Toño Otero: “Debutar co Compos en Segunda B é algo que non se me esquecerá e que repetiría mil veces”

Santiago de Compostela, a 27 de Abril de 2021.

Na súa primeira tempada no club, Toño Otero conseguiu debutar co primeiro equipo da SD Compostela e liderou o ataque do Xuvenil A no que vai de tempada. No seu último curso na base, o dianteiro branquiazul gozou de grandes experiencias, polo que, asegura, sempre lembrará o vivido este ano.

Como estás a vivir esta tempada, a túa primeira no club? Está a cumprir as túas expectativas de principio de ano?

Empeceina con moitas gañas e ilusión, como todos os meus compañeiros, co obxectivo claro de ascender e agora que estamos a nada de conseguilo, podemos gozar de cada adestramento e partido, xa que para moitos, como eu, é o noso último ano na base e é un ano do que no futuro nos gustaría ter un recordo moi bonito.

Como valoras os adestramentos acumulados ás ordes de Yago Iglesias? Aprecias que che axudou a mellorar como futbolista?

Son adestramentos nos que estás obrigado a competir, porque non podes chegar alí e baixar o ritmo ao que van, senón nin me axuda a min nin os axudas a eles. Con iso, penso que si que me axudaron bastante ao longo do ano, xa que aprendín a competir moito mellor e iso nos partidos do xuvenil nótase moito.

Que tentas aprender dos xogadores cos que compartes posición, como Primo ou Brais?

Son xogadores que xa coñecía de velos xogar anteriormente e gustábanme bastante, xa que a posición é similar á miña. A verdade é que nos adestramentos co primeiro equipo téntome fixar moito nos seus movementos.

Froito desa presenza no primeiro equipo, chegaches a debutar en Segunda B. Que supuxo iso para ti? Como lembras ese momento?

Debutar en Segunda B este ano co Compos é algo que non me agardaba e foi todo grazas ao traballo dos meus compañeiros e adestradores no xuvenil, á tempada que estamos a facer e a Yago Iglesias por confiar en min para iso. Agora mesmo teño un recordo moi bonito dese día, é algo que non se me esquecerá e que repetiría miles de veces.

Volvendo ao Xuvenil, como valoras o que vai de tempada, tanto a nivel colectivo como a nivel individual?

A tempada non pode ir mellor. Como dixen antes, agora estamos a empezar a gozar do traballo que levamos facendo todos estes meses, que non foi pouco. A nivel individual estou moi contento, xa que me levou tanto a debutar en 2B como a coñecer a xente marabillosa da que terei sempre un gran recordo.

Que suporía para ti lograr ese ascenso?

Logralo sería o froito do traballo que levamos facendo estes meses, e non pensamos noutra cousa que non sexa o ascenso. Se o logramos sería algo moi especial e a guinda a esta gran tempada, tanto a nivel colectivo como individual.

Que obxectivos te marcas para a tempada que vén?

O ano que vén só desexo poder seguir gozando do fútbol tanto coma este ano, xa que paso a ser sénior e é un pouco máis complicado todo, porque es o máis pequeno do equipo, non tes tanta experiencia e non todos os anos saen como este, pero vou seguir traballando para iso e oxalá aquí no Compos.

Toño, no seu debut co Compos contra o Racing Club de Ferrol. Foto: Amadeo Rey.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado