Son De Compostela, a nova campaña de abonados da SD Compostela

Ramón Castro (esq.) e Miguel Fernández na presentación na Teenda Oficial.

  • O club premiará as renovacións, mantendo os prezos para os abonados da tempada pasada
  • Pódense realizar os abonos na Tenda Oficial, na Oficina, na web e en BJ Trainers

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2021

Xa se poden realizar os abonos da SD Compostela para a Tempada 2021/22. Baixo o lema “Son De Compostela”, o club lanza a súa tradicional campaña co obxectivo de reforzar o seu compromiso coa cidade de Santiago. Este ano primaranse as renovacións (debido a súa confianza nun momento de total incerteza pola covid-19), mantendo os prezos para os abonados do pasado curso, e haberá un regalo para aqueles que leven o seu carnet e merquen a camiseta.

Co obxectivo de volver a desfrutar do Estadio Verónica Boquete de San Lázaro coas súas mellores galas, habilítanse, dende xa mesmo, catro opcións para realizar o abono da SD Compostela: a Tenda Oficial (Rúa da Raíña, 8), a Oficina do Club (Estadio Porta 15), a web (www.sdcompostela.com) e, como novidade e pola gran cantidade de afeccionados que hai na zona, BJ Trainers (Rúa Alcalde Lorenzo, 13, Bertamiráns).

O rango de prezos variará en función de se é unha renovación ou unha alta nova. Ademais, mantéñense os descontos para xubilados, parados, menores de 30 anos e menores de idade. Quedan coa seguinte distribución:

TRIBUNA

ADULTO: 90€ (Renovación) / 130€ (Alta)

XUBILADO OU PARADO: 75€ (Renovación) / 100€ (Alta)

MENOR DE 30 ANOS: 70€ (Renovación) / 90€ (Alta)

MENOR DE IDADE: 10€ (Renovación) / 10€ (Alta)

EMPRESA (Cada 6 abonos): 450€ (Renovación) / 660€ (Alta)

PREZOS ESPECIAIS PREFERENCIA

MENOR DE 30 ANOS: 60€ (Renovación) / 80€ (Alta)

MENOR DE IDADE: Gratis (Renovación) / Gratis (Alta)

EMPRESA (Cada 6 abonos): 420€ (Renovación) / 600€ (Alta)

A maiores, mantense a opción do “Abono Siareiro” para todas aquelas persoas que non residan en Santiago (envío gratuíto só á Península Ibérica). Este terá un prezo de 30€ e levará consigo o envío dunha taza, dunha máscara do club, así como a opción de asistir a un partido da tempada que non sexa medio día do club. Neste caso, recoméndase poñerse en contacto coa entidade a través do mail tienda@sdcompostela.com.

Os citados prezos corresponden co Abono Virtual, que se portará no teléfono móbil. No caso de preferir o formato físico, o carnet terá un suplemento de 5€. Do mesmo xeito, a SD Compostela resérvase o dereito a celebrar dous medios días do club.

Como regalo de lanzamento da campaña e tralo enorme éxito de ventas das novas equipacións Adidas, todos os abonados que merquen a nova camiseta de xogo terán, ademais do 10% de desconto no merchandising, o regalo da taza oficial do club. As camisetas estarán á venta tanto na Tenda como na Oficina, neste último lugar até o inicio da tempada.

Presentación Oficial. O acto de presentación da campaña de abonados tivo lugar esta mañá na Tenda Oficial da SD Compostela, coa presenza de Miguel Fernández, novo director de marketing e desenvolvemento de negocio, e Ramón Castro, responsable das relacións institucionais.

“A campaña desta tempada ten por obxectivo reforzar o compromiso do club con Compostela dándolle un novo significado á ESEDÉ, ser da SD Compostela é Ser De Compostela, de aí o noso slogan: Son De Compostela. Será unha campaña moi picheleira, á que agardamos se sumen non só moitos novos abonados, senón tamén empresas e xente representativa da nosa cidade. Como sempre di a directiva, o club depende do apoio dos composteláns: chegaremos tan lonxe como nolo permitan os apoios que teñamos. A nosa responsabilidade é traballar para que os que confíen en nós estean orgullosos do seu equipo”, destacou Miguel.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado