Segunda caída consecutiva co mesmo guión

Álex Ares celebrando o gol de empate nun partido patrocinado por Laucreaciones. Foto: Amadeo Rey.

Álex Ares celebrando o gol de empate nun partido patrocinado por Laucreaciones. Foto: Amadeo Rey.

  • O Arosa SC levou o triunfo dúas poutadas, unha en cada parte do partido

Santiago de Compostela, a 7 de Outubro de 2018.

A SD Compostela segue co gafe neste mes de outubro. O Tourmalet comezou da peor maneira posible despois de perder, por segunda semana consecutiva, en San Lázaro. Os branquiazuis volveron ser superiores ao seu rival no seu fortín, pero o maior acerto rival provocou a vitoria do Arosa SC.

Luís García, á media hora, marcou o primeiro do encontro. Na segunda, o Compos empatou por mediación de Álex Ares e puido marcar o segundo en varias oportunidades, pero o tanto acabaría levando firma visitante co penalti transformado por Sylla.

Coa firme intención de recuperar a senda do triunfo en San Lázaro, a SD Compostela saltou a por todas no partidazo da xornada e no primeiro minuto, na primeira acción de ataque, conseguiu un penalti despois de que Pablo derrubase por detrás a Miki, cando o extremo xa encaraba ao porteiro. Con todo, do mesmo xeito que o domingo pasado, o lanzamento foise arriba. Esta vez foi Aythami o que gozou de mala fortuna nos once metros.

A gran ocasión fallada non evitou que o equipo seguise arriba, coa posesión do balón e merodeando continuamente a área de Manu Táboas. Mentres, o Arousa repregábase atrás e tentaba saír á contra, opción que lle serviu para avisar primeiro e marcar despois.

No 25, Piscu despexou baixo paus o tiro de Sylla, despois de que o dianteiro regatease a Lorenzo, pero cinco máis tarde xa ninguén puido facer nada ante o disparo de Luís García. O punta levou o rexeite ante Piscu e quedou só dentro da área, enganando ao meta no man a man.

O tanto fixo madeixa nos de Yago Iglesias, pero froito do dominio territorial seguiu chegando con perigo, en especial, na figura dun Aythami omnipresente. O canario gozou da mellor ocasión nun balón colgado por Santi, no que só de marca tentou marcar de cabeza, pero o seu remate saíu escorado da portería.

Á volta dos vestiarios, os branquiazuis saíron con ánimos renovados, avisando das súas intencións nunha contra na que se lle escapou o control a Santi dentro da área e nun disparo de Aythami desde a frontal que sacou Manu con apuros.

Froito desta insistencia, no 58, acabou chegando o gol. Aythami gañou o esférico na banda, penetrou á área e puxo un servizo medido ao segundo pau para que Álex Ares, tras controlar, batese ao porteiro coa súa perna esquerda.

Coa igualada, o equipo veu aínda máis arriba e rozou o segundo nun croque de Santi que sacou Táboas da escadra e nunha internada de Miki na que se lle escapou o disparo.

Con todo, por mor dos cambios, o partido foi perdendo ritmo e sería o Arousa o que se aproveitaría desta circunstancia, mercé a un penalti a favor, no 82, transformado por Sylla ao enganar a Lorenzo desde o once metros.

O segundo tanto visitante matou o partido e, a pesar de buscalo por múltiples vías, o resultado xa non se moveu, caendo os branquiazuis en San Lázaro por segunda semana consecutiva. O Arousa, con dúas poutadas, levou o duelo e os tres puntos para distanciarse na táboa. O Tourmalet, de momento, está a ser máis duro do agardado para a SD Compostela.

FICHA TÉCNICA:

1- SD Compostela: Lorenzo; Sergio Pereira (Saro, m.86), Álvaro Casas, Piscu, Naveira; Josiño (Ube, m.70), Mon; Álex Ares (Samu, m.89), Santi, Miki; e Aythami.

2- Arousa SC: Manu Táboas; Javi Otero, Pablo, Cristóbal, Torrado; Trapero (Pacheco, m.67), Manu Rodríguez; Sylla, Julio Rey (Mou, m.64), Chiqui (Iago Martínez, m.89); e Luís García.

Goles: 0-1: Luís García, min.30; 1-1: Álex Ares, min.58; 1-2: Sylla (p.), min.82.

Árbitro: López Vila, colexio coruñés. Amoestou a Álvaro Casas, polos locais; e a Pablo, polos visitantes.

Incidencias: Partido da sétima xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado no Estadio de San Lázaro ante 1350 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado