A SD Compostela colabora con Fundación Amigos de Galicia na súa campaña de material escolar

  • A entrega ás familias da cidade tivo lugar no Vero Boquete San Lázaro
  • Mediante esta campaña, a entidade entregará 974 mochilas entre menores galegos/as para axudar ás familias galegas en situación de vulnerabilidade cos gastos da volta

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2021

Na xornada de inicio do curso escolar 2021/22 para os ciclos de Infantil e Primaria, a SD Compostela, da man do seu presidente Antonio Quinteiro, participou esta mañá na entrega de mochilas con material escolar da Fundación Amigos de Galicia, para que os menores de Santiago atendidos pola entidade poidan comezar as clases en igualdade de condicións.

O club, a través da súa Fundación, quixo estar presente e colaborar unha vez máis con Amigos de Galicia, nesta ocasión, coa súa campaña “Nas súas mochilas, o seu futuro”.

As mochilas que foron entregadas esta mañá na Porta 1 do Estadio Vero Boquete San Lázaro están compostas por cadernos, lapis, ceras, gomas, compás, regras, material de debuxo para os máis pequenos, dispositivos informáticos… Ademais, este ano tamén inclúen máscaras e  portamascarillas adaptadas a cada ciclo educativo.

Estas entregas de material escolar da entidade desenvolveranse ao longo de todo o mes en diferentes municipios de Galicia e polas cales estiman que entregarán 974 mochilas (cifra que sempre aumenta co inicio do curso escolar, tras detectar os propios centros situacións de menores que non contan con todo o que necesitan).

Compartir en Redes Sociales

Relacionado