Seis triunfos, pero unha lesión inoportuna

  • Jaime Álvarez, do Xuvenil B, fracturouse unha vértebra no seu encontro contra o Noia

Santiago de Compostela, a 17 de Febreiro de 2020.

A xornada para as categorías inferiores da SD Compostela, na que se asinaron seis triunfos e tres empates, quedou marcada, desgraciadamente, por unha inoportuna lesión dun dos nosos canteiráns. Jaime Álvarez, do Xuvenil B, fracturouse unha vértebra no duelo contra o Noia, polo que lle mandamos todo o ánimo do mundo e unha próspera e rápida recuperación. No plano deportivo, as mellores noticias chegaron co dobrete en cadetes.

En primeiro lugar, o SD Compostela-Zona Vella non puido regresar á senda triunfal como local, pero sumou un punto ante o sempre complicado SD Montaos. Os branquiazuis, que se adiantaron no primeiro acto co tanto de Yago Brea, perderon a súa mínima vantaxe nos últimos compases do choque, polo que quedan sextos na táboa.

Igualmente, aínda que con distintos camiños, o Xuvenil A rabuñou un valioso punto en casa ante o San Tirso. Os visitantes sorprenderon aos nosos no arrinque, cobrando unha vantaxe de dous goles. Con todo, os nosos, demostrando carácter, lograron a igualada nos minutos finais cos tantos de Juan Amigo e Christian Fernández. Froito dos resultados da xornada, manteñen cinco puntos de renda sobre o segundo, agora, o Atlético Coruña. Pola súa banda, o Xuvenil B perdeu por 3-1 contra o Noia, nun encontro marcado pola lesión de Jaime. O tanto compostelanista foi obra de Moisés Bernárdez.

En cadetes, como nota positiva do fútbol-11, asinouse un dobrete que os mantén terceiros a ambos, pero con opcións plenas de ascenso. O Cadete A goleou por 4-0 ao San Tirso B nun partido que dominou de principio a fin. O dobrete de Sergio Martínez e as dianas de Pablo Granja e Hugo Pérez sentenciaron o choque para un conxunto que marcha agora a un só punto do posto de ascenso directo. Mentres, o Cadete B gañou pola mínima, 1-0, ao Villestro B e segue a tres unidades do líder, aínda que cun partido menos. Joel Rolf Seoane foi o goleador branquiazul.

Non houbo tanta fortuna, neste caso, co Infantil A, que caeu por 2-5 contra o Villestro, líder da liga, a pesar dos goles de Álvaro Espasandín e Anxo Fuentes, nin tampouco co Infantil B, que empatou 1-1 contra o Atlético Fátima. Diego Iglesias, aos 8 minutos, foi o encargado de abrir o marcador, pero os santiagueses empataron moi rápido.

En fútbol-8, o Alevín A perdeu por 0-5, precisamente, contra o Atlético Fátima B, mentres que o Alevín C xogou un gran encontro e sorprendeu ao Bertamiráns D, ao que superou por 2-3. Despois, o Benxamín A sumou tres novos puntos para seguir ao ronsel do Burgo das Nacións, ao que ten a seis puntos e ao que se enfrontará a próxima xornada. Pola contra, o Benxamín B perdeu tamén contra o Atlético Fátima. E tampouco sumaron nada o Prebenxamín A, que perdeu contra o líder, o Dubra, aínda que segue terceiro nesta segunda fase do campionato, nin o Prebenxamín B, que caeu nun duelo axustado na súa visita ao ED de Vedra.

Por último, en fútbol sala, logrouse o segundo dobrete da fin de semana. O Biberón A, terceiro na liga, superou por 0-4 ao Nicrariense, mentres que o Biberón B sumou tres puntos máis ao vencer por 0-2 ao La Salle B.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado