Tralas boas sensacións, agora toca sumar a vitoria

  • Os nosos, co apoio do público, esperan volver á senda triunfal contra o Navalcarnero

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2022

A SD Compostela regresa este domingo, 17.00 horas, ao fortín e quere facelo para sumar, por fin, os tres puntos. Nun partidazo contra o Navalcarnero, terceiro clasificado, e co apoio da bancada, que novamente volverá a colorear o Vero Boquete, os nosos esperan volver á boa senda, unha vez recuperaron as boas sensacións futbolísticas.

Esta tarde, na rolda de prensa, Rodri destacou a importancia de dar ese último paso, que non é outro que sumar a vitoria.

Rolda de prensa de Rodri.

Estado do plantel. Hai as típicas molestias, sobre todo Pablo Antas, que é o que máis preocupa, entre comiñas, porque é moi importante para nós e leva tres meses que non é quen de estar todo o cómodo que nos gustaría. Pon todo da súa parte, o corpo médico tamén fai todo o que boamente se pode, dentro das posibilidades do club, e oxalá podamos contar con el. Logo temos as baixas de Fer, que segue recuperándose da rotura de fibras; Samu, que ten un edema óseo no nocello; e Matías, que ten unha inflamación nun xeonllo e leva toda a semana sen adestrar.

Baixas no medio e a presenza de Mario. É unha situación parecida á semana pasada, son dous futbolistas para a posición de dentro, tres contando a Pablo, e hai que buscar solucións. A semana pasada cremos conveniente que fosen Roberto, Mario e Jordan por diante. Esta semana, en función do que nos pedirá o rival e o que buscaremos facer, non sei se haberá dous ou tres centrocampistas para tentar levar adiante o plan.

Estilo do Navalcarnero. Todo cambia. Seguramente é o equipo que practica o fútbol máis combinativo de toda a categoría. É un equipo que quere sacar a pelota desde atrás sempre xogada e ten moita pausa con ela, para xerar desequilibrios e ata que non o ven moi claro, non avanzan. Manexa moi ben a pelota, cren nunha idea moi marcada e fano ben.

Unha aprendizaxe continua. O equipo recuperou certas sensacións. O outro día competimos a un nivel moi alto, contra un rival que esixía moitísimo, pero faltáronnos detalles pequenos. Era un rival que era forte nas áreas e non fomos quen de defender a nosa no noventa e pico. Quédaseche unha sensación agridoce, porque o equipo competiu moi ben, metémolos en moitas dificultades e fomos quen de adiantarnos dúas veces, pero dáche rabia porque cando temos que defender en bloque baixo, ben porque queres ou porque che esixen, sufrimos moito. Escapáronsenos dous puntos, isto é unha aprendizaxe continua e temos que quedarnos co que o equipo fixo ben e poñer o foco no que se fallou para que non volva ocorrer.

Individualidades do rival. Recoñezo que só coñecía a David Uña cando empezou a tempada, pero seguíndoos ten futbolistas moi interesantes. Mediocentro defensivo, David, que manexa ben a pelota; Beneit, un mediapunta interesante; os laterais, sobre todo o esquerdo, tamén. Ten unha idea moi clara e van a cegas con ela, porque é o que nos demostrou, que, a pesar de cometer erros, como en iniciación, ségueno tentando e non se engurran. Temos que ser nós mesmos, competir ao nivel das últimas semanas, oxalá teñamos un pouquiño máis de fortuna de cara ao gol, para poñernos por diante ou ampliar a renda; e que cando non teñamos a pelota, sexamos quen de ser un equipo moito máis sólido.

Mellorar a defensa. Seguir adestrando. A semana pasada estivemos practicamente dous días adestrando os centros laterais, porque sabiamos que nos ían xerar moitas accións dese tipo e aguantamos noventa e dous minutos. Polas características do bloque cústanos defender os 1×1 e o que nos queda é seguir traballando. Teñas 17 ou 36, sempre podes mellorar e aprender cousas. O equipo é receptivo ao que se lle vai comentando e é un proceso de formación que leva tempo, canto menor sexa, mellor para o grupo. O dito, seguir insistindo, tentar que non volva ocorrer o que non facemos ben e potenciar o que si facemos, que son moitas cousas, pero por desgraza non lle sacamos todo o rédito que deberiamos.

Rexistros a manexar no partido. Preparamos un plan de partido, con certas mobilidades para tentar xerar superioridades, de atrás cara a adiante. Ese é un plan e o outro é transitar. Contra un rival que en determinado momento pode ser quen de meterte atrás, as transicións cobran importancia. Estamos a tentar manexar máis dun rexistro, en función dos xogadores somos quen de executalo mellor ou peor, pero estamos abertos. O máis importante é a toma de decisións, identificar o momento e onde están os espazos para poder atacar.

Unidade por un mesmo fin. Vin un equipo unido, que estaba amolado despois de empatar na casa do líder, o que fala das ganas do grupo. Temos que seguir traballando con humildade e poñer todo da nosa parte para tentar conseguir o obxectivo, que é meterse entre os cinco primeiros.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado