Series, películas ou estudar, principais distraccións dos compostelanistas no parón

Queiruga, no ximnasio da súa casa.
  • Para manter a forma, realizan os exercicios que lles mandou Álex Otero e tentan coidar a alimentación
  • Unhas oposicións que se suspenderon, papás con máis horas para os seus fillos ou unha xornada laboral diferente, entre as consecuencias do Covid-19.   

Santiago de Compostela, a 16 de Marzo de 2020.

A orde é clara, hai que quedarse na casa. Por iso, os xogadores da SD Compostela, ademais de realizar exercicio físico diario para manter a forma, tentan pasar o tempo libre realizando os seus hobbys principais ou, nalgúns casos, estudando e traballando. Series, películas e a Play son as principais distraccións para os compostelanistas, pero non son as únicas.

Entre todo o plantel, hainos que aproveitarán estas datas para estudar e realizar tarefas pendentes nos seus respectivos estudos. É o caso de Anxo, por exemplo, que comezará co seu Traballo de Fin de Grao de Administración e Dirección de Empresas, mesma carreira que estuda Miki, quen estudará nestas xornadas, ademais de realizar uns cursos online que se comprou para estes días. Nesta mesma situación atópanse Álvaro Casas, Jimmy, Samu, que adicará as súas mañás a esta tarefa, Baleato, Josiño, Brais Abelenda, así como Queiruga, quen aproveitará para preparar os exames finais do ciclo; e Saro, que segue preparando as oposicións, despois de que o seu exame, previsto para o 28 de marzo, se suspendese polo Covid-19.

Nun segundo grupo atópanse aqueles que, a pesar de que parou a actividade deportiva, teñen que traballar. Por exemplo, Gabri Palmás dobra estes días a súa xornada laboral na carpintería de aluminio do seu pai, na que traballa de 8.00 a 13.00 e de 15.00 a 20.00; mentres que Baleato tense que adaptar a un modelo de adestramentos online nos que prepara as tarefas para os clientes do ximnasio. A maiores, aínda que sen ter que cumprir unha xornada laboral, Pablo Antas aproveita este tempo para preparar exercicios para os mozos aos que adestra.

E en terceiro lugar están os papás do grupo, Pato e Hugo Sanmartín, quen estes días teñen aos seus peques en casa. Lucas e Hera ocupan a maior parte do seu tempo para ambos, polo que buscan todo tipo de xogos e actividades que lles amenicen tantas horas dentro de casa.

Lecer.

Xa sexa con maior ou menor dispoñibilidade, as actividades de lecer coparán os días dos nosos xogadores nestas próximas xornadas. Os dezaoito que conforman o plantel poñen, en primeiro lugar, as series e as películas como unha das súas principais distraccións, aínda que tamén hai algúns que son lectores ou que se decantan polos videoxogos e os xogos de mesa.

Estes últimos son un pasatempo que utilizarán xunto aos seus seres queridos, por exemplo, Soto, quen cita as cartas ou o xadrez como os preferidos; Pablo Antas, Josiño, amante tamén do xadrez; Miki, quen realizará dous quebracabezas pendentes coa súa irmá pequena; Primo ou Álvaro Casas, quen vive con tres amigos nunha casa, polo que a súa estancia, comenta, faise máis amena.

Pola súa banda, aproveitarán para ler Pato, nos instantes que lle permite Lucas; Pablo Antas, quen ten dous libros iniciados; Miki, que aproveitará para terminar varias lecturas pendentes; ou Bicho.

No apartado dos videoxogos, Anxo Pérez, Sergio Pereira, Álvaro Casas, Soto e Bicho son os declarados como os “viciados” do plantel, xa que aproveitarán estas xornadas para darlle uso á Play Station.

Entre outras alternativas, o capitán Álvaro Casas, Soto ou Miki tamén pasarán moitas horas e pasearán aos seus cans; Primo verá partidos de fútbol repetidos e Sergio Pereira fará de chef para toda a familia.

Actividade física.

Ademais de nas series, tódolos xogadores tamén coinciden na súa actividade física, xa que o preparador físico Álex Otero púxolles uns deberes que todos cumpren á machada. Con todo, cada un ten que adaptarse ás posibilidades que lles ofrecen os seus fogares para levalos a cabo, xa que mentres uns gozan dun pequeno ximnasio ou xardín, outros teñen que mover mobles nos seus pisos para adaptar un espazo que resulte confortable. Iso si, sexa pola mañá ou pola tarde, todos aseguran dedicarlle un par de horas a esta tarefa.

Entre os que dispoñen dun pequeno ximnasio en casa están Álvaro Casas, Queiruga ou Soto, polo que aproveitan as mancuernas, TRX (Samu tamén dispón delas) ou o Bosu que teñen para facer exercicios. Mención especial merece Baleato, quen montou un ximnasio improvisado na casa para realizar as tarefas en vídeo que posteriormente envía aos clientes.

Aínda que non poden correr, as bicis estáticas de Anxo, Samu e Miki non paran de realizar quilómetros nestas datas, o mesmo que lle sucede a Saro coa cinta que ten. Pola súa banda, ao estar lesionado, Jimmy adícase a traballar o tren superior e a realizar exercicio con videoxogos da Wii, para así suar un pouco.

Por último, todos tentan coidar ao máximo a súa alimentación para chegar o mellor preparados posibles ao seu regreso aos terreos de xogo.

Corpo técnico.

No que respecta ao corpo técnico, aproveitan esas horas na casa das que non dispoñen habitualmente para gozar dos pequenos da familia. Yago, con Martina, realiza desde manualidades ata maratóns de series e películas; Rodri, coas súas dúas fillas, xoga, pinta e agora comezaron cos deberes do colexio e o inglés; mentres que Álex Otero fai de tío co seu sobriño, co que pasa tamén moito tempo. O “prepa” coida a maiores dos seus avós, a quen lles facilita todo o que precisen.

Do mesmo xeito, dispoñen de horas para ler, ver películas ou seguir formándose, como é o caso de Yago. “Preparo cousas para as clases de adestrador e sigo formándome, xa que para que o equipo mellore, o primeiro que teño que facelo son eu”, comenta.

En relación co Compos, o míster analiza tanto aos rivais como o xogo do equipo; o segundo a bordo viuse algún encontro deste ano, aínda que aproveitará tamén para despexar a mente; e o preparador físico encárgase de planificar o traballo diario dos futbolistas e fala diariamente con eles para saber como se atopan, en especial, Jimmy e Hugo, os dous lesionados. Aínda que asegura que agora non pode pedirlles moito aos xogadores, xa que non hai data de volta, cando a teñan, aumentaralles a carga de traballo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado