Todos unidos podemos levantar esta dinámica: no derbi, unha invitación para cada abonado

  • As entradas pódense retirar no Punto de Información de As Cancelas ata o sábado e na Tenda Oficial ata o domingo ao mediodía

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022

Unidos máis que nunca, remando todos na mesma dirección, o equipo pode reverter esta fochanca de resultados no que está inmerso. O apoio da afección faise máis necesario que nunca e, por iso, queremos que este domingo o fortín recupere esa maxia, esa comuñón entre público e xogadores, para alcanzar esa vitoria que tanto se está resistindo. Con esta premisa, cada abonado poderá retirar unha invitación gratis.

As circunstancias póñeno de manifesto e o partido tamén, o Compos necesita dos seus, o domingo ás 17.00 horas, para sacar adiante o derbi contra o Coruxo, quinto contra sexto, en plena pelexa por entrar polos postos de playoff de ascenso nesta recta final da liga.

As invitacións para o encontro poderán ser retiradas, presentando o abono, no Punto de Información do Centro Comercial As Cancelas (planta baixa) ata as 21.00 horas do próximo sábado 26 de marzo. En virtude do acordo asinado entre ambas entidades para a presente tempada, o horario de recollida dispoñible será de 10.30 ata as 21.00 horas.

Ademais, tamén estarán dispoñibles na Tenda Oficial da Rúa da Raíña, en horario de 11.30 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 horas, así como o domingo de 11.00 a 15.00 horas.

Cada abonado poderá retirar unha invitación e esta será para a súa mesma zona (Tribuna ou Preferencia) e para a súa mesma franxa de idade. Deste xeito, un abonado adulto poderá retirar invitación de adulto e un menor de idade, invitación infantil.

Nos malos momentos, a unión fai a forza. Por iso, solicitamos o voso apoio para a final que temos este domingo no Vero Boquete. Todos xuntos conseguiremos o triunfo no derbi.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado