Sergio Pereira asegura a continuidade dos laterais dereitos

Sergio-Pereira-Twitter

  • O defensa de 22 anos cumprirá a súa terceira tempada ás ordes de Yago Iglesias

Santiago de Compostela, ao 19 de xuño de 2019.

A SD Compostela da tempada 2019/20 xa ten asegurada a continuidade da mesma dupla no lateral dereito. Trala renovación de Saro a semana pasada, hoxe asinou a ampliación do seu contrato Sergio Pereira Blanco, quen cumprirá a súa terceira campaña ás ordes de Yago Iglesias en Santiago.

O xogador de Santa Comba, aos seus 22 anos, firma por un ano coa pretensión de seguir coa súa progresión na defensa do Compos, despois dun último curso no que case duplicou a súa achega ao equipo. Así, no recentemente finalizado superou os 2.000 minutos de xogo, con vinte e oito encontros disputados, vinte e catro deles de titular, nos que ademais se estreou como goleador, no partido da segunda xornada de liga ante o Céltiga FC.

Con esta firma, o futbolista cumprirá ademais a súa cuarta tempada na Terceira División, á que suma outra na Segunda B. Esta experiencia, combinada coas súas calidades defensivas e a súa capacidade para xogar por ambas bandas, axudarán a que os nosos volvan loitar polas posicións de privilexio da clasificación.

Deste xeito, trala noticia da continuidade do corpo técnico, Sergio convértese no oitavo integrante do próximo plantel, mantendo a súa aposta polo proxecto branquiazul xunto a Álvaro Naveira, Alberto Freire, Álvaro Casas, Jorge Queiruga, Mon, Saro e Samu.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado