Sergio Pereira, cuarta tempada co Compos

  • O lateral renova o seu contrato por un ano, polo que regresará á Segunda B

Santiago de Compostela, a 11 de Agosto de 2020.

Sergio Pereira cumprirá a súa cuarta campaña na SD Compostela. O lateral de Santa Comba renovou o seu contrato por un ano, polo que regresará á Segunda División B da man dun club no que encaixou á perfección.

Deste xeito, Sergio volve á categoría na que disputou a tempada anterior á súa fichaxe polo Compos. Enrolado nas filas da UD Somozas, nun equipo no que estaban Baleato e Pablo Antas, disputou once encontros ligueiros, nove de titular.

Mentres tanto, na súa etapa en terras compostelás, participou en corenta e oito partidos, demostrando neles a súa capacidade para adaptarse a varias posicións da defensa, así como as súas calidades defensivas. Deste xeito, no último curso, ata o parón da competición polo coronavirus, xogou oito encontros, seis deles partindo de inicio.

Por outra banda, Sergio foi un dos líderes do vestiario compostelanista nestes anos, un xogador capital no bo ambiente que hai no plantel branquiazul, un futbolista de club que sempre está disposto a todo, tanto no plano deportivo coma no persoal.

Coa súa continuidade, a SD Compostela 20/21, na súa tempada de regreso á Segunda División B dispón xa de trece xogadores: Pato Guillén, Borja Rey, Sergio Pereira, Álvaro Casas, Soto, Samu, Baleato, Pablo Antas, Josiño, Bicho, Juampa, Gabri Palmás e Brais Abelenda.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado