Sergio Pereira e Hugo non continuarán a próxima tempada

  • O club agradécelles o seu gran compromiso coa SD Compostela e deséxalles a maior das sortes para o futuro

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2021

Sergio Pereira e Hugo Sanmartín non seguirán na SD Compostela tras non ofrecerlles o club a renovación. Ambos xogadores causarán baixa para a próxima tempada, despois de catro e dúas campañas en Santiago, respectivamente, nas que devolveron ao Compos á Segunda División B. Nesta despedida, a entidade só ten palabras de agradecemento para ambos, por todo o seu esforzo e dedicación coa camiseta branquiazul, e deséxalles a maior das sortes para o seu futuro.

Sergio Pereira despídese da SD Compostela despois de catro tempadas, nas que o lateral de Santa Comba, ademais de demostrar as súas calidades sobre o verde, demostrou ser tamén un líder no vestiario, un futbolista que achegou o seu gran de area no que fixese falta, tanto no plano deportivo coma no persoal.

En Santiago, Sergio disputou cincuenta e partidos, lastrado nalgúns cursos por inoportunas lesións que lle impediron estar máis presente en certos tramos da competición. Así mesmo, tamén foi un referente dentro da base, adestrando na tempada vixente aos Benxamíns da SD Compostela e dando nome, precisamente, a un dos equipos.

Pola súa banda, Hugo Sanmartín márchase despois de dúas campañas nas filas compostelanistas nas cales, a pesar de varias lesións, conseguiu demostrar o seu enorme potencial. En total, xogou vinte e sete partidos oficiais entre ambas campañas.

A maiores, na súa etapa no club, Hugo comezou unha nova aventura na súa vida co lanzamento de El Viaje de Hera, un proxecto no que dá visibilidade á vida diaria dunha nena con autismo, o cal apoiaremos para seguir rompendo barreiras e avanzar cara a unha inclusión total.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado