarde, no primeiro balón que tocaba, Mendes devolvía a vantaxe aos locais nunha acción que sorprendeu á zaga branquiazul. Navarro meteuna á área para Beneit, este prolongouna para o desmarque do recentemente entrado e o dianteiro, adiantándose á defensa e a Pato, mandouna ao fondo da rede.

Tocaba remar de novo e os nosos non baixaron os brazos. Entraron xogadores de refresco, conseguiron meter ao Navalcarnero na súa área, pero non tiveron fortuna para atopar o camiño do gol. A máis clara, no 89, foi para Roque, cuxo tremendo disparo dende a frontal, tralo rexeite dunha falta, saíu rozando a escuadra.

O 2-1, por tanto, xa non se moveu e o Compos, despois de doce xornadas, foise de baleiro nesta liga. No Mariano González os nosos conseguiron ser os primeiros en marcar, pero non lograron puntuar. Tocará levantarse para medirse no fortín, o vindeiro sábado, a outro gran equipo, o Real Avilés Industrial.

FICHA TÉCNICA:

2- CDA NAVALCARNERO: Aitor; Mese (Aitor Núñez, m.86), Uña, Miki, Dani Hernández; David Rodríguez, Busi, Beneit; Navarro (Expósito, m.86), Fran Pérez (Álex Gil, m.78) e Ontiveros (Mendes, m.66).

1- SD COMPOSTELA: Pato; Saro (Roque, m.79), Álvaro Casas, Matías, Jimmy (R. Baleato, m.84); Pablo Antas, Samu (Fer Beltrán, m.61), Josiño (Parapar, m.79); Rafa Mella (Pablo Durán, m.61), Escudero e Primo.

GOLES: 1-0: Mese, min.57; 1-1: Escudero (p.), min.65; 2-1: Mendes, min.67.

Árbitro: Gargantilla Fernández (Estremadura). Amoestou a Uña e Mese, polo Navalcarnero; e a Pato, polo Compos.

Incidencias: Estadio Mariano González (Madrid). Xornada 12 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado